CAMELIAS MASCOTAS

Rober Bodegas: «A comedia precisa de bagaxe e contexto para ser entendida»

Tras coroarse en 2007 no programa de TVE El rey de la comedia e acrecentar a fama día a día na pantalla de la Sexta con Sé lo que hicisteis…, rematado en 2011, moitos perdéronlle a pista a Rober Bodegas (Carballo, 1982), un dos cómicos máis recoñecidos en todo o Estado. É difícil non sentirse identificado con algunha das personalidades que parodia xunto con Alberto Casado nos vídeos de Pantomima Full.

Os vídeos de Pantomima Full naceron como unha forma de promocionar os espectáculos en directo, que non acababan de funcionar en Madrid. Amolouvos que se valorasen máis que o propio espectáculo?

Non, sería absurdo. Non é que non se valorase o show, pero ao estar en Madrid hai moita oferta e custa moito promocionarse e que se saiba que estás a actuar. Á xente que viña gustáballe, pero é moi difícil que alguén te escolla sen saber o que fas.

[…]

Con estas pezas conseguistes algo moi complicado que é formar parte da cultura popular en internet en forma de charabiscas.

Unha das cousas que máis nos gustan é ver que formamos parte da cultura popular e cunha transcendencia e unha repercusión. Foi o que máis nos sorprendeu cando comezamos a ver capturas de pantalla, memes e frases nosas no Twitter.

Tes algún personaxe favorito de entre todos os vosos vídeos?

Os que máis graza nos fan son os que teñen un fondo máis triste, e nese sentido un que fago eu que se chama ex, que fala dun tipo que desde que está sen moza di que está de puta madre, pero en realidade bota de menos a vida en parella. Gústame moito, sobre todo porque eu son un pouco así. Hai outro de Alberto que é o surfista, que me gusta o flipado que está. Tamén outro, que foi dos primeiros que fixemos, dun que só fai plans cos compañeiros do choio ou do ximnasio, ao que lle duran os amigos o que duran as actividades.

A raíz da túa polémica do ano pasado, moita xente dixo que o humor sempre ten que ser de abaixo a arriba. Resulta curioso cho digan a ti, cando Pantomima Full consiste precisamente niso, en criticar as particularidades destas novas xeracións acomodadas a través da parodia.

Entendo que haxa preferencias á hora de consumilo, pero paréceme absurdo e inaceptable que o humor teña un regulamento. Coincido contigo en que Pantomima Full ri de todos estes ricos aspiracionais ou novos ricos, pero a xente sempre vai quedar co erro no canto dos mil acertos que poidas ter. É unha discusión que non paga a pena.

[…]

Cando entrevistei a Ángel Martín, dixo que para facer comedia en televisión hai que aceptar unha serie de regras que non dependían dun mesmo. Estás de acordo?

Si e non. Evidentemente, non podes facer o mesmo programa en TVE ou en Cuatro que en Comedy Central ou #0. Nunha canle xeralista hai moitas máis normas, nunha de pago non hai tantas. Agora mesmo hai programas en que hai liberdade plena e que ademais están dirixidos por cómicos.

REVISTA NOVEMBRO

Onde vemos un Rober Bodegas máis libre, na televisión, en internet ou nun escenario?

Eu creo que no meu show de monólogos. É un humor máis negro no que toco temas máis delicados. En internet somos libres, pero polo propio formato non buscamos tanto os límites con Pantomima. Polo xeral, non nos sentimos nada coartados en ningunha das plataformas.

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Outubro 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón.]

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.