CAMELIAS MASCOTAS

Sons da Canteira, o festival que terá lugar nunha canteira do Porriño

Nace a primeira edición de Sons da Canteira, un festival organizado polo Concello do Porriño que se celebrará o 29 de agosto na canteira en proceso de restauración de Vilafría. O cartel fórmano catro artistas do país relacionados coa música e a videocreación: Baiuca, Mercedes Peón, Laura LaMontagne & PicoAmperio e, abrindo o concerto, o DJ/VJ Juanma LoDo.

A canteira de Vilafría, en proceso de rehabilitación | Sons da Canteira

O pasado venres presentouse esta primeira edición do festival Sons da Canteira, un evento musical que terá lugar na canteira en proceso de restauración de Vilafría, no Porriño: “é un anfiteatro natural que aproveitamos para difundir a vangarda da tradición galega e reinventar o lecer cultural nun espacio moi amplo ao aire libre para estes tempos de pandemia”. Así definiu a concelleira de Cultura do Porriño, Cami Moreira, parte da esencia do Festival.

Deste xeito, a idea do Concello pasa por “seguir celebrando o festival durante os dez ou doce anos que dure a rehabilitación completa”, para seguir afondando en novas formas de rehabilitar e ocupar espazos que antano estaban destinados a outras actividades. “Queremos dar a coñecer O Porriño usando unha contorna natural e darlle outra versión a esa estracción industrial da pedra de Atios”, continúa Cami Moreira, para “poñer en valor o territorio e a identidade”.

REVISTA NOVEMBRO

O cartel está formado polo máis destacado da música galega que mestura vangarda e tradición, con nomes como Baiuca, Mercedes Peón e Laura LaMontagne & PicoAmperio. Abrindo a velada estará DJ/VJ Juanma LoDo, combinando música e proxeccións en directo. O evento contará tamén coa participación de dous bailaríns de Atios, a zona onde se ubica a canteira.

A idea do festival xestouse na memoria da concelleira Cami Moreira desde que, en 1995, asistira á única edición do Festival Son da Pedra, cunha “impactante” actuación de Milladoiro nunha canteira do Porriño. Trátase dun “formato novidoso que aproveita as posibilidades sonoras e estéticas para unir tradición e modernidade”, apunta a alcaldesa Eva García de la Torre.

As entradas para asistir ao festival están aínda dispoñibles na web woutick.es a un prezo de 16,50 euros a entrada individual e desconto para grupos, coas opcións de sentar en mesas de catro e seis persoas xa esgotada. Alén disto, a organización porá a disposición de todas as persoas asistentes un servizo de autobús gratuíto para acceder á canteira de xeito seguro e sostible.

29ago18:00Sons da canteiraFESTIVAS E FEIRAS | 16'50 €18:00(GMT+02:00) Canteira de Vilafría (O Porriño)