David Suárez: “Aos galegos non nos gusta nin petalo nin fracasar, preferimos quedar normal”
David Suárez (Santiago de Compostela, 1992) é un dos cómicos máis en forma e con maior proxección do panorama nacional debido ao seu estilo tan persoal non apto para sensibles. Deuse a coñecer ao gran público no ano 2013 coa webserie Vincent Finch: Diario de un Ego, no que interpretaba a un hipster pedante e narcisista obsesionado co cine. Posteriormente puidémolo ver en Famosos y una vieja, Yu: No te pierdas nada ou, brevemente, en Late Motiv de Andreu Buenafuente. O seu humor ácedo, irreverente e polémico convérteno nun dos referentes da provocación e do humor negro da comedia actual. Ademais das súas aparicións en internet e televisión, tamén conta cun libro no mercado (Agonía Infinita) e cun show en directo (Tanta tolerancia me está ofendiendo), co que vén este venres 12 á Fábrica de Chocolate. Podes conseguir as entradas premendo neste enlace.
Xa no título do teu espectáculo mencionas a ofensa, un termo moi de moda ultimamente. Ademais de tanta tolerancia, que máis lle ofende a David Suárez?
En contra do que poida parecer, si que me ofenden algunhas cousas, o que pase é que non son tan obtuso para pensar que por queixarme en internet vai ter algún tipo de utilidade nin tan cretino ou ególatra para pensar que porque algo me amole deba desaparecer ou ser censurado. Basta con non consumir o que te ofende. É bastante paradóxico que á xente lle ofendan os chistes pero outros temas como a corrupción ou os problemas de verdade non os atopen ofensivos.
Penso que é unha obriga preguntarche polos límites do humor. Existen realmente?
Supoño que sempre ten que haber un límite para que sexa interesante xogar con el, porque se valese todo non sería divertida a transgresión. O divertido do que eu fago, polo menos para min, é dicir en alto as cousas que se supón que non se poden dicir. Egoistamente, o momento que nos toca vivir agora é moi rico e moi entretido porque hai moita xente desexando que non digas certas cousas e ofendéndose moitísimo se as dis. Os límites existen nun plano social, pero eu non teño problema con ningún tipo de comedia: desde a máis branca ata o humor máis negro. Ademais, hai que partir de que a comedia é ficción.
Despois de todas as polémicas dos últimos meses con cómicos como Ignatius Farray ou Rober Bodegas, por que cres que aínda non chegaron a ti? Por non intentalo non será.
Realmente é porque non son nin a metade de coñecido do que son eles e tampouco teño unha exposición que me permita xerar iso. Ignatius está nun dos programas de radio con máis audiencia entre o público novo e Bodegas tivo moi mala sorte porque gravou un monólogo en Comedy Central fai moito tempo e sacárono agora, como quen rebusca nos tweets antigos de alguén. No meu caso, son un desgraciado que vai a un programa con Dani Mateo no que se hai algunha cousa que non lles convén que diga pois coméntanmo previamente en guión.
Xa que o comentas, algunha vez te censuraches a ti mesmo? E algunha vez foches censurado?
Creo que non. Sempre fixen o que quixen, ou polo menos busquei a forma de facelo, xa fora en Buenafuente ou en Yu. Sempre que me censuraron algo tentei saírme coa miña modificándoo un pouco. Claro que hai censura, pero é unha censura máis achegada a que che quiten algo porque vai en contra dunha campaña dos 40 Principales que por meterte con algún colectivo. Cousas tipo “non te metas con esta persoa da cadea” ou “non te metas co feminismo porque temos unha campaña para vender gafas de sol” (risos). É todo moito máis economista ou capitalista do que parece. Ao final, a todo o mundo por desgraza danlle igual as minorías, é algo totalmente egoísta para non dar mala imaxe.
“Sempre que me censuraron algo tentei saírme coa miña”
Despois do teu breve paso pola televisión, pensas que o teu estilo e humor é máis propicio para internet que para formatos televisivos?
Eu creo que si. Estou máis cómodo cando gravo as miñas cousas, cando superviso todo e cando teño o control absoluto, pero non sempre pode ser así. Un cómico de verdade ten que aprender a defenderse en calquera situación. Pero claro que prefiro internet porque as cousas se entenden… bueno, ía dicir que se entenden ben, pero moitas veces enténdense fatal, da peor maneira. Pero xeralmente a internet se lle permiten máis cousas. Agora as cousas en televisión están cambiando un pouco grazas a Deus. Bueno, grazas a Deus non, grazas a Broncano, Ignatius, Quequé ou Jorge Ponce. Por fin aparece unha televisión, por suposto de pago, que dá lugar a facer cousas máis creativas e que se digan cousas que nunca antes se dixeron na tele. A transgresión está máis normalizada, antes por dicir algo politicamente incorrecto marxinábante.
Entón considerarías La Resistencia ou La Vida Moderna como os referentes do humor agora en España?
En España sen dúbida. Hai un montón de cómicos moi bos como Alberto González Vázquez, Berto Romero, Raúl Cimas… Broncano e compañía non son os meus favoritos porque hai outros que me gustan máis, pero é innegable que son os mellores, eu os admiro un montón.
Polo que teño entendido, tiveches polémica con Flipy, Santiago Segura, Buenafuente ou co fundador da Fundación Francisco Franco. Cal destas, ou doutras, pillouche máis por sorpresa?
