CIRCO DE NADAL
JORGE PARDO

Xoias únicas con nome propio

Se estás a buscar unha xoia orixinal e feita á túa medida ou se che gusta que tradición e modernidade vaian da man, tes que coñecer a Mario López. O seu obradoiro está no corazón da cidade, onde este artesán con formación en Belas Artes e interese en arquitectura, fotografía e pintura fai a súa maxia creando xoias únicas a partir de materiais antigos ou sen uso, como culleres, garfos e obxectos de diversos metais como alpaca, madeira, prata ou cobre. 

Nun percorrido polas súas pezas imos notar o seu gusto polos obxectos antigos e polo seu desuso na actualidade, así como polos lugares onde os atopa, quer na vía publica, quer en rastros e anticuarios. Nas súas xoias, Mario trata de devolver á vida as historias condenadas ao esquecemento dos obxectos que se cruzan no seu camiño; esta atemporalidade intencionada é a raíz do seu proxecto. Inspirándose nas formas da natureza e en elementos urbanos, o artesán é atraído profundamente polo aspecto formal das antigüidades que transforma, xa que cada unha delas posúe un deseño particular que fala da súa época de fabricación e que contén tamén a pegada do seu tempo de uso.  Na procura do primitivo, a artesanía de López bebe da abstracción de artistas como Miró, Kandinsky ou Klee, dos que toma prestadas cores e formas que dan vida aos seus minimalistas aneis, colgantes e botóns de puño. Todas as súas creacións son únicas, xa que no proceso de elaboración non intervén ningún procedemento de repetición, e están concibidas case como pequenos amuletos aos que poderemos cargar de valor persoal.

REVISTA NOVEMBRO

Se tes ganas de botarlle unha ollada á súa xoiería e de adoptar algunha das súas creacións podes atopar máis do traballo de Mario López na web, mariolopezautor.blogspot.com; no obradoiro que ten situado no baixo do número 13 da rúa do Pracer; nas edicións de do mercado Bazares nos Bares, na zona de Churruca; ou na feira Ofeitoamán, organizada pola Asociación Galega de Artesáns, que terá lugar do 15 de decembro ao 5 de xaneiro no Porto de Vigo, ás portas do centro comercial A Laxe.

Por Estela Gómez

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Novembro do 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)