CAMELIAS MASCOTAS

Senén Vaamonde (Sala Doppler): ‘Os concertos por internet foron un parche para pasar o tempo, con pouca calidade de son e artistas sen cobrar’

A Sala Doppler é unha desas rarezas da noite que pode presumir de acoller unha oferta musical verdadeiramente variada. Na súa pista de dous pisos pódese ver unha exibición de dancehall, unha actuación circense, unha pinchada de música setenteira ou un cantante de hip-hop . É ademáis un dos poucos locais no que atopan acubillo os que desfrutan bailando ao ritmo de reggae e o dubstep e o punto de encontro das xeneracións máis novas na zona de Churruca. Como todos os veciños deste barrio, Senén e María del Mar manteñen a persiana do seu local baixada, á espera de que a nova normalidade lles chegue tamén a eles.

Concerto antes da crise do Coronavirus na sala Doppler. | P.Vázquez

Como naceu a Sala Doppler?

É un proxecto conxunto coa miña socia María de Mar. Ambos temos outro local en Irmandiños, eu o Cousa Nosa e ela o Apiramoria e tiñamos ganas de dar un paso máis e ofrecer un ambiente e un tipo de música diferente. Churruca ten a súa esencia de rock e indie desde os 80, pero en 2020 hai un montón de estilos novos que non soaban en ningún local de Vigo. Intentamos variar de estilo de música, DJs ou artistas escénicos cada fin de semana.

Hoxe estreamos a nova normalidade en Galicia, chega con ela a normalidade ás salas e bares nocturnos?

Por desgraza non. Queremos abrir, pero aínda non nos deixan e cada vez que vemos unha raiola de luz, xorde algo que o trunca. A última foi que desde Madrid se dixo que abriríamos en Fase 3, pero a Xunta decretou que non.

Tedes pensado facer algunha adaptación do local?

De momento non. No noso caso particular é totalmente inviable funcionar con mesas, pois o aforo dos concertos sería limitadísimo. E en calquera caso, eu ata que teña o DOGA na man cos requisitos concretos, non penso asumir o risco de facer nada. Toca esperar e ter paciencia.

Que botades en falta á hora de abrir?

REVISTA NOVEMBRO

Información oficial sen dúbida. Estámonos informando pola prensa e as versións varían duns medios a outros. Non é unha queixa, pois creo que é normal que ante unha epidemia mundial sen precedentes teñamos que adaptarnos día a día e, como dicía, temos que ter paciencia, pois nos estamos xogando a saúde.

Aproveitastes este tempo para poñer en marcha algún proxecto creativo, quizais en internet?

Aproveitamos para descansar, que tamén nos facía falta. Entendo que moitos artistas fixeran streaming, pero nós non compartimos esa idea de desfrutar da música e os espectáculos en directo. Os concertos por internet foron un parche para pasar o tempo, con pouca calidade de son e artistas sen cobrar. Nós somos fans do directo de verdade.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.