CAMELIAS MASCOTAS

Sete motivos polos que asistir Online ao Galician Freaky Film Festival

A pasada fin de semana tivo lugar na nosa cidade o Galician Freaky Film Festival, un orixinal certame de curtametraxes galegas e internacionais que leva o gamberrismo e as ganas de pasalo ben no seu ADN. Polos motivos que todos coñecemos, esta terceira edición viu mermada a súa capacidade e tan só 30 persoas por sesión puideron desfrutar da súa programación na Sala Overlook do Hotel Bahía. Para facer fronte á situación, o equipo puxo a súa programación oficial na plataforma FestHome na que por tan só 10€ (ou 2€ por sesión) podemos gozar de 60 curtametraxes na tele da casa. Non é o mesmo, pero despois de asistir ao meu primeiro festival de cinema online, ocórrenseme algúns bos motivos polos que paga a pena unirse ás filas do GFFF en versión online. Estará dispoñible ata o domingo 8 de novembro.

Fotograma da curta El tratamiento, de Álvaro Carmona

Desfrutar do mellor dos festivais máis importantes do mundo.  Algunhas das pezas do catálogo pasaron primeiro por importantes certames de cinema arredor do mundo, polo que o GFFF afórranos a viaxe aos festivais de Venecia, Berlín, Toronto, Clermont-Ferrand e Cannes, nos que, a dicir verdade, tampouco conseguiríamos unha entrada, e achega as súas mellores pezas aos mortais coma ti e coma eu. Isto é o primeiro síntoma da calidade que atoparemos na programación.

Na mesma liña, as sesión online do GFFF dannos acceso a filmes de todo o mundo. Malia a proliferación de plataformas online, o acceso ao audiovisual underground feito noutras partes do mundo non é sinxelo e os amantes da serie b son os que máis sofren esta inxustiza. Sen esquecer o espazo que merece o cinema galego, o GFFF propicia un feliz encontro con traballos chegados de moitos países europeos, así como Australia, Canadá ou Corea do Sur. Si, poderás fardar de ver cinema coreano na teu próximo zoom con amigos. Tras pasar a fin de semana pegada á pantalla podo recomendar First Accion Man, unha curtametraxe checa de 30 minutos de duración que pasan voando grazas ao seu orixinal guión; Tienminutengesprek, un filme neerlandés no que unha situación mundana se complica tanto como o seu título; ou Sh_t happens, na que calquera que xa tivera un mal día se verá reflexado, ou non.

Profundizar no xénero freak. Non podía ser doutro xeito, e aínda así, asombra a densidade de filmes extravagantes, bizarros e insólitos que se atopan na súa programación. Os amantes do terror gozarán as seccións “Serial Killer” e “Arrepío”, que prometen momentos espeluznantes só aptos para amantes do xénero. Esta última inclúe a curtametraxe da galega Iria Ares, Badaladas de amor e morte, unha homenaxe a Orson Welles con texto de Vidal Bolaño filmada en 16mm. Atendendo ao criterio do público na sala, a mellor curtametraxe de terror desta edición é a arxentina Pulsión, que se alzou co premio Arrepío. Dentro da sección especial “Serial Killer”, Together recibiu o premio Ben Dito que o xurado concede ao mellor guión.

Se o teu obxectivo freak é acabar máis tarumba que Jack en The Shining, “Que carallo é isto?”, “Co cú torcido” ou “Alimento para o maxín” conteñen o material que buscas. Na primeira categoría atopamos o filme Slug Life, a curtametraxe inglesa gañadora do Gran Premio GFFF que o festival concede á curtametraxe máis freak. Tamén podemos encadrar nesta categoría o premio Neuronas Fritidas que recaeu en Bad Hair, unha peza letona que ben merece a honra de ser nomeada a máis turbia do catálogo. Alén da máis extrema, foi tamén a máis aplaudida polo público na sala, alzándose co premio Olimpo dos Freaks.

A título persoal, destaco a curtametraxe española de Javier Chavanel, Sonrisas, na categoría “Co cú torcido” e Why slugs have no legs, chegada desde Suíza para alegrarnos o día coa súa pegañenta banda sonora, na sección “Alimento para o maxín”.

REVISTA NOVEMBRO

Case a terceira parte das curtametraxes son de humor. O humor freak e sen dúbida o meu xénero favorito no GFFF, por iso agradezo enormemente os tres volumes dedicados a este xénero, nos que atopamos verdadeiras marabillas feitas en España como El tratamiento, de Álvaro Carmona; Polter, de Álvaro Vicario ou Maldita, sobre un neno que confunde o estreñemento da súa avoa cunha posesión maligna. Non podo evitar completar a selección coa francesa Dinosaurs: the true story , a historia do meteorito máis famoso desde unha nova perspectiva, e I don’t wanna dance, un fime de animación do Reino Unido que gañou o favor do público e recibiu o premio Escarállome, á mellor curtametraxe de humor.

Por suposto, a comodidade do fogar ten que formar parte desta listaxe de pros. Ir a un festival cos amigos está moi ben, pero poder parar a película cada vez que necesites ir ao baño, pois tamén. E así poderíamos seguir nunha enumeración perigosa que nos impediría abandonar a calor do fogar, inclinando a balanza de portas para dentro con argumentos como poder comer cantidades infinitas de flocos de millo coa boca aberta sen molestar aos compañeiros de sala, ver as sesións ao teu propio ritmo ao longo da semana e revisionar os teus filmes gañadores.

E queda para o final o máis imporatante: amosar o noso compromiso coa cultura local. Mercando a entrada do Galician Freaky Film Festival Online estamos dicíndolles aos organizadores que apreciamos o seu traballo e temos ganas de vernos as caras na próxima edición, ou na seguinte, ou cando a realidade deixe de superar as historias máis fantásticas do GFFF.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.