REVISTA ABRIL

Nelson Villalobo: unha viaxe de ida e volta

O pintor cubano volta á cidade na que viviu tantos anos cunha exposición que poderemos ver de balde no Museo do Mar ata finais de xullo. A mostra está composta por varias decenas de obras realizadas entre 1995 e 2020, agrupadas baixo o título Blanquísima tu presencia, nas que Villalobo exhibe a súa destreza no uso das cores e a variedade de técnicas.

Non é a primeira vez que Nelson e Pablo Villalobos, padre e fillo, traballan xuntos nun proxecto artístico. Neste caso, Pablo encargouse da curaduría da exposición, seleccionando e distribuíndo na sala todas estas pezas realizadas nos últimos 25 anos. Incluso antes de entrar ao edificio, no propio xardín, poderemos ver un mástil decorado polo artista, que quedará como mostra permanente.

Xa dentro, un lenzo panorámico de sete metros dános a benvida. Este collage foi realizado a propósito para esta exposición e nela recoñecemos referencias autobiográficas e influencias do autor cubano: o mar, a catedral e o molle de La Habana, o político e escritor José Martí; referencias da arte universal, como Boticelli, Roy Lichtenstein; e outras da nosa cidade: o Museo do Mar ou as Illas Cíes… Infinidade de cadros dentro dun mesmo espazo, poñendo de relieve o personalísimo estilo de Nelson, que defende que a el non lle “interesa a pintura realista, pois para iso están as cámaras de fotos”. Unha peza que transmite tanto gozo como o que lle proporcionou pintala e que foi rematada durante o período de confinamento.

O mar e as súas ondas actúan como nexo condutor da mostra, na que predominan as cores azuis, as espirais, as ondas expansivas e as referencias a ambos lados do Atlántico. Na sala principal, seis cadros máis un bosquexo en branco e negro continúan esta idea. Os seis diferentes, pero cun cúmulo de motivos que se repiten: as cabezas pensativas, as espirais, os xogos de perspectivas e novamente as Cíes. Villalobo conta que estructura o seu traballo en series, que concibe como os escritores os poemarios. Outro destes poemarios atoparémolo con só xirar a cabeza cara á parede oposta. Cinco lenzos de gran tamaño e gran colorido. Un mundo ben distinto do que acabamos de visitar, pero cuxas cores planas e rechamantes e formas onduladas nos levan a outra obra que xa coñecemos do pintor cubano: o mural situado nas escaleiras que suben do inicio de Rúa don Bosco a Venezuela. No caso das que colgan no Museo do Mar, foron pintados en memoria da súa nai, Elvira, baixo o título de El jardín de mamá e rematan cun retrato colorista da mesma.

REVISTA ABRIL

No fondo da sala, nun inmeso lienzo panorámico, vemos unha homenaxe ao poeta Carlos Oroza, amigo íntimo de Nelson, cunha representación visual do seu poema Évame. Villalobo foi un gran impulsor do coñecemento de quen para el é un dos xenios da literatura nacional dos séculos XX e XXI.

A exposición continúa con diferentes series totalmente distintas entre si, síntoma da polivalencia do autor e a súa actitude de xogo ante a pintura. Pintado na parede que dá entrada á segunda sala, rodeando a palabra Ruptura, atopamos descomposto o seu nome: Nelson, Villa, Lobo e Ferrer, indicando as diferentes personalidades artísticas do pintor, “como facía Fernando Pessoa na literatura”. Xa dentro, descubrimos unha mestura de influencias cubistas e primitivistas e tamén unha peculiar homenaxe ás Meninas de Velázquez, unha das 70 revisións que Nelson confesa ter feito da obra do pintor sevillano. Neste cadro redistribúe os elementos por todos coñecidos (as meninas, o can, o propio Velázquez) no salón da súa antiga casa en Zaragoza. Finalmente, atopamos a única obra anterior a 1995, un autorretrato realizado na súa etapa de estudante de arte en Cuba.

Pode parecer un amplo resumo da traxectoria deste artista incansable, mais seu fillo Pablo nos ofrece un dato bastante revelador: que el teña rexistrado, a obra do seu pai consta de máis de 35.000 pezas de arte, polo que este medio centenar só supón un pequeno achegamento ao enorme talento de Nelson Villalobo.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.