Xosé González Martínez: «O 25 de xullo, os presuntos galeguistas brindan con viños etiquetados en castelán»
Xosé González Martínez (Vigo, 1950) coñecido como Pepiño de Teis nos seus anos de militancia na Unión do Povo Galego (UPG) e como Pepe de Redondela desde que cambiou a política por un posto de funcionario no concello choqueiro. Alén de reivindicar o uso normal do galego na institución para a que traballaba, levou a loita a prol do idioma a ámbitos tan diferentes como o xurídico, o sanitario, o das forzas do Estado, ás esquelas ou ás empresas. O pasado mes recibiu o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua, un premio que sabe a pouco despois de tantos anos de entrega.
Como esperta en ti o sentimento de galeguidade?
Ese sentimento nace en min ao ir de vacacións á aldea de Cuntis, achegándome a un mundo que aquí percibía, pero non entendía. Logo vén a parte racional, que chega co padre Xaime Seixas, que lle puxo palabras a ese sentimento. Axudei a ese crego xesuíta a oficiar a primeira misa en galego, logo viñeron outras e aquilo converteuse nun rito, pero a ese rito só acudían os galeguistas de sempre.
Aí é cando tomas un papel máis activo na política e canda outra xente refundas a UPG?
Efectivamente. Eu son da segunda fornada, da primeira era a vella garda resistente, composta por moitos membros cincuentenarios e sesaxenarios que non estaban avezados na arte de burlar á policía. Para poñer a andar un proxecto daquelas características había que buscar xente nova. Eu era membro da Asociación Cultural de Vigo, tamén formaba parte da cuadrilla de rapaces que andaban co padre e fomos tecendo ese tipo de relacións. Non era unha angueira doada formar grupos para traballar na clandestinidade. Moitos abandonaban por medo. Pero o que hoxe se chama Bloque Nacionalista Galego (BNG) construíuse con aqueles cachotes.
En 1976, coa chegada da democracia, abandonas a vida política. Que pasou aí?
Había unha acumulación de forzas e era necesario clarificar a estratexia política. Moitos persistían na idea de estar xuntos e revoltos e eu era dos de andar xuntos, pero non revoltos. Propuxen a idea de facer unha división de espazos, porque hai diferentes clases sociais ás que dirixir o discurso nacionalista. Coa morte de Franco xurdiron os oportunistas que, coas eleccións á vista, pensaron que cantos menos fosen a competir, mellor para eles.
Pensas que aí se perdeu unha boa oportunidade para o nacionalismo?
Primouse máis a emoción que a razón. Se daquela se fixese un traballo máis vigoroso de formación de militantes, que fosen capaces de facer fronte ao sistema, non acabarían marxinados das altas instancias de poder. Eu pedía facer unha escola de formación institucional e o día en que me expulsaron da UPG dixéronme «nós o que necesitamos son soldados», un desprezo total á formación intelectual. Hoxe podes ver o nivel que hai, tanto no Bloque coma no resto de organizacións políticas.
Digamos que te desencantaches co que aconteceu chegada a democracia.
Sigo pensando que a democracia é fundamental; pero estou á espreita dos mecanismos da transición política, porque ao que temos non lle podemos chamar democracia.
Entón aínda vivimos na transición?
Claro, non se pode falar doutra cousa coa corrupción que hai.
Chegará a democracia algún día?
Non é moi fácil que chegue a democracia nun sentido hixiénico, da forma en que noutros lugares funciona, precisamente por iso: temos instalado un sistema pseudodemocrático baseado na corrupción. Os protagonistas da política institucional, empezando polo rei, son corruptos. Non vexo que teñamos unha sociedade á altura para combater toda esta corrupción.
Desde o Concello de Redondela, loitaches por galeguizar as institucións e moitos outros sectores, namentres que te mostraches crítico co galeguismo centrado unicamente no sector literario.
Desde as Irmandades da Fala, existe a tendencia a delegar a transmisión da galeguidade nos literatos. Esquecémonos dos enxeñeiros, dos médicos, dos químicos… A literatura foi a arma que, en teoría, tiñamos para galeguizar e formar o alumnado. Moi boa arma non debeu ser, ou non habería bos instrumentos literarios, cando non houbo unha efectiva galeguización da sociedade. Xurdiron moitas editoriais cun interese tremendo por estar constantemente editando, mentres pasaba o tempo sen que se galeguizasen efectivamente as escolas nin moito menos o conxunto da sociedade.
