REVISTA ABRIL

Patricia (La Mona Chita): ‘hai nenos con medo a saír á rúa porque non foron tidos en conta en todo este proceso’

Patricia Gestoso é a persoa a fronte de La Mona Chita, un centro infantil para nenos de dous e tres anos que promove un modelo de ocio e educación baseado na exploración e a experimentación e no que a arte adquire un rol protagonista para o desenvolvemento dos máis pequenos, que teñen liberdade de acción e movemento neste centro. Como moitos outros lugares que requiren da presenza e a socialización, La Mona Chita viuse obrigada a pechar as portas do seu local durante o confinamento e teñen, aínda, un futuro incerto á espera de regulamentos específicos.

Como acaba unha deseñadora de interiores dirixindo un centro de ocio infantil?

Eu tiña unha empresa de deseño coas miñas irmás, pero coa crise do 2013 faltábanos traballo e decidimos diversificarnos. A inversión en construcción estaba parada, pero os nenos non é posible paralos. De tódolos xeitos, basta visitar o espazo para decatarse de que o cambio non foi tan brusco. A planta baixa é un espazo deseñado con coidado, no que sempre hai unha instalación artística coa que os nenos experimentan libremente. Non hai nada dirixido nin facemos fichas.

Segues mantendo, logo, a túa faceta de interiorista?

Si, La mona chita evolucionou moito desde os inicios e agora mesmo está totalmente ligado ao meu mundo. Traballamos con instalacións artístiscas, escenografías e investigando sobre a importancia do espazo de aprendizaxe. Ademáis, ofrezo formación e asesoramiento aquí e noutras entidades sobre espazos de aprendizaxe enfocados ao mundo artístico, demostrando que outra educación é posible. Son ademais delegada de Createctura en Galicia, un colectivo no que agora mesmo estamos volcados en ofrecer solucións creativas e sostibles de cara á volta as aulas en outono.

Igual que con aquela crise de 2013, haberá cambios en La Mona Chita despois do confinamento?

Polo momento estamos pechados. Eu estou traballando máis na liña do deseño de espazos e á espera de poder retomar a actividade en xullo e agosto, por exemplo, cun campamento.

Que botas en falta á hora de volver ao traballo?

REVISTA ABRIL

É unha vergoña a falta de información e apoios. Eu quero facer un campamento en xullo para o que non coñezo as directivas. Non sei nin se vou poder facelo. Como pretenden que traballe así? As últimas instrccións que temos din que non podemos facelos ata o 15 de xullo, pero xa hai abertas convocatorias para o día 1. Hai moi pouca información sobre o que podemos e non podemos facer e isto vai na liña do abandono á infancia que vimos todo estes meses.

En que aspectos cres que se está dando ese ‘abandono á infancia’?

Os nenos foron ignorados durante todo o confinamento. Non os tiveron en conta para saír á rúa durante semanas e agora mesmo non os están tendo en conta á hora da conciliación laboral. Se teño que teletraballar, non podo ter aos meus fillos ao lado, pois supón traballar en intervalos de 10 minutos. Centros como La Mona Chita axudamos moito nese sentido, pero non se está traballando para que poidamos abrir e cumprir a nosa función social. Ademais, os nenos necesitan socializar. Hai fillos únicos que levan pechados na casa demasiado tempo sen relacionarse con outros. Agora mesmo, hai nenos con medo a saír á rúa porque non foron tidos en conta en todo este proceso.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.