CAMELIAS MASCOTAS

Mon Devane segue a encher de arte as paredes viguesas

A pesar de non ser moi amigo das alturas, xa é a segunda vez que o artista urbano e ourensán Mon Devane se sube a unha grúa para darlle cor aos muros espidos da nosa cidade. A súa primeira intervención, parte da iniciativa Vigo Cidade de Cor, foi na rúa Tomás Paredes, na que retratou a dous homes maiores bebendo sendas cuncas de viño. Nesta ocasión, tamén parte do mesmo programa artístico, a súa protagonista é feminina e poderemos atopala na rúa Bueu, no barrio de Coia.

Fálanos desta última obra.

Esta obra chámase A Ostreira e é unha homenaxe a última ostreira que aínda exerce no Mercado da Pedra, en Vigo. Toda a miña familia é de Vigo e todos os meus recordos de cativo na Pedra teñen que ver coas mulleres que vendían as ostras. Cando este ano me propuxeron que a temática fose sobre a muller decidín realizar esta homenaxe á muller ostreira, que ademais penso que engloba máis conceptos.

Escolles ás persoas que retratas pola historia que hai detrás?

Non sempre. Hai veces que a persoa non é o importante, senón o concepto que engloba. Por exemplo o das cuncas, que é a representación dunha tradición.

Como desenvolviches este estilo de retrato hiperrealista utilizando normalmente un par de cores?

Eu comecei no mundo do graffiti realizando letras ao mesmo tempo que estudaba ilustración. Probei a facer realismo e gustoume moito. Facelo en monocromático require menos esforzo, material e presuposto, por iso comecei así. Probei a facelo tamén con cores carne, pero despois busquei un estilo que me caracterizara máis, e estas cores gústanme moito. Son as miñas cores persoais e nos últimos anos as exploto moito. Un amigo meu díxome que o azul turquesa é a mestura do azul do mar e do verde dos montes de Galicia, e gustoume o concepto (risos).

Ademais do turquesa tamén utilizas moito o violeta. Por que a elección desas cores?

Ultimamente estoume a ir do violeta , está a desaparecer da miña paleta. Estoume a centrar só en turquesas. Cada vez menos cores, prefiro centrarme nos detalles do rostro e facelo o máis perfecto posible máis aló da cor.

É moi diferente o proceso á hora de facer un mural ao de pintar en lenzo?

Si. O bo do lienzo é que estás no estudio, tranquilo, e ninguén che molesta. Pintar na rúa é o que ten, ademais da fatiga física.

Que tal estes días no vecindario, algunha anécdota?

Algunha señora queixouse (risos). Dixo que non podía ter escollido unha foto máis fea, cunha cara máis triste, e que tiña que facer algo máis bonito e con máis cor. Salvo esa excepción o resto dos veciños están moi contentos.

Esperabas o gran éxito que tivo o retrato de Morris interpretando a Charlín?

Non o esperaba. Cando vin Fariña, como a todo galego flipoume a serie e apetecíame facer unha obra relacionada con esa temática. Atopei a foto de Morris e contactei coa produtora para pedirlles o permiso e a imaxe en alta resolución. Despois pedín unha parede por redes sociais e cedéronme esa. Fíxena en Vigo porque Morris é de aquí, e como veu un rapaz a facer un vídeo pensei en agardar a que saíse o vídeo para ensinar a peza. Pero esa mesma noite comezouse a viralizar e pensei “isto vai ser potente”. Tiven que seguila ao día seguinte e subir a foto.

Mon Devane rematando o retrato de Morris na Travesía de Vigo | Alán Pérez

Como é o proceso de pedir parede?

Eu sempre que pido paredes é para facer un traballo persoal, non pido cartos nin nada, só que a parede sexa boa, lisa, en exterior e nun bo sitio. Despois depende da xente. Eu en Ourense pedín moitas veces e é moi difícil que todos os veciños queiran cedela sen saber o que vas pìntar.

Moléstache que alguén pinte por enriba da túa obra ou entendes que é parte da arte urbano?

Nunca me pasou, pero a rúa é o que ten. Salvo algunha peza pequena en Ourense creo que nunca me pasou. Son cousas que están na rúa e cada un é libre. Se o respectan xenial e senón pois que lle imos facer, este arte é efémero.

Realizaches murais en países como Inglaterra, México, Francia ou Italia. Cóntanos como foi esa experiencia.

Foi moi ben. Cando conseguín un nivel que me gustaba apetecíame saír, e escribinlle a moitos festivais. O primeiro no que me colleron foi en México, e abriuse un mundo novo de coñecer xente. Iso foi en 2016, e despois diso fun a outros festivais en Europa. Tiven que parar un pouco porque moitas desas viaxes tes que pagalas tu, ou tes que pagar o aloxamento. O ano pasado estiven por España, por Lleida, Galicia, Madrid…

Como recibe a xente a túa obra?

Eu penso que o meu estilo, que é realista, está moi mascado, é moi doado de entender e por iso lle gusta á xente.

A outra obra de Mon Devane en Vigo, na rúa Tomás Paredes | Pablo V.

Cando naceu a túa paixón polo muralismo?

Comecei polo graffiti, pola tradición que había en Ourense, onde tiñamos un muro enorme que se chamaba El Frente ao que viña xente de toda Galicia a pintar. Comecei co rap e coñecendo xente desta cultura, e ao velos pintar díxenme que a min tamén me apetecía facer iso. E así empecei en 2003.

Algunha vez tiveches algún tipo de problema por pintar en espazos públicos?

REVISTA NOVEMBRO

Non, porque eu son bastante respectuoso. Agora mesmo só pinto de maneira legal, fago moitos traballos comerciais… non teño que andar a correr (risos).

Cres que este tipo de iniciativas axudan a que a xente vexa o grafiti ou o muralismo como unha forma de arte e non como vandalismo?

Sempre están as dúas caras, o graffiti sempre vai a habelo ilegal, iso non o vas a evitar. Pero esta é unha nova faceta a nivel mundial que viu para quedarse e se a adoptas perfecto, estarás na corrente. Moitísimos sitios, como pobos pequenos, a adoptan e é unha fonte de turismo. En Penelles, Lleida, que só ten 300 habitantes, cando é o festival xúntanse alí unhas 5.000 ou 10.000 persoas. E todas as fins de semana van centos de visitantes que senón fose por iso non coñecerían o pobo. Realiza unha función como de embaixador dunha cidade.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.