Cultura a domicilio
Golpes Bajos estreou «Malos tiempos para la lírica» en 1983. Hoxe, case catro décadas despois daquel canto de Germán Coppini, son malos tempos para a lírica e para a literatura en xeral, como tamén o son para a música, as artes escénicas, as artes plásticas, o cinema… O tecido cultural atravesa unha situación moi complicada, esperando por uns tempos mellores que parecen non dar chegado. Co asumido distanciamento social e o aforo limitado, calquera espazo que alberga estas actividades amosa unha estampa deprimente que só consegue aumentar saudades dos tempos desenmascarados. Con todo, cómpre non deixarse levar polo derrotismo e adaptarse da mellor maneira posible á situación actual. Internet permítenos gozar de moreas de contidos culturais na rede, ademais de facilitar o envío de produtos aos fogares. É posible seguir consumindo produtos de proximidade desde a casa namentres se apoia o pequeno comercio, algo que non é alleo á nosa cultura.
Unha das grandes novas do mes pasado foi o nacemento de Todos tus libros (todostuslibros.com), unha plataforma en liña creada por CEGAL (Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros), que conta con máis de un millón e medio de libros á venda. Neste espazo de resistencia, que pretende competir contra grandes complexos multinacionais sobradamente coñecidos, atopamos librerías viguesas como Cartabón, Ites, Libros para soñar, Librouro ou Nobel. Unha opción ideal para comprar e agasallar literatura e axudar ás nosas tendas sen saírmos da casa.
A primeiros do mes pasado, logo do centenario da primeira publicación da revista Nós, anunciouse a súa dixitalización completa no portal web Galiciana (galiciana.gal), onde se espera concluír o ano co total dos 144 exemplares dixitalizados dispoñibles. Ademais existen máis de 5.000 títulos históricos para consultar, entre os que se encontran algunhas obras clave da nosa literatura en formato de libro electrónico. E é que a literatura online pode convivir en harmonía con librerías como as amentadas ou bibliotecas, como o servizo público que ofrecen na nosa cidade as que levan os sobranceiros nomes de Juan Compañel ou Xosé Neira Vilas. Volvendo á rede, imos parar a GaliciaLe (galiciale.gal), onde podemos atopar tanto e-books como filmes galegos, cun funcionamento de préstamo é similar ao dunha biblioteca convencional, ademais de complementarse cun interesante catálogo do libro electrónico en castelán. O apartado audiovisual contén unha escolma do noso cinema, con filmes tan recentes como O que arde (Óliver Laxe, 2019), Longa noite (Eloy Enciso, 2019), Dhogs (Andrés Goteira, 2017), Decorado (Alberto Vázquez, 2016), Lobos sucios (Simón Casal, 2016), Os días afogados (César Souto e Luís Avilés, 2015), O descoñecido (Dani de la Torre, 2015), No Cow on the Ice (Eloy Domínguez, 2015), A esmorga (Ignacio Vilar, 2014), Os fenómenos (Alfonso Zarauza, 2014), De profundis (Miguel Anxo Prado, 2007). Tamén hai representación local con La mujer invisible (Noemi Chantada, 2018), Vigo 1972 (Roi Cagiao, 2017) ou Matria (Álvaro Gago, 2017).
Entre as grandes compañías de vídeo baixo demanda, como poden ser Filmin, Movistar+ ou Netflix, tamén hai películas e series con selo do país: A illa das mentiras (Paula Cons, 2020), La unidad (Dani de la Torre, 2020), Auga seca (Toño López, 2020), Quen a ferro mata (Paco Plaza, 2019), Hierro (Jorge Coira, 2019), 16 de decembro (Álvaro Gago, 2019), Hamada (Eloy Domínguez Serén, 2018), A sombra da lei (Dani de la Torre, 2018), O sabor das margaridas (Miguel Conde, 2018), Fariña (Carlos Sedes, Jorge Torregrossa, 2018), María (e os demais) (Nely Reguera, 2016) ou Psiconautas, os nenos esquecidos (Alberto Vázquez, Pedro Rivero, 2015).
Tamén é certo que ao termos acceso gratuíto a plataformas internacionais tan populares como Spotify ou YouTube corremos o risco de esquecer a escena musical máis nosa. Unha moi boa forma de apoiar artistas e bandas locais, especialmente nesta época sen apenas concertos, é comprar discos e demais artigos a través das súas propias páxinas web. Tamén existen plataformas galegas como Tolemias (tolemias.tv), na que mediante subscrición se pode gozar de infinidade de directos, tanto nacionais como internacionais; ou A Ponte dos Concertos (apuntestudio.com), unha alternativa ás actuacións presenciais. Pero non imos deixar de lado as salas, que padecen o decreto que as mantén pechadas desde hai meses, deixando un baleiro enorme na noite viguesa. Por isto, a promotora Sweet Nocturna sacou á venda unhas camisetas co lema «Support your local music dealer», é dicir, «Apoia o teu provedor local de música», cuxos beneficios están destinados a estes espazos culturais.
Malos tempos ou non, non hai escusa para deixar de apoiar a nosa industria cultural, mesmo desde as trincheiras das nosas casas. Cando o pesadelo da crise actual remate, a saber cando, non nos gustaría espertar nun mundo en que o sector cultural foi derrubado sen que ninguén o defendese. Porque deixar esmorecer a cultura si que é un golpe baixo.
Por Pablo Vázquez
[Este artigo está publicado na revista A Movida de decembro . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres apoiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024