REVISTA ABRIL

O Galician Freaky Film Festival arranca mañá volcado no online

O GFFF achégase á súa cuarta edición con dúas novidades importantes respecto aos anos pasados: a posibilidade de gozar das 60 curtametraxes a concurso de xeito online e o cambio de localización, abandonando a nave da rúa Progreso e convertindo os salóns do Hotel Bahia no Hotel Overlook, no que Kubrick sitouo The Shining, o filme homenaxeado nesta esdición do Galician Freaky Film Festival. O Festival celébrase entre o 28 e o 31 de outubro.

A recente declaración do estado de alarma engade unha complicación inesperada a un escenario xa complexo. Os responsables do GFFF traballan “contra vento e pandemia” na configuración dun novo horario de proxeccións á espera de que a Xunta de Galicia confirme o horario definitivo do toque de queda, que de xeito provisional está fixado para as 23h a novel nacional. Tamén algunhas das actividades están pendendentes de poder realizarse de xeito presencial ao contar con invitados de fóra de Galicia que poden ver reducida a mobilidade entre comunidades.

Neste escenario incerto, o GFFF anima a todos os freaks a desfrutar do festival a través da plataforma Festhome, na que, por só 10 € estará dispoñible a sección completa de curtametraxes a concurso, escollidas entre as case10.000 pezas ás que os programadores tiveron acceso. O visionado online estará dispoñible entre o 28 de ouubro e o 8 de novembro.

Con todo, e a pesares das modificacións ou adaptacións que veñen, a organización móstrase entusiasmada coa nova edición do festival que definen como irreverente e moi gamberra. O director do Festival, Juan de Castro, resaltou a calidade da escolla, pensada para impactar e deixar os asistentes “co cú torcido”. Das 60 curtas que se proxectarán e se poderán ver tanto de xeito presencial coma de maneira online, máis de 40 son estreas en Galicia e 15 son inéditas en España. Ademais, contaremos con tres estreas internacionais.

O festival freak incluirá, coma ven sendo habitual, unha exposición que se poderá ver no Hotel Bahía. Se o ano pasado foron Alberto Hortas e Josef Méndez, esta quenda tócalle a Paulo Mosca, artista totalmente alleo as modas e ao politicamente correcto que non deixará a ninguén indiferente. A mostra será unha retrospectiva desde os seus comezos, cos traballos en fanzines e cómics, pasando polas ilustracións salvaxes da súa etapa rosa, ás últimas creacións para animacións e tamén parte dos seus traballos aínda non expostos ao público.

REVISTA ABRIL

As actividades paralelas do GFFF mantéñense, pero desde a organización móstranse abertos a facelas de xeito online no caso de que se confirmen limitacións de mobilidade entre comunidades ou provincias. Así, tanto a Aula CREA, no que se levará a cabo un coloquio con Conrado Xalabarder, coma a gravación do podcast Anónimo IV, conducido por Erea Carbajales e Brais González e no que participan Xalabarder, Nani García e Manuel Riveiro para falar sobre a música e o cinema, poden mudar o seu formato e celebrarse en streaming co fin de cumprir coa normativa.

O mesmo ocorre coa Mesa Cadrada FFFG, un debate público cos responsables dos catro festivais de referencia de temática fantástica e freak de Galicia: FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, Fancine de Lemos, de Monforte de Lemos, Curtas do Imaxinario, de Vilagarcía de Arousa e o Galician Freaky Film Festival, de Vigo.

Aquí podedes consultar a programación actualizada tras as novas restriccións, que impiden estar fóra do domicilio entre as 23:00 e as 6:00 da mañá: