CASAACUNHA

Xardinería galaicoxaponesa

Do país do sol nacente importamos o termo kokedama («bóla de musgo»), que denomina a arte milenaria de cultivar plantas de interior nunha bóla formada por un substrato especial recuberto de musgo, onde a planta se desenvolve e medra con máis vagar e delicadeza que nunha maceta convencional. Por que empezamos con esta clase de Terminoloxía? Pois para chegar á raíz da querenza que polas plantas ten a artesá viguesa Silvia Vidal. Unha paixón que naceu duns pequenos enxertos e que a levou a especializarse, de xeito autodidacta, na técnica da kokedama, logrando a excelencia a base de proba e erro. Primeiro cultivaba estas plantas de base esférica por puro pracer, pero logo decidiu profesionalizarse creando unha marca de seu: Kiare Kokedamas.

A procura da beleza en todas as creacións é a base da filosofía da marca, así como compra consciente e a sostibilidade. Xa que logo, todos os produtos están libres de plásticos, tanto na creación como na embalaxe. Kiare Kokedamas pretende inspirar e axudar a conectar coa contorna e a natureza, facer que volvamos á ilusión da infancia. Os afeccionados á xardinería que queiran encher a casa de vida con plantas orixinais e diferentes, non deben dubidar en entrar na web kiare.es e elixir entre a variedade de cactos, costelas de Adán, rubideiras ou suculentas que oferta. Se a botánica non é o noso… non hai problema! Os coidados das plantas en kokedama son moi sinxelos e aptos para principiantes, xa que só hai que hidratar a esfera por inmersión cando notemos que está lixeira pola perda de humidade. E para máis, Silvia ofrece obradoiros presenciais para podermos cultivar desde unha kokedama ata toda unha fraga de noso.

Pero para isto último teremos que agardar a que a situación da crise sanitaria mellore. Esperemos que xa falte pouco! Entrementres, no blogue de Kiare Kokedamas temos milleiros de consellos para o coidado desta xardinería nipoa de cuño vigués.

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.