VIALIA
GIRANDO POR SALAS

4 Elementos, lume elemental en Tui

No centro histórico da vila de Tui, a poucos metros do mosteiro de Santo Domingo e á beira do río Miño, emerxe 4 Elementos, un restaurante que busca diversificar a gastronomía local con orixinalidade e experiencia baixo a batuta do inquieto chef Isaac Miguez.

A carta está dividida en catro bloques, cada un dedicado a un dos elementos matrices da existencia. No apartado Aire atópanse elaboracións que involucran procesos de curación e afumadura, como o paté de peixe azul afumado ou o tártaro de Wagyú madurado. A sección Terra celebra os produtos da horta e o campo ofrecendo desde unha grellada vexetal con seitán, repolo, allo porro e millo á brasa ata opcións como berenxena asada, cenoria salteada con aderezo de cacahuete ou repolo con base cremosa, crocante de millo e salsa de sésamo.

Lume é o reino das brasas, onde a grella, alimentada con madeira de carballo, adquire un protagonismo especial. Atopamos carnes como o selecto corte T-Mahok, o solombo de vaca madurada ou o porco de raza Duroc con glasa de marmelo. Por último, o elemento Auga tráenos produtos do mar elaborados á brasa, como as vieiras, os gambóns con salsa de piña, a robaliza, o polbo ou o lombo de bacallau con patacas.

Os ciclos da natureza reflíctense en toda a carta a través dos produtos de tempada, adquiridos no mercado da vila ou plantados por eles mesmos na horta da zona exterior do restaurante. Os pementos de Padrón, os tomates, os porros… son en boa medida de colleita propia.

O local está situado nunha gran casa de planta baixa e teito alto e distínguese pola amplitude do salón, que permite acoller tanto comensais individuais como grandes grupos e eventos. O número catro repítese continuamente. Catro son os socios que puxeron en marcha o proxecto e tamén son catro os espazos: unha zona de cóctel, cunha orixinal barra curva verde; unha zona de comedor, con posibilidade de pechar un reservado acristalado para comidas de grupos; a zona lounge, con cómodos sofás nos que acompañar unha bebida coas súas ricas patacas caseiras trufadas, e a zona exterior, con dúas amplas terrazas. Conta, ademais, con espazo de aparcamento.

Tr.ª de Santo Domingo, 16, Tui | 604 48 66 58 | @4elementostui

REVISTA ABRIL
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.