REVISTA ABRIL

Pereira homenaxea a Emilia Pardo Bazán no seu novo receitario

Pereira Productos del Mar acaba de lanzar un ano máis o receitario Cociña de “Abordo”, que na súa 17ª edición leva a cabo unha maridaxe entre gastronomía e literatura para homenaxear á figura da escritora e intelectual galega Emilia Pardo Bazán. O receitario leva por título “A cociña do mar de Emilia Pardo Bazán”, con motivo do 110º aniversario da publicación do receitario La cocina española antigua, o primeiro libro de cociña da escritora coruñesa. Fotos: P. Vázquez

Esta mañá celebrouse a presentación do tradicional receitario de Pereira Productos del Mar nun lugar pouco habitual. O CEIP EmiliaPardo Bazán, coñecido como o Chouzo, acolleu entre as súas paredes un divertido acto que contou coa participación do alumnado, quen probou en exclusiva algúns dos manxares que veñen recollidos neste receitario editado en formato calendario. Este recolle algúns dos pratos do mar que a escritora recompilou no libro La cocina española antigua adaptados aos tempos actuais.

Para o devandito labor de modernización, Pereira contou coa colaboración de dous proxectos gastronómicos de relevancia en Galicia: o restaurante Matices (Moaña), da chef Carla Álvarez; e A Xanela Gastronómica (Ponteareas) liderado de forma conxunta polos cociñeiros Anxo Martínez e Víctor Otero. Trátase de 12 receitas, unha para cada mes do ano, nas que a pescada, o polbo, a lura, a raia, o linguado, o bacallau, os mexillóns e a vieira son os produtos estrela.

REVISTA ABRIL

Aínda que non tan coñecida como o seu labor nas letras e o seu compromiso político e social, a divulgación gastronómica levada a cabo por Emilia Pardo Bazán nos seus receitarios tamén resultou clave a principios do século XX. Publicado en 1913, La cocina española antigua é un auténtico exemplo de que un libro de cociña pode ser moito máis que un compendio de receitas e modos de elaboración, converténdose nun documento de importante valor histórico e cultural.

O receitario preséntase, como vén sendo habitual, durante as datas do Nadal e convértese no detalle co que Pereira Produtos do Mar obsequia aos seus clientes. A empresa produciu máis de 2.000 exemplares e tamén se pode descargar gratuitamente na páxina web da compañía.

Xaneiro – Pescada con abelás – Restaurante Matices
Febreiro – Raia cociña – A Xanela Gastronómica
Marzo – Luras e arroz co seu tinta – Restaurante Matices
Abril – Bacallau á Carmen Sánchez – A Xanela Gastronómica
Maio – Linguado con malicia – Restaurante Matices
Xuño – Luras recheas – A Xanela Gastronómica
Xullo – Mexillóns de Manuela – Restaurante Matices
Agosto – Polbo zurrado, segundo Rosa a pescadora – A Xanela Gastronómica
Setembro – Bacallau con pasas – Restaurante Matices
Outubro – Pay de mexillóns – A Xanela Gastronómica
Novembro – Vieiras ao estilo de Vigo – Restaurante Matices
Decembro – Pescada rechea – A Xanela Gastronómica