CAMELIAS MASCOTAS

Volven Los Marcianos co seu ‘Nuevo Orden Cósmico’

Este venres 9 de novembro sae o novo mini-LP da banda local Los Marcianos baixo o título de Nuevo Orden Cósmico. Cinco temas fieis ao son marciano pero máis maduro, seguindo esa filosofía de “melodía e ruido”. Falamos co seu vocalista Ibán González sobre este novo traballo.

Portada de ‘Nuevo Orden Cósmico’

Los Marcianos é unha banda viguesa de pop nada en 2006, que vai dende as melodías do indie ata a distorsión do shoegaze. Neste último traballo, Nuevo Orden Cósmico, atoparemos “cancións de pop, de melodía con distorsións e efectos. Moita enerxía e, coma sempre, prestando especial atención as letras, que todas contan cousas”, comenta Ibán González, cantante e guitarrista do grupo.

Sobre as diferenzas deste último lanzamento respecto aos anteriores, Ibán destaca que “con respecto ao último LP si que hai unha evolución, non é que sexa unha ruptura total pero hai diferenzas, en xeral hai máis ruído que no anterior, e creo que son algo máis maduras”. O disco, grabado nos estudios vigueses de Estereoarte por Carlos Hernández (Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Viva Suecia…) poderá escoitarse en plataformas dixitais e tamén sairá en formato físico, nun vinilo de 10″.

REVISTA NOVEMBRO

Debido á súa particular forma de entender o pop, Ibán opina que “non hai ningunha banda local que soe parecido. Pero cremos que podemos formar parte do mesmo universo indie de xente como Linda Guilala ou When Nalda Became Punk, que son grupos que nos encantan”.

Chama a atención que un grupo con 12 anos de traxectoria só teña no mercado dous discos, un EP e o mini-LP que está por saír: “o motivo foi que non todos foron anos de actividade, comezamos sen grandes pretensións, os primeiros anos estivemos facendo maquetas e tocando por aquí, e non foi ata 2010 que publicamos o primeiro disco”. Desta forma, e tras outro parón, foi a partir do 2015 cando a actividade volveu ser máis ou menos constante.

Cales son os plans de futuro de Los Marcianos? “De momento inda non temos datas para a presentación, en breve anunciaremos concertos en varias cidades españolas. A curto prazo, facer unha xira de presentación do disco e editar un novo, que xa estamos ultimando, no 2019.”

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.