CAMELIAS MASCOTAS

Seis roteiros para coñecer o Vigo pesqueiro

A Fundación para la pesca y el marisqueo, Fundamar, organiza un ano máis unhas xornadas Vigo Pesqueiro para amosar á poboación a riqueza do entorno costeiro da nosa cidade, percorrendo en seis roteiros a lonxa, os faros, os asteleiros, o cable inglés e as praias que configuran o patrimonio marítimo vigués.

REVISTA NOVEMBRO

Estas son as seis actidades propostas por Fundamar para coñecermos o litoral neste mes de xullo. Cada actividade ten un custo de 8€, salvo para os menores de 12 anos, que poderán asistir de xeito gratuíto. As persoas que desexen participar, poderán reservar a súa praza a través do enderezo electrónico info@vigopesqueiro.com ou o teléfono 610 312 685. As prazas son limitadas.

– VENRES 10/07 ÁS 19:00: VIGO, ORIXES E ACTUALIDADE DUNHA URBE PORTUARIA. O punto de encontro será nas Instalacións Portuarias do Berbés, na entrada,  e alí comeza a visita, achegándonos á flota de baixura, ás artes de pesca, así como da comercialización, procesado e transformación do peixe. A continuación a visita guiada seguirá cara a Praza da Ribeira, cuxos soportais xa non baña o mar. Visitaremos as rúas estreitas e prazas tan ligadas á actividade pesqueira, e no Casco Vello remataremos a actividade.

– SÁBADO 11/07 ÁS 11:00: PERCORRE BOUZAS – ALCABRE: O MAR DE VILLALOBOS. Esta actividade terá comezo na casa do Patín en Bouzas (Rúa de Eduardo Cabello, 41A) e transcurrirá polo paseo Valentín Paz Andrade ata o Museo do Mar en Alcabre, destacando os elementos de cultura mariñeira e da pesca da Vila de Bouzas, que aínda sabe a sal. Unha vez no Museo, quen o desexe poderá visitar por libre na sala de exposicións temporais a mostra de Nelson Villalobos “Blanquísima su Presencia” que conta con 60 pezas deste artista cubano que mostran a relación Galicia-Cuba-La Habana-Vigo.

– VENRES 17/07 ÁS 19:00: A GUÍA: VIXÍA DO MAR. A NOSA ESTRELA NA TERRA .Este percorrido comeza no faro de A Guía  (Travesía Espiñeiro 1) o segundo máis antigo en Galicia despois da Torre de Hércules. Imos poñer en valor os elementos marítimos, pesqueiros e industrias da contorna, coma o Barrio de Ríos, A Etea, Punta Lagoa e falaremos tamén de destacadas familias da conserva, da “sardiñocracia” que fixaran na Guía a súa residencia.

– SÁBADO 18/07 ÁS 11:00: A INDUSTRIA CHEGOU POLO MAR. DAS SALINAS Á AXENCIA EUROPEA DE PESCA. Neste caso, os participantes encóntranse na Estación Marítima de Vigo, de onde se dirixirán ao Areal, primeiro barrio industrial de Galicia. En Rosalía de Castro, en Salinae  agardará o persoal do centro para facernos unha visita guiada. Descenderemos ata o mundo romano, e a súa industria de salazón e sardiñas en ánfora. Unha vez rematada a visita ás salinas, continuaremos cara a rúa García Barbón, onde, entre os emblemáticos edificios, merece un aparte o Odriozola, por seres a sede da Axencia Europea de Pesca, unha proba máis que converte á nosa cidade en Capital Europea Da Pesca.

– VENRES 24/07 ÁS 19:00: PERCORRE: DE PORTO CULTURA Á PRAZA DA ESTRELA.  Este percorre terá o punto de encontro en Porto Cultura, antiga nave de redeiros, e onde nos agardan as aventuras dun intrépido navegante galego “Gonzalo de Vigo” que xunto con outros mariños embarcouse con Magallanes ata as Molucas. Moi preto del, agárdannos as historias do Cable Inglés e o cable Alemán, de cando as noticias do mundo pasaban Vía Vigo. O Porto foi importante para a pesca, e non só, posto que Vigo foi tamén un importante porto de emigración a finais do XIX e do séc XX. Polo Paseo Marítimo irémosnos encontrando con esculturas como o Bañista e o Nadador, de Francisco Leiro, ou como Jules Verne que nos falará dos misterios que a nosa ría agocha. Remataremos na Praza da Estrela, onde se atopa a sede da Autoridade Portuaria.

– VENRES 31 ÁS 19:00: PERCORRE: ORIXES DO MAR. DOS CASTREXOS ATA HOXE. O Punto de encontro será a Fortaleza do Castro, aproveitando os excelentes miradoiros 360 graos da cidade, poderemos admirar a grandiosidade do noso porto prácticamente na súa totalidade (terminal ro-ro Bouzas, porto pesqueiro do Berbés, Peirao de Trasatlánticos, Peirao do Areal e de Guixar). Dende alí, poderemos admirar tamén a ubicación de moitos dos castros que se atopan nos montes, no cinturón verde que nos rodea, e entenderemos que a actividade da pesca dos nosos antergos era xa de gran importancia no mundo pre-romano. No Monte do Castro atoparemos o Monumento aos Galeóns de Rande, áncoras e cañóns rescatados desta Batalla naval de 1702. Continuaremos ata Paseo Alfonso onde nos agradan a poesía do Mar, desde os trovadores da ría ao poeta das vangardas Martín Códax. E onde nos agarda tamén a fantástica panorámica pesqueira do Berbés.

Por mor da situación sanitaria actual, as actividades de Vigo Pesqueiro levaranse a cabo con medidas de seguridade adicionais, tales como a obrigatoriedade de levar máscara e manter a distancia de seguridade para todos os participantes. Ademais, a guía disporá de xel desinfectante.