CAMELIAS MASCOTAS

Volve #ARutaDasArtistas de Davida aos barrios e locais

O noso colaborador e ilustrador David Amoedo (Davida) volve á rúa para comezar coa segunda serie de #ARutaDasArtistas, un conxunto de 21 ilustracións de mulleres artistas situadas nas paredes de seis barrios da cidade. Como novidade, este ano tamén haberá láminas nalgúns bares, tendas e outros locais do pequeno comercio. E desde A Movida temos un xogo preparado para vós.

Davida co mural de Sanny, unha das retratadas nesta segunda edición da ruta | Edi Morgan

Lembrádesvos de #ARutaDasArtistas? Trátase dun proxecto nado no seo de Festival Nun Local que consiste nun percorrido polas actuacións femininas máis destacadas das tres primeiras edicións do Festival. Consistía nunha serie de ilustracións de mulleres artistas que Davida foi realizando e pegando na rúa por diferentes barrios da cidade. Entre outubro de 2018 e xaneiro de 2019 fomos publicando un artigo mensual na nosa revista en papel, no que falabamos coas retratadas e lles sacabamos unha fotografía xunto ao debuxo. Unha bonita iniciativa para percorrer a cidade con outros ollos e coñecer o tecido cultural feminino de Vigo e arredores.

REVISTA NOVEMBRO

Davida volve á carga con 21 ilustracións novas en seis barrios da cidade, e nós imos proporvos un xogo. Cada semana deixaremos nas nosas redes unha serie de pistas para que adiviñedes a localización dos novos murais e láminas das ArtistAs. Esta primeira semana terá lugar no céntrico barrio de Casablanca, onde haberá tres obras repartidas na rúa ou nos locais.

Os premios? As primeiras persoas en encontrar e fotografar todas as obras recibirán unha copia do libro ArtistAs asinado por Davida. Quen saque fotos ás Artistas dun só barrio, entrará no sorteo do mesmo libro. E, por último,quen sexa o primeiro en sacar unha foto de calquera das obras gañará unha lámina do debuxo en cuestión desta singular exposición. Ao subir a foto a Instagram ou Facebook tedes que poñer o hashtag #ARutaDasArtistas e etiquetarnos a Davida (@davidavgo) e a nós (@amovidavigo).

As artistas retratadas son Sanny, Susana Blanco, Su Garrido, Katerina Linke, Magdalena Gamallo, Cora Velasco, Beatriz Blanco, Constance Hurlé, Clara Ferrao, Adelfas, Yolanda Porto, Sara Piñeiro, Paula Valluerca, Katia Mera, Silvia Penas, Marina Carpente, María Jorge, Claudia Abril, Maguinha Margaça, Carmen Rosende e Patricia Meira. Os barrios, ademais de Casablanca, serán Balaídos, Bouzas, Casco Vello, Progreso e Travesas.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.