REVISTA ABRIL

Segue o ciclo de cine Sonoro Empeño

A maiores da exposición e das demais actividades, o proxecto multidisciplinar Sonoro Empeño ten programadas cinco películas que teñen na arte a súa protagonista: Mr. Turner, Loving Vincent, La dama de oro, Big eyes e El profesor de violín. Terán lugar do 16 de outubro ao 20 de novembro na sede Afundación, sempre ás 19:30 e en versión orixinal con subtítulos en castelán. Entrada gratuíta ata completar aforo. As invitacións poderán adquirirse en ataquilla.com desde cinco días antes de cada proxección e no despacho de billetes do centro desde media hora antes.

MÉRCORES 16 OUTUBRO: MR. TURNER (2014), DE MIKE LEIGH

Biografía sobre o pintor británico, J.M.W Turner (1775-1851). Artista recoñecido, ilustre membro da Royal Academy of Arts, vive co seu pai e a súa fiel ama de chaves. É amigo de aristócratas, visita burdeis e viaxa frecuentemente na busca de inspiración. A pesar da súa sona, tamén é vítima das burlas do público e do sarcasmo da sociedade. Fondamente afectado pola morte do seu pai, decide illarse. A súa vida muda cando coñece a Mrs. Booth, propietaria dunha pensión familiar á beira do mar.

MARTES 22 OUTUBRO: LOVING VINCENT (2017), DE DOROTA KOBIELA E HUGH WELCHMAN

Un ano despois da morte de Vincent van Gogh, o carteiro Roulin pídelle ao seu fillo Armand que entregue persoalmente a derradeira carta do artista ao seu irmán Theo, logo de que os seus intentos de lla enviar fallasen. A pesar de non o ter apreciado e lembrar o incidente de cando se mutilara a orella e lla dera a unha prostituta, Armand acepta a encomenda… Primeira longametraxe composta por pinturas animadas, en que cada fotograma é un cadro pintado sobre óleo por unha gran listaxe de excelentes artistas, inspirándose no estilo do xenio. Compoñen o filme un total de 56.800 fotogramas.

MARTES 5 NOVEMBRO: LA DAMA DE ORO (2015), DE SIMON CURTIS

Baseada nunha historia real. En 1998 Maria Altmann (Helen Mirren), unha muller xudía que fuxiu de Viena durante a II Guerra Mundial, volve sesenta anos despois para reclamar as propiedades que os nazis confiscaron á súa familia, entre as que se atopa o célebre Retrato de Adele Bloch-Bauer I, de Gustav Klimt. Un avogado mozo (Ryan Reynolds) terá a ben axudala na súa loita co goberno austríaco e coa Corte Suprema dos Estados Unidos. Ao mesmo tempo, Maria deberá enfrontarse ás terribles lembranzas do seu pasado.

MARTES 12 NOVEMBRO: BIG EYES (2014), DE TIM BURTON

REVISTA ABRIL

Baseada nunha historia real. Margaret Keane comezou a ter un éxito inusitado nos anos 50 e 60 a raíz dos seus cadros, característicos polos grandes ollos dos personaxes que representaba. Eran nenas e nenos que cativaban debido á súa mirada penetrante. Walter Keane, o seu marido, tíñaa convencida de asinar as obras co nome del porque disque era moi hábil para as cousas do marketing… En canto ela comeza a decatarse da manipulación, Walter amosa todas as súas frustracións. 

MÉRCORES 20 NOVEMBRO: EL PROFESOR DE VIOLÍN (2015), DE SÉRGIO MACHADO

Laertes (Lázaro Ramos), un violinista de gran talento que foi rexeitado na prestixiosa Orquestra Sinfónica do Estado, comeza a dar clases de música a adolescentes dunha escola pública en Heliópole, un barrio dunha zona deprimida de São Paulo. Esta experiencia cambiará a súa vida e a do seu alumnado… Inspirada na verdadeira historia do mestre brasileiro Silvio Bacarelli, que nos anos 90 conseguiu estimular a inclusión social e cultural da mocidade dunha das favelas máis grandes da cidade.

(GMT+01:00) Sede Afundación

(GMT+01:00) Sede Afundación

(GMT+01:00) Sede Afundación

(GMT+01:00) Sede Afundación

(GMT+01:00) Sede Afundación