Que se debeu facer daquela?
Tiña que haber unha política lingüística transversal. Unha política que a Xunta de Galicia non practicaba daquela, porque a normalización lingüística non era un obxectivo que formase parte da Alianza Popular (AP): a federación poñía o marco e outros autolimitábanse nel. O sistema político non quería desmarques, e podo falar da cantidade de problemas que tivemos na xudicatura, nas empresas, nas forzas de seguridade… Poñíano todo moi difícil. Cando intentamos mover eses marcos para entrar neses espazos, os axentes nacionalistas miraban con expectación para nosoutros. Cómpre ter imaxinación, vontade e coñecemento do medio e dos interlocutores para poder mover eses marcos. Agora recoñecen que esta sociedade non se pode galeguizar unicamente a través do ensino, pero antes desconfiaban de quen cuestionaba iso. De aí que eu non teña ningunha simpatía con ese tipo de institucións, porque están habitadas por xente moi oportunista
Defendes con forza que o éxito da normalización lingüística pasa por galeguizar as empresas. Ao cabo, o diñeiro é o que move o mundo hoxe en día, ou?
Os consumidores deciden que produtos se manteñen no mercado e cales non. Se hoxe estivese asumido o valor diferencial do galego na sociedade, todo o mundo estaría mercando os produtos etiquetados na nosa lingua. O exemplo máis escandaloso é o que se produce cada 25 de xullo en Santiago de Compostela. Eses milleiros de persoas que van á manifestación polo Día da Patria Galega debería esgotar as existencias de viño etiquetado en galego nas tabernas compostelás durante esa xornada. Pero resulta que despois de dar uns berros na Praza da Quintana, van todos brindar con viños etiquetados en castelán. Se non establecemos complicidades, non hai nada que facer. Falta pedagoxía, e os pequenos exemplos teñen un carácter pedagóxico multiplicador.
Levas unha vida dedicada a facer país sen recibir o recoñecemento que outra xente leva. A estas alturas, estás satisfeito con todo o que fixeches?
Un premio importante é para min entrar nun sitio difícil e converter un soño nunha realidade. Iso satisfaime moito máis que calquera medalla, porque iso vai quedar para a comunidade e a medalla vouna levar eu para a casa.
Como ves o futuro do a nosa lingua?
A curto prazo, as transformacións que pode haber son mínimas; non se aprecian grandes esforzos, nin institucionais nin corporativos. Cando falo de «corporativos», falo de asociacións culturais, partidos políticos e sindicatos. O movemento asociativo agora mesmo está inconexo e repite patróns que lle veñen dados; os partidos e os sindicatos manteñen postos de traballo e dentro das súas maquinarias, aquel que se mova non sae na foto. Hai moitísimos militantes políticos ou sindicais que non dan a coñecer o que pensan por medo a que os xerarcas os destitúan. Hai oligarquías sindicais e políticas que manexan todo iso.
E a longo prazo?
Este é un país que ten un humus cultural que sempre acaba emerxendo. A antropoloxía cultural transmítese inconscientemente duns seres a outros, mesmo contradicindo a consciencia. Podemos ser conscientemente de dereitas e inconscientemente movernos nun resorte que é transversal, como a defensa da cultura de noso, da música tradicional e de celebracións coma o Entroido ou mesmo ritos relixiosos, que incorporan un modelo social de ser e de estar no espazo festivo sexamos ou non crentes. Posiblemente esa antropoloxía sexa un dos derradeiros bastións que teñamos para aguantar a tormenta. Ese humus cultural vai volver á superficie, por iso non todo está perdido. O que eu quixera é que fose máis acelerado o proceso de restauración.
Tamara Novoa
Redactora xefa
Pablo Vázquez
Fotógrafo
[Esta entrevista foi publicada na revista A movida de maio 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibir a revista na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024
- Julia Vaquero: «Non é fácil ser a favorita» - 27 Febreiro, 2024