Tinta: xuventude e madurez a ritmo de soul
Levan menos de dous anos tocando xuntos e a súa música reborda madurez. Tinta, unha das bandas viguesas que aconsellamos seguir de preto, vén de sacar a semana pasada o seu novo EP, Astray. Unha palabra que inglés significa algo así como ir polo mal camiño ou descarreirado, aínda que eles prefiren interpretala como “ir máis alá sen perder a esencia”. Independentemente do significado, estas tres novas cancións desprenden enerxía e personalidade. Falamos co guitarrista e teclista do grupo, Martín Rotea.
Aínda que a súa repercusión non foi moi elevada, hai dous anos o Concello lanzou o concurso de bandas emerxentes Vigo en Vivo. Co fin de participar nel, Marta e Martín crearon Tinta, onde ela compoñía as letras e as melodías e el encargábase da música. Para a fase final precisaban de máis membros, polo que sumaron a Lucía Quimey á batería e a Juan García ao baixo. Con esta formación gañaron o concurso, o que lles permitiu gravar o seu single “02:40 A.M.” e lles abriu varias portas para actuar en diferentes locais.
Ese mesmo ano publican Mondi Miei, o seu primeiro EP formado por tres cancións de aires neo-soul e música negra, uns xéneros que, segundo Martín, “non é o que máis gusta á xente da nosa idade”. A pesar das restriccións que chegaron coa pandemia, Tinta puido realizar uns cantos concertos, entre eles o de teloneiros de Miss Cafeína no Festival TerraCeo do Mar de Vigo. Co aforrado nestes shows produciron Astray, o seu segundo traballo de estudio. Un EP máis ambicioso que conta cun gran traballo na instrumentación: “xa que estabamos no estudio e podiamos tocar o que nos petase, pois probamos de todo. O tema “Bahía de Samaná” conta con 30 pistas de audio, con instrumentos que non sabiamos nin como se chamaban”. Resulta inspiradora esa imaxe do estudio como un campo de xogos onde experimentar e divertirse, ao máis puro estilo Beatles ou Beach Boys.
Iso pode ser un problema á hora de presentalo en directo para unha banda de catro persoas: “xa as presentamos nese formato antes de gravalas e non distaban tanto de como acabaron”, comenta o multinstrumentista. Tamén nos confesa que, por culpa da pandemia, quedaron (e quedamos) sen a versión big band: “antes de que impuxeran todas as restriccións tiñamos pensado facer un concerto máis grande con todos os músicos que participaran na gravación do disco. É algo que aínda temos pendente”. Namentres, a falta de concertos, estes rapaces contían a compoñer coa cabeza posta en poder lanzar un elepé para o ano que vé. Así o agardamos.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024