CAMELIAS MASCOTAS

José Arcas, guía de luxo para coñecer Cíes

Este domingo 30 poderemos percorrer as Illas Cíes da man de José Arcas, o autor do libro de ilustracións Caderno de Campo das Illas Cíes. Este evento, organizado por Volta Montana, pretende percorrer este arquipélago nunha viaxe chea de matices, cores, sensacións e, sobre todo, un aire cargado de cheiro a mar.

Unha das ilustracións que poderemos atopar no libro de Arcas | Editorial Catroventos

A pesar de estar tan preto, as Illas Cíes están cheas de segredos que aínda non coñecemos. A través desta visita con José Arcas, biólogo e autor do libro Caderno de Campo das Illas Cíes, coñeceremos desde outro punto de vista estas fermosas illas. Experto en aves silvestres e autodidacta da natureza, con el coñeceremos a fondo un espazo singular ateigado de historia, natureza e lembranzas que poderemos levar á terra despois de pasear polas sendas que percorren esta incrible paraxe.

REVISTA NOVEMBRO

Ademais de licenciado e doutor en bioloxía, Arcas xa fai uns 15 anos que se vén dedicando profesionalmente á pintura e á escultura, sempre relacionadas coa natureza. Cóntanos que a súa paixón polas aves nace xa na escola, “xa que son os animais máis sinxelos de observar: cuns prismáticos e un caderno é suficiente”. Tamén opina que o feito de ser biólogo “axuda á hora de retratar animais, xa sexa nas cores ou nas posturas”.

Por que as Cíes para protagonizar o seu último traballo? “Porque é un Parque Nacional e porque o teño diante da casa. Sería un pouco absurdo ir a Doñana tendo as Cíes aí diante”. Traballo, por certo, que saíu adiante a través dunha campaña de crowdfunding na que, gracias a 126 mecenas, conseguiu uns 3.000€, unha cantidade superior á que en principio estaba estipulada, o que demostra o intetrese que esperta na xente. Este libro é un caderno de campo, é dicir, unha compilación de ilustracións da natureza feitas en lapis e acuarela para pór en valor o patrimonio natural das Illas Cíes.

A visita guiada, que sairá de Vigo ás 11:00 da mañá do domingo 30 e voltará ás 19:30, terá un custo de 18€, máis a viaxe en barco, que rondará os 13€. Este prezo inclúe seguro de responsabilidade civil e accidentes, pero non inclúe picnic, polo que cada participante deberá levar a súa propia comida. Podes conseguir os tickets premendo aquí.

(GMT+01:00) Estación Marítima

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.