CAMELIAS MASCOTAS

Sílvia Rábade (Escuchando Elefantes): “A xente quere cultura, e que nestes momentos sexa o primeiro en caer non sei se é a mellor opción”

Recuperamos esta entrevista con motivo do concerto de Escuchando elefantes o 15 de outubro en La Fábrica de Chocolate. Máis información nesta ligazón.

O dúo coruñés formado por Carlos Tajes e Sílvia Rábade, músicos habituais na rúa do Príncipe, volve con novo disco. ¿Por qué siempre cantáis en inglés? é o título e, ironicamente, todas as cancións están en castelán por primeira vez. Un traballo contundente no que novamente ambos volven encargarse de todo: composición, interpretación, produción, deseño, videoclips… Falamos con Sílvia, cando se cumpren dous anos da primeira entrevista que lle fixemos para a revista de marzo de 2019. A enerxía que transmite ao outro lado do teléfono é a mesma que sentimos ao escoitar a súa música.

Sílvia Rábade no Vibra Mahou Fest, en 2019 | P. Vázquez

Non me quero nin imaxinar a de veces que teriades que escoitar esa frase para que decidísedes poñela de título do disco.

Así tal cal nunca, pero si cousas como “Non tedes cancións en castelán?” ou “Só cantades en inglés?”. Gústannos moito os títulos, e xa o da anterior xira (We are fine, thank you) gustara bastante. Non é que lle dediquemos moito tempo a pensalos, chegan sós. Un día falando con Carlos comenteille que estaría ben poñer un título divertido relacionado con isto do idioma, e esta foi a frase que máis nos gustou.

En que porcentaxe este disco é fillo da pandemia?

En ningún. Xa o tiñamos escrito e gravado de antes. De feito o día que comezou a corentena tiñamos programada unha viaxe a Barcelona para planificar co noso selo o lanzamento do disco. Xusto naqueles días enfermamos os dous, debeu ser de gripe, e non tiñamos tempo nin de ver as noticias. Cando Carlos me informaba dalgunhas cousas eu dicía “de verdade isto está pasando? Mellor non miro o móbil.” (risos)

Afectouvos moito o encerro?

O primeiro a verdade é que non, xa que tiñamos que estar encerrados mesturando o disco. Máis de dez horas ao día no estudio dándolle voltas a que engadir ou quitar ás cancións. Coincidiunos bastante ben. Ademais os músicos estamos acostumados a ter etapas de estar todo o día fóra e outras de estar sempre encerrados. Xusto cando sacamos o primeiro single, que ademais ten unha letra case premonitoria (“Ahora viene el final, y yo quiero verte feliz”), xa nos deixaban saír un pouco máis.

Todo o disco está gravado no voso propio estudio.

No segundo disco, Happy Lonely People, xa fixemos as mesturas no que agora é o noso estudio. É unha casa na que vivía eu, que esta no medio do monte e é perfecta para facer ruido. Xa no terceiro, Hope, tiñamos no mesmo espazo o estudio e a sala de ensaio, que fomos mellorando ata que decidimos gravalo integramente aí. E con este tiñamos claro que queriamos facelo tamén aquí para darlle o feeling que buscabamos. No ático fixemos un plató e aí gravamos nós mesmos primeiro o videoclip de “Ahora”, e como nos gustou tanto fixemos os outros dous tamén.

Compoñedes, tocades, producides, deseñades, filmades, montades… Como levades isto de ser os vosos propios xefes?

Está bastante guai no sentido de que se te cabreas é contigo mesmo, e como non queres tratarte tan mal pois non te enfadas tanto. Pero ás veces a esixencia é moito maior. Non me considero perfeccionista, porque non quero que as cousas queden perfectas; máis ben somos meticulosos: queremos que as cousas queden dunha maneira concreta e loitamos para que iso suceda. O bo é que agora temos un management detrás que nos apoia, porque antes era eu a manager e son cousas que levan moito tempo. Interfire bastante no proceso creativo, e cada vez intentamos dedicarlle máis tempo a iso e delegar os outros procesos noutra xente.

Chamoume moito a atención a letra de “Falsa vanidad”. Como nacen uns versos tan directos?

