REVISTA ABRIL

O feminismo volverá reivindicarse mañá nas rúas

Mañá celébrase o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e na axenda hai convocada unha manifestación ás 20:00h para reivindicar esta data. Tamén haberá ao longo destes días varias actividades relacionadas coa loita feminista programadas pola Consellería de Igualdade e a Deputación de Pontevedra.

REVISTA ABRIL

Feminismo Unitario de Vigo chama a manifestarse este xoves, 25 de novembro, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres para ‘transformar a rabia en revolta e gritar conxuntamente que as mulleres quérense libres e vivas’. Esta manifestación busca poñer voz ás que non sobreviviron e denunciar que, ‘a pesar das leis, o aumento da conciencia feminista e a loita, os motivos de conmemoración do 25 N seguen igual de vixentes’. Partirase da Vía Norte ás 20:00h e percorrerá a rúa Urzáiz ata Colón, onde se lerá un manifesto e homenaxearase ás mulleres asasinadas a causa da violencia machista.

A Deputación de Pontevedra tamén programou varias actividades en relación co 25N baixo o lema #ViolenciaZero. Inaugura a programación mañá Merce de Rande coa súa actuación ‘VER/CADA/Bágoa’, no MARCO. Por outro lado, os días 11 e 18 de decembro celebrarase o ciclo ‘Cinema Mulleres’ no mesmo museo e na Sede da Deputación en Vigo está exposta ata o 31 de decembro a mostra fotográfica ‘Muller x Muller’.

En canto á Consellería de Igualdade, teñen programados varios actos contra a violencia machista. Entre os meses de novembro e decembro acollerán proxeccións de filmes, presentacións de libros, coloquios, accións reivindicativas,  xornadas formativas, actuacións musicais, etc. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre ata completar aforo. Ademais, o 1 e 2 de decembro celébranse unhas xornadas formativas cuxos obxectivos son fomentar a participación e implicación da poboación viguesa na promo ción dunha cultura igualitaria e na prevención da violencia de xénero. Así como habilitar un espazo e tempo de formación e reflexión persoal en relación á igualdade e a violencia de xénero. Ademais de visibilizar a violencia de xénero como manifestación extrema da desigualdade coa finalidade de acadar un cambio de modelo de relación social baseado na igualdade. Para participar nestas xornadas é preciso reservar praza escribindo a: xornadas.igualdade@vigo.org