CAMELIAS MASCOTAS

‘Inventio Mundi’ ou como influíu Galicia na primeira volta ao mundo

O pasado venres inaugurouse unha nova exposición no Museo do Mar, a interesantísima Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV- XVII, comisariada pola historiadora Ofelia Rey Castelao. A mostra poderemos vela ata o 12 de abril.

REVISTA NOVEMBRO

Pasaban das 19:00 do pasado venres cando dúas decenas de persoas se reunían nunha das salas do Museo do Mar, que nesta ocasión acollía a inauguración da exposición Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV- XVII, unha mostra formada por unha trintena de paneis informativos, máis algúns obxectos e maquetas, que profundiza na famosa época dos descubrimentos, especialmente na expedición de Magalhães e Elcano. Tamén hai un espazo reservado a como esta historia foi reflectida a través do imaxinario popular que recolleron grandes autores e investigadores da literatura galega ao longo dos tempos.

A exposición, producida polo Consello da Cultura Galega baixo o comisariado de Ofelia Rey Castelao, amosa as consecuencias que tivo para Galicia a que foi a primeira circunnavegación á Terra da historia, que partiu hai 500 anos. Durante a inauguración, a comisaria foi explicando con detalle cada un dos paneis, ampliando a xa completa información que alí se atopaba. Falou da importancia de portos como os de Baiona, Vigo ou A Coruña, ademais da turbulenta relación dos galegos cos portugueses naquela época. A mostra comezou a súa viaxe en Pontevedra, e tras a nosa cidade continuará a súa itinerancia por diferentes cidades de Galicia.

A exposición poderá visitarse no espazo dedicado ás exposicións temporais do 2º edificio do Museo e permanecerá aberta ao público do 7 de febreiro ao 12 de abril de 2020 no horario de apertura habitual do museo. Ademais haberá unha serie de actividades ao redor das mostras das que pouco a pouco iremos coñecendo máis información, aínda que podemos adiantar que haberá un obradoiro con autores como Pedro Feijóo ou Manuel Bragado.

(GMT+01:00)