CAMELIAS MASCOTAS

A banda Nítido debuta este sábado coa súa nova formación

A banda local Nítido nace arredor do 2016 como proxecto persoal do vigués Adrián Callejo. Tras lanzar o EP acústico Vetas, producido por Eladio Santos, Víctor Rivas anima a Callejo a buscar unha banda coa que acompañar ás súas cancións. Tras sacar un dobre single en abril do ano pasado, suma á formación a Denis Carballás na guitarra, Nicolás Gómez ao baixo e ao xa mencionado Víctor á batería. Falamos con eles no seu local de ensaio caseiro antes do seu concerto na Kominsky deste sábado, no que actuarán coa banda indie Birds & Cables.

Denis, Adrián (arriba), Víctor e Nico (sentados) no seu local de ensaio caseiro | Pablo V.

Nítido nace nun primeiro momento como un proxecto persoal de Adrián. En que momento decides formar unha banda ao redor del?

Adrián: Xa desde o principio. Eu estaba na Universidade de Porto e tiven unha clase cun profesor que me explotou a cabeza e dixen “quero volver a Vigo e montar unha banda”.

Canto tempo tardaches en montala?

Adrián: Ao pouco de comezar ensineille as miñas cousas a Víctor porque o coñezo desde fai media vida. Empezou a implicarse e eu creo que é aí cando xurde o da banda. Nico estaba no grupo pero só para asinar.

Nico: Chegaba a clase, asinaba e marchaba.

Adrián: Probamos con outros rapaces na batería pero non acababa de funcionar, entón decidimos fichar a Denis e pasar a Víctor á batería, que toca de todo e ademais estaba a ir a clases nese momento.

Todos viñades de facer cousas diferentes cos vosos outros grupos. Como vos convence para unirvos?

Nico: Eu daquelas estaba con Adrián a traballar de teleoperador nun sitio que pechou porque tiña moitas débedas. E xa daquelas ensinábame os temas e me gustaban bastante. Sempre me gustou o pop sentimental con letras profundas.

Víctor: A min ensinoume os temas fai máis de tres anos e el xa quería subilos a internet e compartilos con todo o mundo. Eu díxenlle “meu, igual é mellor agardar e madurar os temas, que aquí hai cousa fina”. E pouco a pouco fun entrando no proxecto, primeiro como produtor e agora como batería, aínda que eu o que quería realmente era tocar o baixo.

Denis: A min Adri preguntoume “que vas facer este ano?” e apunteime. Non hai máis historia.

Para quen nunca vos escoitara, a que soa Nítido? Cales son vosas maiores influencias?

Víctor: Soa como un cruce entre The Runaways e Manolo Escobar, non?

Adrián: É un grupo de pop rock. Fuego Transversal é máis rock, mentres que Hasta fin de existencias é pop a tope. Todos os temas están nese abanico entre o pop e o rock. Aos 14 anos descubrín os Beatles e paseime tres anos escoitando todos os días discos deles. Eu creo que son a miña maior influencia, pero sería un pouco pretencioso dicir que soamos como eles. Gústame moito a música en castelán, por iso non canto en inglés.

Víctor: Á hora de producir os temas fixámonos moito en cancións de Tony Joe White, de grupos de rock dos setenta e tamén dos de pop. Hai temas de Nítido que poderían ser de Nacha Pop, ou de Los Secretos nos seus comezos.

Non sodes unha banda indie entón.

Adrián: Hai xente que nos di que si, pero que é o indie? É como o pop rock, non é un xénero real.

Víctor: Nós somos totalmente independentes, nese aspecto si que o somos. E tamén podemos considerarnos indies porque estrearon o noso último tema en Disco Grande de Radio 3.

Chegastes ás semifinais do concurso Sonidos Mans. Que tal está a ser a experiencia?

Adrián: Que non quero participar en ningún concurso máis (risos).

Denis: A min o sistema de votos sempre me amolou. Que todo se decida por un voto non ten sentido. Se non tes amigos e es bo, que non digo que o sexamos, pois non te comes un rosco.

Víctor: Pero estás a admitir que non temos amigos (risos). Podes intentar conseguir os votos, pero a min non me gusta estar a raiar á xente en plan “vótame, vótame”. Non me mola nada gañar un concurso a base de lamer cus. En xeral, non me gusta gañar nada na vida así.

