CAMELIAS MASCOTAS

Son Trío estrea videoclip gravado nas rúas de Vigo

O trío musical formado por Su Garrido, Katerina Linke e Susanna Blanco estreou o pasado 30 de outubro o videoclip de Un día, poema de Celso Emilio Ferreiro musicado e interpretado por elas. No vídeo podemos ver lugares emblemáticos da cidade como o Casco Vello ou o Paseo de Alfonso XII.

Su Garrido, Katerina Linke e Susanna Blanco | Son Trío

Son Trío é un conxunto musical formado en Vigo por Su Garrido á voz, Katerina Linke ao piano e Susanna Blanco ao cello. Están a presentar o seu proxecto Miña almiña, baseado nas letras de Rosalía de Castro. A instrumentación clásica e unha linguaxe musical actual, fan soar os poemas do s. XIX como se fosen escritos hoxe. Ademais, completan o seu repertorio con versións propias de cancións populares galegas e tamén doutros poetas galegos.

O proxecto empezou despois do concurso Musicando a Rosalía do Concello de Vigo que a rusa Katerina Linke gañou con Algúns din. Despois dunha busca intensa por parte de Katerina, Susanna Blanco e Su Garrido Pombo sumáronse á aventura confiando no proxecto e implicándose completamente. A idea de musicar versos de poetas galegos nace de certames como o xa mencionado Musicando a Rosalía ou o II Premio Celso Emilio Ferreiro, iniciativas que elas apoian firmemente xa que “ademais dos gañadores pódense compartir e coñecer outras cancións de compañeiras realmente boas e dunha calidade moi alta.”

REVISTA NOVEMBRO

O pasado 30 de outubro veu a luz o videoclip de Un día, poema de Celso Emilio Ferreiro musicado por Katerina Linke, que nesta versión cambia o piano polo metalófono. Neste vídeo, dirixido por Victorino Freire e ideado polas tres artistas, podemos velas percorrer distintas localizacións da cidade como o Casco Vello, o Paseo de Alfonso XII, a Rúa Policarpo Sanz ou o molle do Náutico. A doce voz de Su Garrido, que se vai repetindo mediante loops, casa a perfección co minimalista acompañamento de metalófono e cello que lle brindan as súas compañeiras. Gonso Pedrido encargouse da produción artística da canción en Villa Angelina.

Aínda que moitos músicos prefiren compoñer primeiro a melodía e despois a letra, a Katarina a poesía ábrelle “un mundo de posibilidades onde eu elixo e traballo os poemas, as ideas, as mensaxes coas que me sinto identificada. É entón cando compoño a música expresando unha sintonía con esas letras.”

Agora mesmo Son Trío atópase preparando a gravación do seu primeiro disco e a posterior xira de presentación. Polo de agora non hai datas concretas, pero o que si teñen claro é que queren fortalecer a súa posición no panorama galego. “Pretendemos facer reflexionar ao público e emocionalo. Como medimos o noso éxito? Cun intenso silencio dende as primeiras notas”, comentan.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.