Xa coñecemos aos gañadores do primeiro concurso CreaClásica
O concurso de composición CreaClásica, organizado pola Orquestra Clásica de Vigo co apoio da Fundación SGAE, deu a coñecer hoxe aos gañadores desta primeira edición: Ismael Amoedo, Carme Rodríguez e Manuel Mª Veiga.
CreaClásica é un concurso de composición destinado a novos compositores galegos. Un proxecto que aposta pola difusión e recoñecemento de novos talentos e que busca, ademais, incrementar o repertorio sinfónico galego contemporáneo. Este concurso de composición está destinado a ofrecer unha plataforma para todos aqueles compositores galegos que saen dos nosos conservatorios e que, a día de hoxe, non contan cun espazo destinado a divulgar e difundir as súas creacións.
O primeiro premio foi para Tempestas, de Ismael Amoedo Collazo, quen recibirá unha dotación de 500€. No segundo lugar atopamos a Carme Rodríguez e o seu Preludio da noite salugada, dotada de 300€. Por último, na terceira posición está Preludio e Fuga de Manuel Mª Veiga, quen recibirá 200€. Ademais da dotación económica, todas estas pezas serán interpretadas pola Orquestra Clásica de Vigo na súa programación do 2020, buscando encaixalas con coherencia nas súas distintas propostas.
A participación total nesta primeira edición foi de cinco pezas, que aínda que a priori non pareza demasiado, non é unha cifra en absoluto desdeñable tendo en conta a dificultade da proposta (compoñer unha peza para orquestra) e o escaso número de compositores que saen ao ano dos conservatorios galegos (sobre un par por centro). En futuras edición buscarán aumentar esta cantidade de participantes, abrindo fronteiras ao resto da Península.
A Orquesta Clásica de Vigo pechará a súa tempada 2019 co tradicional Concerto Extraordinario de Nadal que terá lugar un ano máis no Teatro Afundación de Vigo o sábado 28. Nesta ocasión o concerto ofrecerá unha proposta na que convivirán na mesma programación a banda sonora de Harry Potter co Concerto para violín e orquestra de Jean Sibelius, este último interpretado pola solista suiza Maristella Patuzzi. Seguindo criterios de semellanza entre as obras, este proxecto que busca xuntar músicas e públicos moi distintos coa fin de converxer arredor da música sinfónica.