Eu supoño que a de Buenafuente, que é algo que aínda non contei publicamente porque o conto no meu espectáculo en directo, é un reclamo que fago. Ao principio non o exteriorizaba porque aínda non o tiña asimilado e era algo do que non quería falar e agora é un tema do que teño un bloque enteiro no monólogo e prefiro que quen estea interesado veña velo. O que pasa detrás das cámaras, o lado máis sinistro da televisión. Que eu tampouco a catei moito, que só foron tres programas. A min non se me deu ningunha explicación, foron todo deducións miñas. Houbo reunións máis tarde, pero foi todo moi escuro. Non se fixeron ben as cousas desde a súa parte. Non digo que eu si que fixera todo ben, pero eles menos.
“Non se fixeron ben as cousas des o programa de Buenafuente”
Volvendo aos teus inicios, estudaches Comunicación Audiovisual e Xornalismo en Madrid e alí fixeches a webserie Vincent Finch: Diario de un Ego. Cres que é necesario irse á capital para poder lograr gran repercusión no audiovisual?
Gustaríame dicir que non, pero creo que por desgraza si. Porque eu vexo a moita xente talentosa en Galicia, como Porco Bravú, o grupo Srasrsra ou David Perdomo e que por quedarse alí acabaron facendo algo moi local, e non por falta de talento. Non sei se é cousa de Galicia ou de Santiago, pero existe un efecto que é como un embude que che fai quedar alí e que esteas a gusto. Como que o de fora é perigoso. É un pouco cínico dicir isto porque non todo o mundo ten a opción de marchar, pero eu o faría canto antes. Galicia é a hostia en moitas cousas pero non no audiovisual. Non me vale que me digan “as series da TVG están ben”. É igual, seguen a ser puta merda (risos). Máis quixera eu que non o fosen. O cal non implica que non haxa talento. De feito ese é o drama. Nunca vas poder facer algo interesante nunha canle que ten unha media de idade de 65 anos. Aos galegos non nos gusta nin petalo nin fracasar, preferimos quedar normal. Galicia é o contrario ao Sono Americano.
Cando foi o momento no que decidiches que xa non ía haber máis Vincent Finch?
Debeu ser algo que decidín practicamente cando se estreou a serie. Eu sabía que quería gravar cousas máis aló de Vincent Finch, entón tiña claro que tiña que cortar a billa. Non quería que se me confundise coa personaxe. Sempre dixen que hai cousas miñas en Vincent, como o humor negro ou a mala hostia, pero tamén hai moitas outras que eu utilicei como disfrace para sinalar cousas moi concretas como “que asco dá Malasaña” ou “que asco dá moita xente en Madrid que se cren guais por vivir en Madrid”. Este rollo hipster da personaxe non me representa, eu utiliceino para dicir “Hei, hai xente así, pero eu non son así”. Cabrón vale, pero o de moderno era un disfrace. Agora pasa que moitos youtubers tentan renegar do seu nick e xa lles resulta imposible, non o viron vir coa suficiente antelación. Iso paréceme unha merda e eu non quería que me asociasen sempre con Vincent Finch, non me tomarían en serio.
Este ano fixeches o teu debut editorial con Agonía infinita. Como xurdiu esta idea de condensar o teu humor negro en pequenas ilustracións (do seu primo Guillermo Varela e cor de Cristina Galán) con texto?
Realmente son eu estafando a moitísima xente. Basicamente son algúns chistes que tiña por aí, púxenlles unha imaxe e intenteino vender e gañar cartos. Se a idea fose miña sería a máis estúpida do mundo, porque a cousa que menos cartos dá son os libros. Esforceime en que os chisten molen, en que fose divertido, en que sexa un libro que apeteza ler. Pero é iso, chistes recompilados e ilustrados. Tentei que fosen exclusivos, que non saísen antes noutros vídeos ou en Vincent Finch, pero ao final é inevitable. A putada é que se le moi rápido, é un libro para ler cagando: con que vaias dúas veces ao baño xa o tes lido. É caro e se le moi rápido. Encantaríame dicir “comprádeo que vos vai cundir un montón”, pero sería mentira.
Tras facer unha webserie, colaborar en radio e televisión, dirixir o teu propio programa de entrevistas, subir contido ás túas redes con pequenos vídeos, publicar un libro e facer monólogos, onde dirías que te atopas máis cómodo?
Agora estoulle a coller o truco aos directos, sobre todo aos da radio, na miña sección. Comezo a entender como funciona e xa teño máis recursos para sobrevivir, pero non é o que máis me gusta. Iso sería o que menos, probablemente. Nin sequera é actuando, que me gusta moito, senón que onde máis gozo é escribindo eu só na miña habitación. Ten algo de estratexia: conto con tempo e coa calma para decidir o que me gusta e o que non. Todo o que teña que ver coa inmediatez non vai conmigo, son pouco resolutivo nas distancias curtas. Escribindo é onde son máis eu. Un é un mesmo cando está só, que é cando te tiras peidos e te sacas os mocos. Cando estás nun plató non es ti, é un disfrace que te pos para non facer o ridículo ou para enganar á xente.
“Cando estás nun plató non es ti, é un disfrace que te pos para non facer o ridículo ou para enganar á xente”
Quédache algo por probar?
Teño moitas ideas para facer cousas e todas están relacionadas con escribir e dirixir. Non vou poñerme a escalar montañas como Broncano nin nada diso. Aínda que estou máis cómodo detrás das cámaras, todos os que nos adicamos a isto somos uns ególatras insoportables e por iso saímos diante. “É que me axuda a ter máis seguridade en mi mesmo…” Non, o que pasa é que ti es un puto cretino e queres poñerte diante da cámara. Estou máis cómodo detrás dela porque se alguén ten que facer o ridículo prefiro non ser eu.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024