REVISTA MAIO

Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño

O palacete indiano de Villa Idalina, na localidade portuguesa de Caminha, ofrece desde este mes a posibilidade de gozar dunha merenda privada no alto da súa torre.

Durante o tempo que dura a experiencia, ninguén máis accede a esta instancia da casa, construída en 1911, dividida en dous andares: o primeiro ao cuberto, cunhas amplas cristaleiras con vistas ao río Miño; o segundo ao descuberto, cunha terraza desde a que gozar do solpor. O pícnic está composto por produtos selectos de ambos os dous lados da fronteira, unha botella de viño e flores. Unha boa opción para celebrar unha data especial, pero cómpre andar con ollo, porque a oferta é moi limitada e só se ofrece un pícnic ao día, polo que se queremos reservar unha data en concreto, debemos bulir a facer a reserva a través da web do establecemento.

Esta proposta súmase ao brunch con visita guiada que tan ben funcionou a temporada anterior. Co entusiasmo de dar a coñecer esta preciosa casa, Andrés Caraballo e Susana Fernández ofrecen a posibilidade de facer unha visita guiada, que inclúe un aperitivo caseiro para degustar no comedor. Susana exerce de guía a través deste palacete portugués de 900 metros cadrados, que tanto ela coma o seu home se esmeran en conservar sendo fieis a como era a comezos do século pasado. Moitos dos mobles son os orixinais, así como os lavabos e as billas, a pía e as vitrinas da cociña, os cadros, as lámpadas ou a mesa de billar francés.

Brunch en Villa Idalina para rematar a visita guiada | Foto: Pablo Vázquez

Agora, os xerentes de Villa Idalina dan un paso máis, e o sábado 15 inauguran a exposición «Herencia», composta polo traballo de dez artistas de Galicia e Portugal. Esta é a primeira, pero a partir de setembro irán mudando de oferta expositiva mensualmente, e ofrecerán a posibilidade de facer unha visita conxunta á mostra canda a ruta polo palacete. Para completar a oferta, este verán tamén existe a opción de acceder á piscina sen necesidade de aloxamento, un servizo limitado a catro persoas que inclúe unha cama na que tomar o sol para cada cliente. Unha oferta selecta á altura da casa.

Lugar: Largo de São Bento, 4910-348 (Portugal)
Distancia desde Vigo: 55 km
Prezo: 310,00 € (aloxamento e pícnic), 80,00 € (brunch para dúas persoas)
Arredores a visitar: Caminha, miradoiro do Sino dos Mouros, monte de Santa Trega, praia de Moledo, Vila Nova de Cerveira…
Información e reservas: 639 15 49 01 | villaidalina.com | @villaidalina

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.