Ir co mellor amigo
Alá foron os meses nobres do verán, pero aínda nos queda corda para gozar dos días de sol e os plans ao aire libre no, xa frecuente, outono estival. Que se días de praia, que se noites de festival, que se novas exposicións que comezan a agromar entre os últimos ecos do verán e a volta á normalidade. Pero, cantos destes plans podemos facer coas nosas mascotas?
Nos últimos anos, paralelamente ao aumento do censo canino, son moitos os locais da cidade en que os cans non teñen que quedar de portas afora. Aínda estamos lonxe dos nosos veciños de Portugal, onde o dereito dos animais de estimação a entrar en bares e restaurantes está recollido pola lei; en España isto é un aspecto regulado por cada concello. No noso caso, a norma é que non hai norma; cada empresario establece a súa, sempre que os animais non supoñan un problema de orde ou de hixiene.
Temos aínda moito que avanzar na convivencia entre humanos e cans na nosa cidade, por exemplo, na imposibilidade de levalos connosco en transporte público sen gaiola, ou a prohibición de que corran polas praias durante o verán. Pero falemos do camiño xa andado: deseguido vai un feixe de ideas para ir co mellor amigo.
Ir facer deporte
Ademais de botar unhas carreiras polo monte do Castro, polo paseo das Avenidas ou polo parque de Castrelos, existen alternativas máis orixinais para facer deporte en familia. En Bouzas, a escola Surf Vigo (rúa de Santa Ana, 16) ofrece a opción de aprender a surfear canda a nosa cánida compañía. A actividade require da adaptación paulatina do animal, que comeza en terra a cargo dunha adestradora profesional, recomendando para o humano certa experiencia na práctica de paddle surf. Ou, se queres ir máis aló, que tal unha sesión de doga? A práctica do ioga que promete fortalecer o vínculo entre can e humano proporcionando unha experiencia relaxante para ambos. Quen se anime, pode consultar horarios e condicións no centro Adestramos (avenida de Cesáreo Vázquez, 89).
Ir á praia
Desde o 30 de setembro e ata o 1 de xuño está aberta a veda para que os cans poidan pasear cos seus donos por todos os areais do concello, coa única excepción das illas Cíes.
Ir de cea
Levamos varios meses desfrutando da compañía das nosas mascotas cando saímos cos amigos e non queremos deixalos na casa cando os bares encarten as terrazas. Para que poidan continuar acompañándonos, temos na cidade medio cento de bares que permiten o acceso a cadelos ben guiadiños. Algúns dos máis acolledores do centro son o Bar Primavera (rúa da Ronda de Don Bosco, 17), Burla Negra (rúa de Eduardo Chao, 8), ou El Mono Vintage Bar (rúa de Velázquez Moreno, 37). Algo máis complicado é dar con restaurantes en que o noso amigo de catro patas non teña que observar desde a porta como enchemos o papo, pero tamén existen: Creperie Bretonne (rúa de Urzáiz, 47) ou os vexetarianos Gálgala (rúa do Pracer, 4) e Verde Mostaza (rúa do Paraguai, 6) son bos exemplos. Outra opción é optar polo limbo que ofrecen as terrazas cubertas, como as que ofrecen o bar Chavolas (rúa dos Cesteiros, 3) ou o restaurante Da-VID (rúa de Urzáiz, 72). Un bo sitio no que nos informar dos locais que aceptan animais, nunha listaxe que non para de medrar, é a través de SrPerro.com, a guía para animais urbanos.
Ir de compras
Os mércores con cans son una das novidades do centro comercial Travesía (rúa Travesía de Vigo, 202) para atraer máis público. Ademais de permitirlles o acceso todas as cuartas feiras do ano, o espazo programa actividades con adestradores, charlas de nutricionistas ou presentacións de libros de temática canina para estes días.
Ir de exposición
Aquí temos a única galería de Galicia en que as mascotas son benvidas. Trátase do Museo Etnográfico Liste (rúa da Pastora, 32), onde os cans xa non son escusa para deixar de visitar a súa colección de obxectos representativos da cultura material e espiritual do país.
Por Paula Cermeño
[Podes ler a reportaxe íntegra na revista A movida de Outubro 2019. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER]
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024