CAMELIAS MASCOTAS

Miguel Lago: «A mellor maneira de afrontar a realidade é que cha conte un humorista»

Un dos vigueses na diáspora máis recoñecidos é Miguel Antonio Lago Valtierra (Vigo, 1981), un humorista implacable que leva máis dunha década facéndonos rir con temas cos que nunca antes imaxinamos desde a perspectiva que nos presenta. A súa comedia non entende de límites, unha fórmula que parece dar bo resultado: as entradas para velo en directo voan en toda España e vai para un ano que se instalou na televisión estatal co programa diario de Risto Mejide en Cuatro: Todo es Mentira. Falamos con el xusto antes da súa actuación do mes pasado co cheo absoluto do Teatro Afundación, onde despedía o seu espectáculo Miguel Lago pone orden.

É necesario poñer orde?

Vivimos nun momento en que, por estraño que pareza, somos os humoristas os que temos que poñer orde para relativizar o que estamos a vivir. A mellor maneira de afrontar a realidade agora mesmo é que cha conte un humorista. Canto máis convulso é o momento, máis necesidade temos de agarrarnos á risa. Se cando estás enfermo acodes a un médico, cando estás contrariado acude a un humorista.

Canto inflúe o ambiente social e político nos teus monólogos?

Non deixo que o inmediato me despiste do importante. Cando teño que mandar unha mensaxe desde o escenario, sempre é algo importante para min, non ten por que ser urxente.

Para ti hai temas tabú no humor?

Non. Si que hai temas que non trato, pero non porque sexan tabú, como por exemplo o que oe estadounidenses chaman dirty comedy, a comedia de sexo e todo iso. Non é unha temática que me faga rir e pode que eu non sexa capaz de sacarlle a comedia necesaria.

Que cambiou desde aquel Miguel Lago sen traxe que dicía cousas como que «os nenos están gordos»?

Sobre todo 15 anos e tres fillos. Non é o mesmo facer comedia con 25 anos que con case 40. Non é a mesma España a do 2005 que a do 2019. A miña evolución persoal lévame a cambiar a maneira de facer comedia e traballar nunha linguaxe máis adulta. É unha evolución paralela á persoal, non me vexo tratando temas desde o punto de vista dun rapaz de 23 anos, sería ridículo. Creo que a miña voz cómica é máis divertida canto máis vello me fago. O humorista que son agora gústame moito máis que o de hai 15 anos. E ao público, tamén.

E por que o traxe?

A min sempre me gustou ese concepto, moi propio de humoristas anglosaxóns ou  arxentinos. Dálle gravitas ao que conto. Ademais xurdiu dunha forma bastante azarosa: no 2009 estaba en Valencia e tiven que mercar un traxe para a gala dos premios TP de Ouro, porque non tiña ningún. Fíxome tanta ilusión e quedábame tan ben que o levei na actuación daquela e o texto acadou outra dimensión. A triloxía de Soy un hijoputa non tería sentido sen traxe. Agora é un sinal de identidade, eu sempre serei «o cómico do traxe» porque fun o primeiro da miña xeración en usalo.

Que diferenza hai entre o personaxe que vemos encol do escenario e a persoa do día a día?

Non ten relevancia. O que teño claro é que o do escenario é a versión máis libre e máis valente de min mesmo. A versión da vida cotiá está atada ao convencionalismo social que todos temos nas relacións diarias. O do escenario carece de límites, durante as dúas horas do show es o dono do teatro e a xente paga unha entrada para escoitarte falar. O de fóra do escenario o mellor que ten é a súa muller e os seus fillos. A miña casa e o escenario son os dous sitios máis felices da miña vida, o resto son lugares que teño que cruzar para pasar dun ao outro.

A sociedade parece ofenderse cada vez con máis facilidade co humor, temos a pel cada vez máis fina de cara á comedia. A que cres que se debe esta involución?

Débese ao exceso de información, moitísima dela falsa, e á existencia dun sector moi importante da poboación que está confundindo a liberdade de expresión coa obriga de opinión. Non é necesario opinar de todo a cada momento. Hoxe en día a xente ve as series de televisión co móbil na man para ir opinando permanentemente do que está a ver. Ademais, estas opinión tenden a estar moi polarizadas: ou está a ver unha obra mestra e ten a obriga de informar desde a súa posición ao resto de que están a perder o seu descubrimento ou están a ver a meirande merda da historia. Todos somos críticos de cine, de teatro, de televisión, de política… Temos a necesidade de opinar a todo momento, cando no noventa por cento dos casos estamos máis guapos calados.

Despois de once anos vivindo en Madrid, botas de menos Vigo?

Todos os días, especialmente os domingos. Porque é o día no que descansas e é cando  iría dar un paseo a Samil, á Guía, a Castrelos, a Baiona, a Pontevedra… Facer cousas típicas de domingo en Vigo é o que máis boto de menos. E Balaídos, por suposto. Ter que ver os partidos do Celta a través da televisión é unha das cousas que máis me amola. Á pregunta de meu fillo de se estariamos no estadio cando xoga o Celta de vivirmos en Vigo, eu sempre respondo que sen dúbida ningunha. Ademais, alí estariamos toda a familia.

Que é o que máis valoras nun humorista?

A orixinalidade da perspectiva que achega á hora de tratar os temas. Todos os humoristas tocamos os mesmos temas, son os que hai, como pasa na literatura ou no cine. O importante é o punto de vista. O mellor é cando algo é tan orixinal que só o pode facer esa persoa en concreto, algo que na boca de outro non funcionaría.

A cales meterías dentro de esa descrición?

A moitos, agora mesmo hai una xeración de cómicos boísimos. Só me vou referir a un porque traballo con el todos os días e é capaz de sacar humor de debaixo das pedras cunha brillantez alucinante: Antonio Castelo.

Pensas que Todo es mentira é un programa que se adapta ao teu estilo de humor?

Adaptarase o día en que me fagan un programa para min, aquí son eu o que se ten que adaptar ao horario de sobremesa. Para que un humorista sexa libre en televisión ten que saír a partir da medianoite. A pesar das evidentes, lóxicas e aceptadas limitacións da franxa horaria, síntome moi cómodo. Hai quen me di que me ve diferente, desde logo. Teño que ser polivalente, ser capaz de facer humor na televisión estatal ás catro da tarde, nun teatro un venres ás nove da noite e nunha sala un sábado á unha da madrugada. Iso é un bo humorista, un todo terreo. O resultado é óptimo dabondo para tratar os temas con rigor sacándolle o humor nun contexto moi difícil.

Nunha publicación en Facebook do ano pasado falabas emocionado do éxito que tivo o teu espectáculo semana tras semana tanto en Madrid coma no resto de cidades que visitaches polo resto de España. Estás a vivir o teu mellor momento?

REVISTA NOVEMBRO

Estou vivindo un gran momento, pero penso que o mellor está por chegar. Agora  preparo o novo espectáculo que creo que vai funcionar tan ben coma este ou máis. Teño o respaldo de moitísimo público, pero aínda me faltan moitas cousas. Só teño 38 anos. Na televisión estatal levo nove meses, teño que seguir medrando en Todo es mentira, dar o salto a un formato propio, que funcione, faltan outros proxectos de teatro que teño para o ano 2021 que van ser a hostia. Isto acaba de empezar.

Texto e fotos: Pablo Vázquez

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Decembro. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.