CAMELIAS MASCOTAS

Xaime Miranda: “Comunicación audiovisual semellaba estar montada a base de remedios”

Resulta imposible non quedar abraiado despois de ver algúns dos videoclips do realizador galego Xaime Miranda, que vén de gañar por segundo ano consecutivo o Premio ao Mellor Videoclip no Festival Primavera do Cine. Se na edición pasada foi con Inferis de Basanta, nesta foi con De bruma e salitre de Mileth, un traballo misterioso e impecable no que demostra por que é un dos directores a seguir de cerca na escena galega.

Xaime Miranda (der.) e Iago Vilarinho (esq.) durante a rodaxe do último videoclip de Dios Ke Te Crew

O primeiro, parabéns polo premio. Faiche especial ilusión gañar nunha categoría na que é o público o que vota?

Non sei se máis satisfactorio pero sempre resulta algo especial que sexa o público o que che dea o premio. Sobre todo porque os vídeos están feitos para iso, para que os vexa a xente.

Con algúns grupos tes feito máis dun videoclip, como é o caso de Oh! Ayatollah, Familia Caamagno, Basanta, Agoraphobia, Mequetrefe ou The Brosas. Se repiten significa que están contentos co teu traballo.

Tamén é certo que moitos deles son tamén colegas (risos), entón ao final tamén haberá un pouco diso. Pero quero crer que si, que lles gusta o que fago e o resultado final.

Como nacen as ideas dos videoclips? Das bandas, de ti ou metade e metade?

É moi variable. Nalgúns casos a banda non ten ningunha idea e danme carta branca, noutros teñen unha idea e eu propoño cousas e por último hainos que xa te traen unha idea bastante clara. Máis ou menos hai o mesmo número de casos das distintas opcións.

Por poñer un exemplo local, como foi con Basanta?

Foi bastante a medias. No caso de Inferis tiñan moi clara unha referencia dunha portada dun disco que se chama Banquet [Lucifer’s Friend, 1974]. A partir de aí fun elaborando a idea en base a referencias de películas e contactando con eles, e con Gris foi un pouco o mesmo.

E coa Familia Caamagno?

No seu caso déronme total liberdade, non partiamos de nada.

Ademais vemos diferentes rexistros segundo o estilo da banda, demostrando unha gran polivalencia.

Eu sempre intento adaptarme ao que me parece que lle vén ben ao grupo e á súa estética. Eu por exemplo non son moi amigo de gravar aos músicos tocando, senón que intento levalos por un lado máis narrativo ou estético. Máis aló diso non é que teña unhas preferencias moi definidas, estou aberto a moitas influencias.

Ou sexa que o teu é máis a ficción que o puramente musical.

A verdade é que eu cheguei aos videoclips un pouco de rebote, porque o que me gustaba é a ficción. De feito formeime para iso, fixen un mestrado de dirección de cine en Barcelona e alí fixemos algunha curta. O dos videoclips fíxeno porque tiven a oportunidade de facer algún para bandas de colegas e ao principio os plantexabamos como curtas montadas ao ritmo dunha canción.

En ocasións o teu irmán encárgase dos efectos dixitais. Como é traballar con el?

Ben, el agora non está en Galicia, está a estudar en Barcelona un mestrado sobre videoxogos, así que abandonoume un pouco co tema dos videoclips (risos). El tamén estudou Comunicación Audiovisual pero está máis enfocado neste mundo dos efectos, do deseño e da animación.

Estudaches Comunicación Audiovisual na USC, quería preguntarche pola túa experiencia de estudante.

Pois a verdade é que non teño moi bo recordo dela nin a sensación de ter aprendido moito. Creo que agora cambiou, pero cando estaba eu era todo un pouco disperso, case todos os profesores viñan doutros ámbitos e non tiñan experiencia real no audiovisual. Semellaba que a carreira estaba montada a base de remedios. A pesar dalgunha excepción decepcionoume bastante. A nivel práctico foi bastante horroroso, non tocabamos a cámara e nas clases de edición non editabamos ningún vídeo. Foron catro anos que poderían estar resumidos nun só e que nos que eu podería ter aproveitado para facer cousas pola miña conta. A veces ata sentes envexa da xente que vén dos ciclos porque en menos anos obtiveron máis formación.

Xa daquelas tiñas claro que te querías dedicar a isto?

Eu empecei a carreira de medicina e despois dun ano vin que iso non ía comigo. Unha vez entrei en Comunicación tiven bastante claro que o que me gustaba era a ficción. Gústame tanto dirixir como montar, porque creo que son dúas partes do mesmo proceso. A min non me gusta delegar a montaxe porque moitas das cousas que consigo nos vídeos son ao editar. Sería renunciar a demasiado.

Máis aló de Basanta, es seguidor dalgún otro grupo vigués?

Agora mesmo estou a traballar con Stoned At Pompeii para un videoclip que sacaremos nun futuro. Aínda que traballe nos videoclips aquí en Galicia, escoito moita música de fora, estou moi colonizado e pouco comprometido coa escena local (risos).

REVISTA NOVEMBRO

Preguntarche tamén polo teu proxecto de ficción O Neno e a Sombra. Que tal foi o cambio de videoclips a ficción? Cando poderemos velo?

Aínda vai levar un tempo porque o proxecto está vinculado a unhas subvencións e aínda teñen que resolverse. Con eses cartos poderiamos permitirnos unha serie de cousas en posprodución que cambiarían o resultado final da obra. Agora mesmo estamos editando con calma e pendentes de facer un planning.

Sobre o cambio de videoclip a ficción, eu no mestrado xa estivera en bastantes rodaxes, polo que non é algo que me pillara por sorpresa. Facer esta curta axudoume a refrescar todas as diferenzas entre ambos formatos, como por exemplo o ritmo dos planos, o traballo con actores ou o son en directo. Nese aspecto o videoclip é moi agradecido, as curtametraxes son máis complexas.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.