Eloy Domínguez: “Non hai ano no que non haxa cinema galego nos principais festivais do mundo”
Nunca antes se vira un documental sobre a problemática situación do pobo saharaui tan humano, vital e alonxado dos típicos clichés paternalistas. Hamada é o título da última obra de Eloy Domínguez Serén, un director galego que pouco a pouco vaise gañando un oco no panorama nacional e internacional. Despois de percorrer os festivais de medio mundo, este fermoso traballo pisa Vigo por primeira vez esta fin de semana cunha dobre sesión o venres e o sábado nos Multicines Norte. Nesta segunda estará o propio autor para realizar un coloquio e intercambiar opinións coas persoas asistentes.
Se non me equivoco, agás Jet Lag, toda a túa filmografía está formada por documentais do máis variados. Que ten este xénero que tanto te atrae?
Bueno, eu considero Jet Lag tamén un documental, aínda que en xeral non son moi partidario das clasificacións ou etiquetas. O cinema de non ficción ofréceme unha liberdade, flexibilidade e intimidade que poucas veces ofrecen os proxectos de ficción. En primeiro lugar permíteme traballar totalmente só durante a rodaxe, podendo desenvolver unha convivencia máis estreita e máis dilatada no tempo cos meus personaxes. Logo permíteme a posibilidade de facer cantas rodaxes como sexan necesarias, porque ao traballar só non tes que mobilizar a todo un equipo, cos problemas de financiamento e coordinación que iso supón. E por último teño que dicir que considero que unha rodaxe de non ficción é sempre moito máis divertida, entrañable e espontánea que unha de ficción. De todos os xeitos, penso que acabarei facendo tamén ficción máis cedo que tarde.
Hamada xa percorreu máis de 20 festivais por todo o mundo. Ademais está a recibir moi boas críticas tanto do público como da prensa especializada, incluso a nivel de premios. Esperabas que tivese tanto alcance?
Eu sempre estiven seguro de que tiñamos un material moi valioso e tamén estaba convencido de que este filme sería algo moi distinto a todo o que se vira sobre o Sahara Occidental ata o momento. Agora ben, é imposible prever o resultado dun proxecto en canto a distribución, porque depende dunha chea de factores alleos ao noso traballo. Sinceramente eu estou moi agradecido e ilusionado, porque a acollida está a ser espectacular. O filme xa recorreu unha vintena de países e a próxima semana presentareino en latitudes tan distintas como Islandia e Sudáfrica. O incrible é que a reacción do público está a ser moi semellante en todos eses lugares, a xente sinte unha enorme empatía polos protagonistas, rin moito nos momentos cómicos do filme, que son varios e en xeral non se move un fío cando remata a proxección, todo o mundo fica ao debate posterior, participan moito, preguntan, comparten o seu entusiasmo. É marabilloso. E logo está o tema dos premios, que tamén é fermoso, porque dálle recoñecemento á película. Pero tamén os premios dependen de moitos factores, polo que non hai que darlles excesiva importancia.
Deses festivais, tres son galegos: Novos Cinemas, Cineuropa e Play-doc. Como ves de saúde a escena festivaleira galega?
Espectacular. Dubido moito que haxa outro lugar en todo o estado cun circuíto de festivais cinematográficos tan estimulantes e variados como os que temos en Galicia. Todo o audiovisual está cuberto, desde o cinema experimental ata as webseries, pasando por cinema europeo independente, non ficción, curtametraxes ou primeiras obras. Temos cineastas extraordinarios porque tamén temos un público extraordinario e eu síntome moi feliz de formar parte disto.
E que opinión tes sobre o cinema que se está a facer agora aquí en Galicia?
É un momento impresionante, pero o más incrible é que leva anos a selo e se un mira o que está por vir o horizonte resulta do máis ilusionante. Non hai ano no que non haxa cinema galego nos principais festivais do mundo, xa sexan de ficción ou non ficción. É unha comunidade de creadores e creadoras moi audaz, emprendedora e xenerosa, na que moitos de nós colaboramos e nos apoiamos mutuamente dun xeito ou outro. E afortunadamente o público confía máis e máis no noso traballo.
Comentaches algunha vez que ao non coñecer o idioma que falaban os protagonistas, ti filmabas sen saber o que estaban a dicir. Non tiñas medo a atoparte algo moi distinto ao que imaxinaras ao chegar á montaxe?
Non, ningún medo en absoluto. Tiña confianza plena neles, porque nos coñeciamos moi ben e eu sabía o tipo de personalidade que tiña cada un, a súa enerxía, o seu temperamento, o seu sentido do humor… Non precisaba saber o que dicían para comprender o que sentían, polo que sempre souben que a liña de traballo durante a rodaxe era a correcta. Practicamente a clave era deixarlles facer a eles, convidalos a propor situacións, escoitalos e por suposto pasar tempo xuntos, moito tempo. En total estiven alí oito meses ao longo de tres anos.
Tamén chama a atención o carisma dalgunhas das personaxes, que case parecen actores dun filme de ficción. Como foi traballar con eles e elas?
Máis que traballar con eles, foi unha convivencia moi íntima e intensa. Pasamos moitos días e semanas facendo cousas que non tiñan nada que ver coa película, como labores de reconstrución das casas, colaboracións co hospital ou o meu traballo como profesor voluntario. Foi así que establecemos unha amizada profunda que logo se transmite na espontaneidade e proximidade do filme. E si, efectivamente estou de acordo en que os tres protagonistas son incriblemente carismáticos, ademais de moi divertidos e empáticos.
Tivo que ver o bo facer dos “actores” para que nesta cinta decidises non aparecer como personaxe protagonista como noutras obras túas como No cow in the ice ou Hijos de Sansón?
Non, en realidade sempre estiven seguro de que a cámara e a historia debía centrarse exclusivamente no pobo saharauí, sen intermediarios nin filtros. Quería que eles tivesen un rol moi activo no filme e a súa implicación foi absoluta. Non só por parte dos protagonistas, senón por parte de tantos veciños e veciñas saharauís que tanto nos axudaron coa película e que tantas facilidades nos ofreceron. Dalgún xeito eu quería intervir o mínimo posible, para que eles puidesen expresarse libre e abertamente.
Para rematar, que proxectos futuros tes en mente?
O que máis feliz me fai é que se me abriron un par de posibilidades de traballar en Galicia, que é algo que levaba anos querendo facer. Seguirei traballando tamén en Suecia, pero para min filmar en Galicia é algo importantísimo, o que máis ilusión me fai neste momento. Teño por diante dous proxectos aquí, unha curtametraxe e a escritura dun guión de ficción.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024