‘Vigo Caníbal’ lévanos de ruta polo noso patrimonio perdido
Alá pola década dos oitenta, Os Resentidos lanzaron ao mundo un dos himnos da nosa música, o mítico Galicia Caníbal. Centrando na nosa cidade este talento que temos os galegos para a autodestrucción volve Vigo Caníbal, unhas rutas organizadas por Estudio04 e Volta Montana que, en palabras do arquitecto e guía Nacho Hortas, mostran “unha cidade cun gran patrimonio pero que aos poucos o vai devorando cun apetito voraz en pos dun beneficio económico miope, inmediato e que a longo prazo só deixa tristeza, desolación e un lastre tremendo que aumenta día a día e que sufrirán as xeracións futuras”. Falamos con el sobre estas rutas (que terán lugar en Vigo os sábados 15 e 22, e que teñen pensado facerse polo resto de Galicia) e sobre o pasado, presente e futuro do urbanismo vigués.
Que podemos esperar destas dúas rutas? Que imos ver?
O que se pretende con estas rutas é recoñecer a sociedade que puxo a Vigo no mapa, que fixo pasar dun pobo de 5000 persoas ao que é hoxe. Así como Santiago se pode identificar coa súa catedral, o que identifica Vigo é esta sociedade burguesa (do s.XIX) en torno ás conservas. Daquelas Vigo non tiña importancia na súa contorna, eran máis importantes Baiona ou Cangas. Nesta ruta explícase esta sociedade: como chegou, como vivía, como evolucionou… Todas as infraestruturas emblemáticas que temos proceden desa época.
Cando nace a túa paixón polo pasado urbanístico e arquitectónico da cidade?
Naceu cando un grupo de arquitectos nos presentamos a un concurso sobre o Plan Especial do Ensanche, que pretendía estender a protección do plan previo de 1993, que só protexía 100 edificios, e saltar a 900. Despois disto o Concello encargounos a incoación do Ensanche como Ben de Interese Cultural que protexería todo o casco histórico, que iría desde Montero Ríos ata Venezuela e desde a Porta do Sol ata practicamente o Nó de Isaac Peral. O BIC é a maior protección que o patrimonio pode dar a un entorno construído. Destes dous traballos nace a necesidade de transmitir a importancia que ten este casco histórico e polo tanto a necesidade de deixar de destruílo e empezar a protexelo e valoralo.
Non é un pouco tarde xa para comezar a protexelo?
Xaime Garrido, que morreu este ano, fixo unhas publicacións sobre Vigo. La ciudad que se perdió, arquitectura desaparecida, arquitectura no realizada (1991). Ese historiador pasou toda a súa vida pretendendo que isto se levase a cabo, e agora somos nós os que temos que seguir reclamando. É demasiado tarde para tentar recuperar os edificios que se perderon, pero o casco histórico é moi grande e aínda estamos a tempo de protexer moitas cousas e de darnos conta da importancia que ten.
Ti cres que, como se di, vivimos nunha cidade fermosa?
Eu creo que si, e por iso creo que temos que empezar a valorar o fermoso que é Vigo. Non é facer cousas novas, que tamén se poden facer prazas bonitas, senón valorar o que xa temos. A xente cando escoita aos que defendemos o patrimonio pensa “xa están estes pesados tentando defender catro pedras”, pero co problema medioambiental que temos no mundo, a importancia de rehabilitar é crucial para facer un mundo mais sostible, aproveitando os recursos que xa temos.
A pesar de que moitos destes cambios urbanísticos son xa irreparables, cal pensas que é a solución para o futuro?
A liña a seguir é que se aprobe este plan especial e que o Ensanche sexa declarado Ben de Interese Cultural. Iso é fundamental. Por exemplo, se te pos a pensar no Casco Vello fai uns anos, era unha zona arruinada, esnaquizada, nunhas condicións sociais moi degradadas con prostitución, drogas… e fixérono BIC e aprobaron o seu Plan Especial. Son procesos longos, pero xa se empeza a notar a diferenza e agora xa comezamos a gozar desta parte da cidade como unha zona cunha calidade recobrada. Nós queremos facer o mesmo co Ensanche, que consideramos que é a peza que identifica a Vigo como unha cidade singular. Vigo tense que identificar coa sociedade industrial conserveira, cos edificios do Ensanche decimonónico, cos edificios industriais como a nave de Alfageme en Bouzas, que son unha auténtica marabilla.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024