REVISTA ABRIL

Chega o Riquiño Exchange para mover Vigo a ritmo de swing

Afeccioados e afeccioadas ao swing, estades de sorte, xa que do venres 27 ao domingo 29 de xullo terá lugar no Salón Regio de A Sede do RC Celta e no Museo do Mar o Riquiño Exchange, un evento lúdico que contará con tres festas, música en directo e moito, moito swing. 

Un exchange, a diferenza dun festival, non ten un fin didáctico xa que non conta con clases, senón que o único fin é o de reunir ao maior número de bailarines posible, cunha finalidade lúdica. Isto é o que acontecerá no Riquiño Exchange, o primeiro evento deste tipo que se fai en Galicia, e que pretende xuntar a apaixoados e apaixoadas deste xénero de tódalas partes do país e de Europa.

REVISTA ABRIL

O festival comeza o venres 27, a pesar de que o día anterior haxa unha pre-festa no Espacio Mahou do Mercado do Progreso. As festas do venres e do sábado terán cabida no Salón Regio da Sede do Real Club Celta, na rúa de Príncipe. Alí haberá música en directo a cargo dos valenciáns Le Dancing Pepa Swing Band e dos sevillanos O Sister. A festa do domingo 29 será no Museo do Mar, tanto nunha sala interior como na terraza da cafetería, un lugar idílico no que bailar ante a atenta mirada das Illas.

Existen dúas modalidades á hora de apuntarse: o party pass e o full pass. O primeiro, de 65€, inclúe a entrada para tódalas festas que teñan lugar eses 4 días máis unha pequena clase multinivel a cargo de Elena He Al, mentres que o full pass, orientado á xente de fora e xa esgotado, trae a maiores unha ruta de tapas polo Casco Vello e unha viaxe en goleta a Cíes, con chapuzón incluído na Praia de Rodas para os máis valentes.

Esta primeira edición do Riquiño Exchange é unha boa oportunidade para coñecer xente coa mesma paixón polo swing e poder bailar todos xuntos en escenarios de gran beleza como o Salón Regio e o Museo do Mar.