CAMELIAS MASCOTAS

Eladio Santos: «É importante manter a vertixe, iso nótase na emoción da música»

Quedamos con Eladio Santos (Vigo, 1973) o 10 de marzo, a catro días de declararse o estado de alarma. El, canda os seus Seres Queridos, acababan de lanzar o álbum Academia e no mes de abril —para o que estaba prevista a publicación desta entrevista— tiñan programado o concerto de presentación do novo disco no Auditorio Municipal do Concello. Despois do estalido da pandemia mundial, as axendas de todo o mundo se viron condicionadas… así que volvemos falar, pero esta vez por teléfono.

Como cambiou a túa vida desde aquel día de marzo no que quedaramos para a entrevista?

A nivel laboral, o que máis noto é non traballar en La Fábrica de Chocolate. Implicaba moitas horas e tamén socializaba moito, agora son coma un monxe. Aínda me estraña estar os venres e os sábados pola é noite na casa vendo unha película, aínda que iso sempre me gustou. Tiven que buscar outras formas de traballo. Nunca pensei que sobreviviría sen traballar na Fábrica e aquí estou, pero agora vén o complicado…

Xusto acababades de lanzar un disco, tiñades por diante unha nova xira… e todo se paralizou.

Con Academia iniciabamos unha etapa nova. Tivemos que establecer un método máis disciplinado porque pasamos de ser un grupo de rapaces con moito tempo libre, a ser un grupo de señores con fillos e traballos. Agora ensaiamos moito menos, pero dun modo máis eficaz. Quedamos moi contentos co son do grupo nos concertos que demos este verán pasado. Ademais, tiven tempo para traballar na guitarra, poñela a punto e aprender a tocala ben.

Pénsase que para músicos é difícil manter unha vida persoal estable, formar unha familia… pero non é o teu caso, ou?

Ás veces dinme que son un exemplo de que si se pode facer. Teño unha vida familiar non moi diferente da que tiñan os meus pais. Son moi caseiro, gústame cociñar, arrombar os cuartos… Son moi feliz na casa. É certo que un sempre vive con certa vertixe sobre o que vai pasar o ano que vén, se un podería seguir vivindo así. Pero penso que iso agora é o que lle pasa a todo o mundo, non é algo excepcional.

Que balance fas dos tres lustros de Eladio y los Seres Queridos?

Non é unha carreira meteórica en absoluto, foi moi pouco a pouco, case sen decatarse. Hai unha frase de Josele Santiago que se adapta moi ben a isto: «Méteste nunha furgoneta e un día pasaron 30 anos». Pero estou moi satisfeito, todo serviu para realizarnos, expresarnos… Non tivemos grandes altibaixos, pasaron unha chea de grupos, un feixe de modas e nosoutros sobrevivimos. Agora poder dicir que tes un grupo desde hai 15 anos xa é un éxito.

Por que queredes presentar o novo disco no Auditorio do Concello, non en La Fábrica, como vén sendo habitual en vós?

Facer a presentación na Fábrica xa era un ritual e creo que é bo rachar coa rutina. Penso que era moi malo para o grupo ser compracentes, acomodarse no que funciona, porque se vai perdendo o interese, a vertixe… É importante manter a vertixe, iso nótase na emoción da música. Estamos ensaiando para que a xente que nos viu un montón de veces, vexa un grupo novo e que se reenganche; nese sentido temos que ser valentes e queimar unha bandeira.

Como foron os teus inicios como músico?

Javier Feijoó «Chisco» e mais eu eramos compañeiros de clase. Un día chegou á escola cunha gaita; iso fascinoume e nun par de semanas xa estabamos tocando. El ensinoume a tocar a frauta doce e botei dos 9 ata os 13 anos escoitando música folk e tocando a gaita. Empecei a tocar a guitarra porque vivindo nun piso o de tocar a gaita era complicado… Cando tiña 14 anos, había un un grupo punk que precisaba un guitarrista e alá fun de cabeza. Aí foi cando me metín na furgoneta e xa non parei.

E no medio de todo ese proceso, cando decides que te vas dedicar a isto?

Nun momento dado coñecín a Tony Lomba e el sacoume adiante. Con el vivín situacións extremas sobre o escenario que me fixeron perder o medo. Creo que de non ser por el, eu nunca chegaría a cantar; de feito, cando era simplemente o guitarrista, agochábame para que non se me vise moito.

Lembras o teu primeiro concerto en Vigo?

Foi a finais dos anos 80 na praza de Compostela, onde había unha especie de casa okupa onde se deu un concerto das bandas Desvirgueitors, Os Raiados e o meu grupo, Juerga General. No primeiro concerto tivemos moitísimo éxito e si que me sentía como nunha película de Raphael… Daquela os concertos estaban sempre cheos e o son dun acorde de guitarra con distorsión era algo liberador.

O dos Seres Queridos foi bastante despois…

No verán de 2005. Sabía que La Casa de Arriba non tiña programación estival e ocorréuseme facer uns concertos semanais para non quedar tirado. Os «Seres Queridos» eran os artistas invitados que tocaban xunto a min en cada concerto. Pensaba que se amigos deles para velos, podiamos ter algo de público. Naqueles concertos tiña licenza para facer o que me apetecese e iso liberoume, deixei de ser un músico que toca as cancións de alguén para pasar a ser o cantante. Empecei a ver que lle gustaba á xente e naquel mes de setembro xa tiña propostas para gravar, polo que simplemente tiven que deixarme levar.

Como ves o panorama local da música?

Son tempos mellores, a pesar de todo. No século XXI a xente empezou a cantar mellor, a tomar a música máis en serio. Hai proxectos moito máis versátiles, máis atrevidos, moito máis nivel. Tamén hai menos envexas, porque antes había máis pique entre os grupos. Agora enténdese mellor como funciona a escena.

«El tiempo futuro» converteuse nunha sorte de himno da nosa cidade.

Teño unha edificación moi grande con Vigo e con Galicia. Gústame o carácter de desta cidade, o clima, ten unha atmosfera moi acolledora, sempre tiven consciencia diso. E cando estás por aí sempre estás desexando que chegue o sábado para volver. «El tiempo futuro» era unha canción esquecida, non era das primeiras cancións daquel disco, Están Ustedes Unidos (2011); non imaxinaba que chegase a ser das máis relevantes. No seu éxito tivo moito que ver o  o vídeo, diso estou seguro diso.

E agora, inmersos no outono da pandemia coas salas de concerto pechadas e coa complicación de facer cousas ao aire libre, que opción vos queda?

Eu son moi receptivo ao que veña e ademais estou explotando a opción de cantar en solitario, vou a onde me chamen. Pero o certo é que a axenda de concertos está parada, polo que intentarei facer máis traballos de produción na casa para chegar ata a primavera. 

Que tal a experiencia de dar concertos co público sentado e con todas as medidas de seguridade tomadas por causa do coronavirus?

Depende. A xente está moi atenta e hai un silencio co que se pode traballar moi ben, pero ao principio foi moi desconcertante. A imaxe era de ciencia ficción, como tocar para un exército ninja. Nesta tesitura pódense conseguir momentos moi emotivos, pero son concertos moito máis esixentes nos que cómpre estar concentrado todo o tempo.

REVISTA NOVEMBRO

Será un reto ata poder dar concertos coma os de antes…

Pensar niso faime tanta ilusión! Só de pensar que a xente poida estar de pé, aínda que haxa restricións… Se me din «mira, iso vaise poder facer a partir de setembro do ano que vén», pois xa está, xa teño un obxectivo. Vivir con ilusión é o máis importante.

[Esta entrevista está publicada na revista A movida de outubro . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.