Denis: Un concurso ten que ter un xurado independente que escolla aos seus favoritos.

Adrián: Os que o organizan son colegas e por iso non quero poñelos a parir. Non é cousa súa, é o sistema do concurso. A música é arte, non podes valorala a través de votos nin de posicións. Non vai de quen marca máis goles.

Víctor: A ninguén lle gustan os concursos, pero implican cousas de cartos e entón ao final participas. É a única forma de gañar algo de cartos.

Desde a nova formación só publicastes un single. Que podemos esperar nos próximos meses?

Adrián: Fai anos gravei Vetas eu só en acústico. A intención é pasar iso a formato grupo, pero nos saltamos a previsión lanzando un tema novo. Mais o plan segue a ser sacar o EP, que contén Todo lo que no se ve, Hasta fin de existencias e tres temas máis, en setembro. Fuego Transversal é como un single de algo posterior, porque queriamos ensinar algo do que estamos a facer agora.

E o disco para cando?

Adrián: En setembro de 2020, en serio.

Víctor: Gravar en casa leva un pouco máis de tempo facer as cousas, hai que facer malabarismos para que soe guay. O disco o gravaremos entre aquí [casa de Adrián] e o meu local. Molaría gravalo nun estudio, pero iso implicaría moitos cartos, e non me gusta gastar todo o que temos para ir tres días a un estudio. Non quedaría todo tan pensado nin arranxado como o que facemos na casa. No solo de Fuego Transversal botamos unha mañá enteira.

Este sábado debutades en directo na Kominsky. Persoalmente, que vos tira máis, o estudio ou o directo?

Víctor: Son dúas cousas distintas. A min encántame tocar en directo, por min estaría todas as semanas tocando, e ademais dá máis cartos. O estudio tamén mola porque podes mimar máis os temas, creas atmosferas… Gústame que a xente poda coller un tema de Nítido e escoitalo na súa casa.

Adrián: Eu teño moitas ganas de probar en directo. Nos ensaios o pasamos moi ben e creo que iso vaise trasladar.

Denis: Eu prefiro o estudio. O directo está ben pero o estudio permíteche ser máis creativo. Aínda que son dúas cousas moi distintas, postos a escoller prefiro estar na miña casa sentado repetindo tomas.

Nico: Pois eu prefiro o directo. Porque me gusta tocar, ver que o grupo progresa e se defende en directo, que é onde se ve realmente o nivel dun grupo. Eu nunca me fiaría dun disco. Está guai para darte a coñecer e para que che escoite xente que non é de aquí.

Víctor: O que me gusta do estudio é que o que fas queda aí para sempre, e é un reflexo de como es como músico. A min Fuego Transversal paréceme que quedou un tema da hostia, que o podo escoitar mañá ou dentro de 20 anos que vaime gustar igual.

Se puidésedes elixir calquera banda para traer a Castrelos, cal traeriades?

Víctor: A Nítido (risos).

Adrián: Eu faría un festival con grupos de Vigo, paréceme algo obvio. Van de progres traendo o que traen pero seguen sen enfocarse no importante. Aínda que fose no escenario pequeno que hai detrás do auditorio.

Víctor: Mola que veña Roger Hodgson gratis, non como a última vez no Mar de Vigo que había que pagar unha millonada.

Pensades que a xente iría a Castrelos a ver grupos locais?

Adrián: Eu creo que si, e que nin sequera dan a opción de comprobalo.

REVISTA NOVEMBRO

Víctor: Obviamente a primeira vez non encherías Castrelos. Eu teño visto 90 persoas na Kominsky cando tocaban grupos de aquí. Se comezaran a fomentar isto mesmo pero en Castrelos e acostumas á xente a ir eu creo que si que podería encherse. Podes poñer os concertos pola tarde e a xente que esté cos seus fillos ou dando de comer aos patos pode achegarse a escoitar. Un día van 60, outro 90 e ao seguinte tes a 500. Os Castroconcertos estaban sempre petados.

Adrián: Parece que en Vigo non dan a oportunidade e que miran para outro lado. Hai uns locais de ensaio públicos para a xuventude aos que non chegas sen coche, ou que precisas catro Vitrasas para ir e volver.

Víctor: Cando había locais no Castro e na Casa da Xuventude estaban sempre cheos. Por iso fixeron Vigosónico a tomar polo cu.

(GMT+01:00) Sala Kominsky

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.