É unha canción que parece de crítica social, pero máis ben é unha crítica constructiva a toda esa falsa apariencia. Ti non es así: non es racista, homófobo, misóxino… Cres que si, pero en realidade non. Ti naciches sendo un alma pura, un neno inocente sen eses pensamentos. Tamén é extensible a cando finximos en redes sociais que todo vai ben pero en realidade só estamos a posar para a foto. Neste caso é tamén unha autocrítica, xa que todos o facemos, e tampouco é algo necesariamente malo. Fala diso: onde está a liña? Que é o bo e que é o malo?

Hai catro anos foi o accidente de coche e agora a pandemia. Sempre hai algo que sabotea as vosas xiras, pero aínda así seguides adiante.

Eu nacín optimista e teño que loitar para que a xente non me convenza do contrario. Os obstáculos supéranse con optimismo, sempre te sentes mellor nesa vibración da ledicia. Non só vas á panadería que ten o mellor pan, senón aos que son máis agradables. Ás veces é preciso experimentar esa dor, pero se non consegues saír non te leva cara adiante e vives no pasado. Hai que cambiar para evolucionar.

O accidente veu xusto antes de iniciar unha pequena xira por Reino Unido. Vedes viable a opción de volver nun futuro a pesar do brexit?

Non sei como está o tema brexit agora, pero seguimos sendo moi anglosaxóns nese sentido e claro que queremos volver. Encántanos Francia e Reino Unido e todo colle de camiño se te fixas (risos). Tal e como está a situación poder ir a Madrid o mes que vén é un agasallo divino.

E hai cinco, máis ou menos, que decidiches empezar a tocar a batería nos directos e nos discos. Como ves esa decisión agora coa perspectiva do tempo?

Estamos moi conformes con iso. Foi un cambio pero tampouco radical, xa que nos concertos continúa a haber partes máis acústicas. A pesar de ser un disco con bastante ritmo tamén hai eses momentos de calma. Somos moi de dinámicas, e ao encargarme eu agora da batería creamos as cancións dunha maneira máis compacta. Eu ademais síntome como peixe na auga tocando a batería, estou súper contenta.

Instrumentalmente é un disco moi potente e compacto como dis, cunha produción moi coidada. Non é difícil defendelo en directo con só dous instrumentos?

Esa é a gracia. Carlos ten un montón de pedais nos concertos e aínda que no disco estea algo máis adornado con sintetizadores ou cordas, penso que os directos en parte deben ser distintos a un disco. Se desfrutas da enerxía que transmite a banda non tes tempo a botar de menos eses instrumentos que faltan. Ademais chama a atención que só sexamos dúas persoas no escenario.

A versión física do voso disco está moi coidada, a pesar de que vivimos nunha época na que cada vez os CD parecen ter menos peso. Aínda creedes na música en formato físico?

Son unha defensora do formato físico, e iso que non son de comprar por comprar. Penso que a arte en formato físico, sexa do tipo que sexa, é outra sensación. Sobre todo se es ti quen o fai, telo entre as mans non ten nada que ver con simplemente escoitalo. Ademais, como xa supoñerás, todo o disco está feito por nós (deseño, fotos…), inclúe as letras, a historia de por que cantabamos en inglés, dedicatorias… O disco non son só as cancións, é unha forma de enmarcalas nun traballo completo. Está a ter moi boa acollida: esgotamos os 200 exemplares limitados que puxemos en preventa para “fans moi fans”. Tiñamos preparado o vinilo pero houbo que paralo porque co tema da pandemia ían tardar moito en facelos. Pero está aí, esperemos que no futuro poidamos sacalo.

Agora ata está a volver o casete.

REVISTA NOVEMBRO

Xa o vin, pero non son tan amiga do casete. Gustábame moito de pequena, pero porque era o que había. Nesta casa ademais hai moita humidade e enchíanse de mofo (risos).

Polo que vin xa esgotastes un dos pases para o concerto de presentación en Madrid. Imaxino que estará a ser moi difícil planificar esta xira.

Buf… non hai palabras para definilo. Frustrante quédase curto. Xa non é incertidume, é que sabes que cho van cancelar antes case de programalo. É triste porque, ademais da enfermidade, nestes tempos a xente tamén vese moi afectada polo tema psicolóxico. A xente quere concertos e cultura, e que nestes momentos sexa o primeiro en caer non sei se é a mellor opción. Para nós, pois nada, implica currar aínda máis. É o que hai.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.