Zapatería González, artesáns desde 1959
Nunha sociedade extremadamente consumista, existe un pequeno grupo de profesionais dedicados a facernos pensar dúas veces antes de botar calquer obxecto ao lixo e comprar outro novo. Javer, Valeria e Claudio, as persoas detrás da Zapatería González pertencen a ese selecto grupo que poderíamos catalogar de resistencia e desde o seu negocio no número 58 da rúa México reivindican o traballo artesán, o consumo pausado e o comercio de barrio.
Calzado, bolsos, maletas ou artigos de marroquinería son algúns dos obxectos que se arranxan nun establecemento no que nos recibe Javier, un dos rexentes dun negocio inaugurado en 1959, do que tomou a remuda canda dous socios en marzo de 2021. Trátase da Zapatería González, un negocio tradicional coa capacidade de aumentar a vida útil de obxectos cotiás de coiro, madeira, materiais sintéticos ou metal.
Detrás, no obradoiro, están Valeria e Cláudio, apaixonados por traballar o coiro e moi comprometidos coa idea de lle dar unha segunda oportunidade aos obxectos antes de dalos por perdidos. “Non importa se son zapatos de marca ou de chilindrada, aquí dámoslles a mesma importancia”, explica Valeria que, ademais de arranxos, tamén confecciona pezas de coiro por encargo, como bolsos, carteiras ou cintos, pois xa se dedicaba á artesanía antes de emprender este proxecto.
Cada vez son menos os negocios dedicados a remendar, e o principal motivo é a diferenza de custo entre a man de obra aquí e nos países de fabricación dos produtos que consumimos. Aínda así, Javier insiste en que debemos preguntar antes de tirar: “Moita xente leva unha sorpresa ao comprobar que compensa arranxar e empeza a facelo con máis obxectos”, explica en relación á pouca información que normalmente temos sobre o custo da reparación.
Estamos nunha etapa aciaga para os pequenos comerciantes e, asemade, nun momento de reivindicación do consabido valor que albergan: confianza, consolidación de emprego, dinamización dos barrios, identidade e proximidade, un valor que reivindican desde González. “Moitas veces esperamos a que peche a tenda da nosa rúa para lamentarnos de non ter pasado máis por alí”, lamenta Javier, que se mostra orgulloso da rede de compañeiros e amigos que teñen creada no barrio. ” Se nós non temos a capacidade para axudar a un cliente, sempre recomendamos a alguén que poida facelo”, sentencia.
A experiencia e habilidades deste trío de remendóns lévaos a realizar traballos xa case extintos: forrado de zapatos, para o que é preciso desmontalos e montalos por completo; recorte de punteiras, para nos librar de modas caducas; ou arranxo de pezas metálicas, como as fibelas dos cintos. Neste momento, no centro do obradoiro hai unha cadeira de case un século de historia, esperando a ser engalanada con novos repousabrazos de coiro. Un trono disposto a ser gobernado polos mellores artesáns.
Podes contactar con eles no teléfono 986 471 627 ou achegándote á rúa México, 58 de luns a venres de 9:30 a 13:30 y de 16:30 a 20:00 e os sábados en horario de mañá.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Piacere, mirando o mar - 11 Decembro, 2024
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024