VIALIA
REVISTA MARZO

Xavier Labandeira: «Nesta cidade é necesario un cambio relevante no transporte»

Pouco se falaba nos anos noventa do cambio climático e o coidado do planeta estaba lonxe de ocupar os primeiros postos nas axendas políticas e sociais. Mais, xa daquela, Xavier Labandeira Villot (Vigo, 1967) escribiu a súa tese doutoral sobre instrumentos económicos contra o cambio climático. Este catedrático de economía da Universidade de Vigo leva dedicado toda a súa carreira á busca dun sistema máis sostible.

Estamos a tempo de cumprir coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible?

No Acordo de París indícase que debemos limitar o aumento da temperatura a 2 ºC na segunda metade deste século. Iso implica que nese momento as emisións globais teñan que ser, en termos absolutos, cero. Pode haber emisións pero ten que haber un xeito de compensalas. Estamos moi arredados desa situación, porque hoxe en día están aumentando as emisións de forma preocupante. Movémonos nuns niveis que indican que o aumento da temperatura estará por riba dos 3 ºC, que é unha barbaridade. […]

Esa suba de máis de 2 ºC que pode supoñer para o noso planeta?

A cifra de 2 ºC pode parecer pequena, pero estamos falando de medias globais. Hai zonas do planeta, sobre todo os polos, onde o aumento é moito maior. Iso pon en marcha todo un fenómeno de desxeo e de cambios globais moi importantes. […]

Que implica que os EUA se desmarquen do Acordo de París?

Os Estados Unidos de América, en termos per capita, é un dos maiores emisores. Estamos a falar dun país rico, que ademais causou boa parte do problema. Estanse lanzando sinais moi negativos a países que, con menos responsabilidades, están facendo cousas. Ademais, a industria europea está empezando a bloquear algúns avances, argumentando que se eles aquí teñen unhas políticas moi restritivas e os os seus competidores americanos non as teñen, o que pode suceder é que perdan nivel para competir a nivel internacional sen ganancia ambiental, porque o que eles deixan de producir vano producir os americanos. De todos os xeitos, os Estados Unidos son moito máis que a administración central de Donald Trump. Hai estados con moitísimo poder: California ten políticas climáticas de primeiro nivel. Por outra banda, as empresas americanas saben que isto é o futuro e que non poden perder o tren.

Sabendo que a maior parte das emisións proceden de países como a China, a India e os Estados Unidos, que capacidade temos nós para cambiar as cousas?

En primeiro lugar hai que diferenciar entre emisións absolutas e as relativas. China é o maior emisor en termos absolutos, pero non per capita. A Unión Europea ten unhas emisións per capita relativamente altas. É certo que aquí houbo unha redución nos últimos anos. Pero en que medida exportamos moitas das emisións? A camisa que levo posta antes era fabricada en España ou en Italia, pero agora fabrícase na China, polo que estou contribuíndo a esas emisións. Creo que todos nós debemos ser moi proactivos. Primeiro, porque fomos responsables en certa medida do desastre que se está a producir; comezamos emitindo no século XVIII e exportamos o noso modelo ao resto do mundo. Segundo, porque temos a capacidade económica e tecnolóxica da que outros países carecen. O noso papel ten que ser o de facilitar ao resto do mundo métodos moi baratos de loita contra o cambio climático. E para xogar ese papel, necesitamos políticas climáticas, políticas que incentiven o cambio tecnolóxico e máis investimento en I+D.

Es optimista coa posición do novo Goberno central en políticas medioambientais?

Creo que este Goberno ten o cambio climático como prioridade. Levo tempo escoitando a políticos de calquera cor dicindo que isto é un tema moi relevante, pero logo os medios son inexistentes. En moitos casos porque hai que tomar medidas impopulares. A suba dos impostos ao carburante é completamente necesaria en España, pero isto ten un custo político… […]

Desde a túa experiencia, como ves a implicación das empresas privadas?

As empresas privadas non son oenegués, senón que se dedican a gañar cartos e iso é o que teñen que facer. O importante é que gañen cartos con isto ou que se vexan incentivadas a actuar de cara á transición enerxética. Hai empresas que van desaparecer por non ser compatibles coa loita contra o cambio climático e o que temos que lograr é que esa transición sexa o máis xusta posible. […]

No caso de Vigo, pensas que se está a camiñar cara a unha cidade máis sostible?

Creo que queda moito por facer. É necesario un cambio moi relevante no transporte, non só polo cambio climático, senón tamén pola contaminación local, que causa mortes e moitos problemas de saúde. Hai que reforzar o transporte público e crear unha boa infraestrutura de carga eléctrica que agora brilla pola súa ausencia nesta cidade. Tamén hai que tomar máis accións en eficiencia enerxética a nivel municipal e fomentalas a nivel privado. As cidades teñen moitísimo que facer e penso que é o momento de que isto pase a ser un tema prominente na cidade de Vigo, marcarndo obxectivos de redución de emisións explícitos, como xa pasa noutras cidades, e que haxa ao respecto políticas que se apliquen con firmeza.

Que pensas do fenómeno de Greta Thunberg

O fenómeno provocado por Greta paréceme moi positivo. Primeiro porque dá prominencia a este asunto. E segundo porque ata agora os que se van ver realmente afectados por isto non tiñan representación, porque aínda non naceran, pero Greta rachou con isto. Ela é a representante das novas xeracións, está dicindo «oian, que os da miña xeración ímonos ver moi afectados; por favor, actúen.»

Con iniciativas como as das folgas escolares polo clima estase vendo que as xeracións máis novas están preocupadas polo medio ambiente. Ti que, estás en contacto con elas, notas isto?

Teño fillas na idade de Greta e noto un cambio relevante; as novas xeracións están máis formadas, máis concienciadas. Moitos dos meus estudantes veñen facer os seus traballos de fin de grao comigo, están moi interesados por este tema e noto un avance relevante.

O Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible (MXDS) da Universidade de Vigo é un dos primeiros do Estado neste eido.

Montouse co obxectivo de buscar unha formación variada e multidisciplinar para estudantes que proceden de diferentes áreas. Iso non existía antes. Penso que foi un acerto crear este mestrado e as cifras así o indican, porque case todos os egresados están traballando.

Entón hai futuro profesional neste ámbito?

Moito, loxicamente. O que nos gustaría sería ter máis estudantes de aquí, porque nos últimos anos temos unha maioría de estudantes estranxeiros. É un mestrado competitivo. Eu animaría aos estudantes que están pensando que posgrao estudar a consideralo.

O ano pasado recibiches a Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias.

Banner A Movidiña

Estes recoñecementos son sempre benvidos. Deixoume moi satisfeito porque esta academia estaba máis orientada aos ámbitos das chamadas ciencias puras e a tecnoloxía. O mundo das ciencias sociais estaba menos no centro. Que recoñecesen a un economista é un motivo de satisfacción.

Por Tamara Novoa

[ Podes ler a reportaxe íntegra na revista A movida de febreiro. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.