VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Xa se pode consultar a Revista Nós de maneira online

No día do seu centenario presentouse a dixitalización completa da publicación, que supón a recuperación do legado da Xeración Nós acorde coas novas canles de acceso de información. Nestes momentos xa están dispoñibles para a súa descarga a través de Galiciana-BDG os 100 primeiros números que se publicaron de Nós en formato ePub. Ao longo deste ano seguirá a transformación do resto dos números ata completar os 144 exemplares.

Capa do nº12 da Revista Nós, obra de Alfonso R. Castelao

Hai un mes, na nosa revista de outubro, o historiador Xurxo Martínez falábanos do centenario da Xeración Nós. Esta fin de semana pasada tamén publicamos a colaboración entre Cervexas Nós e Rei Zentolo para conmemorar este aniversario. Para completar todo isto, a Secretaría Xeral de Cultura, como un dos promotores da conmemoración do centenario de Nós, está a impulsar a dixitalixzación da revista para permitir a súa lectura en diferentes dispositivos, como smartphones ou tablets, adaptándose así aos hábitos lectores da sociedade actual.

Nestes momentos xa están dispoñibles para a súa descarga a través de Galiciana-BDG os 100 primeiros números que se publicaron de Nós en formato ePub. Cada un dos números que saíron mensualmente desde o primeiro, o 30 de outubro de 1920, ata o publicado en abril de 1932 pódense descargar neste formato. Ao longo deste ano seguirá a transformación do resto dos números de Nós a formato ePub. Completaranse así os 144 que se publicaron, algúns deles de xeito conxunto, como o seu último número, que nunha única entrega a finais do ano 1935 xunta os números 139 a 144.

Desde a súa posta en marcha en 2008, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia ten como prioridade non só seguir incrementado o número de páxinas dixitalizadas ás que dá acceso, senón tamén destacar contidos que resulten atractivos e de interese para os seus usuarios. A mediados do mes de novembro estará dispoñible o portal revistanos.gal, o outro proxecto co que a Secretaría Xeral de Cultura quere poñer en valor todo o potencial da revista Nós. Tomando como referencia a información e as imaxes proporcionadas por Galiciana, esta nova web presentará dunha forma innovadora e moi visual os datos de todas as persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus 15 anos de vida.