Sílvia Rábade (Escuchando Elefantes): «Moita xente pensa que somos de Vigo porque tocamos moitas veces na rúa do Príncipe»
É bastante probable que un día calquera, camiñando pola rúa do Príncipe, vises a Sílvia e Carlos tocando con enerxía perante ducias de persoas. Escuchando Elefantes é o proxecto musical deste dúo coruñés ao que tanto lle dá tocar na rúa para vinte persoas que nun festival diante de milleiros. Falamos con Sílvia Rábade (voz, guitarra e batería) sobre o futuro da banda tras o accidente automobilístico que sufriron o ano pasado, do papel da muller na música ou da súa gran paixón… a comida.
Mentres que 2017 foi un ano cheo de concertos, o 2018 foi máis tranquilo nese senso, por mor do accidente de coche que tivestes en Francia.
Tiñamos en mente un 2018 igual de cargadiño que o 2017, pero non puido ser. De feito quedounos pendente a xira polo Reino Unido, que tamén nos mete moita cobiza.
Aproveitastes ese tempo de repouso para preparar material novo?
Si, xa estamos a traballar no próximo disco. Unha cousa que temos como músicos é que non nos gusta parar e, se vemos que non podemos facer unha serie de cousas, pois facemos outras. Temos cancións novas, gravamos cousas, pensamos en plans de futuro… pero non temos nada definido. Estamos moi contentos porque é como volver empezar de cero.
É moi común vervos tocando en rúas dos lugares que visitades. Que é o máis estraño que vos pasou?
Hai un tempo, estabamos a tocar en Príncipe e apareceron uns mozos acabados de casar que se puxeron a bailar o valse no medio da rúa. Hai pouco, na Coruña, un rapaz pediunos facer un solo de guitarra e estivo uns quince minutos tocando. A xente estaba en plan «e agora que?». Xa nos ten pasado máis veces. Tamén nos concertos, pero aí a xente xa sabe un pouco de que vai a cousa e compórtase doutra forma [risos].
Cantas veces calculas que tedes tocado na rúa do Príncipe? Xa van unhas cantas…
Creo que é a pregunta máis difícil que me fixeron nunha entrevista [risos]. O certo é que non teño nin idea. Moita xente pensa que somos de Vigo porque tocamos moitas veces en Príncipe.
O máis habitual de un tempo a esta parte é vervos como un dúo, pero tamén tocastes acompañados de máis músicos. Como te sentes máis cómoda?
A xente sempre viu Escuchando Elefantes como un dúo, pero durante os tres primeiros anos nos concertos sempre iamos con banda. Aínda así a xente seguía a pensar que eramos só os dous. Eu eliminei a banda un pouco, por desgraza, porque empecei a tocar a batería hai uns anos. Despois dunha semana practicando decateime de que non era tan difícil como sempre pensara. Como o fixen? Non o sei, pero en dúas semanas estaba enriba dun escenario a tocar. Probablemente fatal, pero sabía os temas e sentía que máis ou menos sabía o que facía [risos]. Agora estamos modo dúo potente, con batería e guitarra eléctrica, pero nunca se sabe como vai ser no futuro. Gústanos estar abertos a posibilidades.
«Imbéciles hainos en todas partes, non só na música»
Aínda que é bastante común ver a mulleres cantando nas bandas, non o é tanto velas tocando instrumentos como a guitarra ou a batería. Algunha vez nestes anos te sentiches discriminada por este motivo?
Alégrame moito que me fagas esta pregunta porque cando empecei, hai dez anos, non se falaba destes temas. Eu creo que non é cuestión de ser músico ou de ser muller, senón da xente coa que te atopas. Falando claro, parvos do carallo hainos en todas partes, e valos atopar na música, na tenda ou na rúa. Dá igual o que fagas, estás exposta a iso como músico, como muller e como persoa. Si que dei con certas discriminacións, pero creo que todas as mulleres padecemos isto algunha vez. Penso que non ten que ver coa miña profesión, ou iso quero crer. A miña resposta sempre é tentar facer o meu traballo da mellor maneira posible e obviar as parvadas que se digan.
Alén de cantar e tocar, podemos ver a túa vertente máis gastronómica nas túas redes e no teu blog baixo o nome de Sílvia Fooding (@silviafooding). Cando xurdiu esta iniciativa?
Haberá un ano e medio ou dous. Sempre foi algo que tiven en mente, a nutrición é algo que me preocupa moito. A comida ten un poder impresionante para, dalgunha maneira, unir ás persoas e sandalas. Ademais decateime de que o principal tema de conversa nas viaxes durante as xiras era a comida. Pasabamos o día comendo ou falando de comida. Eran máis xiras gastronómicas que musicais. Paréceme moi bonito poder compartir algo tan natural e tan importante para min coa xente que me segue pola música.
Por Pablo Vázquez
[Podes ler a entrevista íntegra na revista A movida de Marzo 2019. Se non a tes na túa casa podes vela online nesta ligazón.]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024