REVISTA MARZO

Xaime Nogueira (Andel): “Se conseguimos que a rapazada lea e pense en galego o noso traballo estaría máis que ben pago”

O día 30 deste mes o Andel pecha as súas portas. Esta libraría pon fin á travesía utópica de máis de vinte anos de dedicarse en exclusiva ao libro galego e portugués. Nesta nave, pilotaban Xaime Nogueira e Concha Nogueira, que esperan que a súa labor sementara o suficiente para que o resto de libreiros e libreiras de Vigo poidan recoller os froitos, para seguir, como aseguran, creando adición á cultura. O futuro é incerto mais o espírito do Andel seguirá sobrevoando a cidade, pois a súa páxina web seguirá activa e estarán presentes nas diferentes feiras de libros que teñan que ver coa cultura galega. Que falen os feitos e non as palabras.

Concha e Xaime Nogueira, donos da libraría Andel | Pablo V.

Como estades ante o peche da librería?

En canto ao ánimo, así así… É una sensación agridoce porque, por unha banda, ves que hai persoas que lamentan con todo corazón a perda do espazo do Andel e, por outro, ves persoas que veñen a darche o pésame. A dualidade das despedidas.

Como foi ese momento no que vos decatades de que chegou a hora de pechar as portas do Andel?

O momento no que nos decatamos non foi un día en concreto.  Foi vendo datos e consultando estatísticas de hábitos lectores, información das editoras e dos provedores e vendo, tamén,  a información sobre o estado sociolóxico.Todo isto levounos a un período de reflexión, que comezou xa no ano 2015 e que nos fixo pensar que a nosa función aquí estaba chegando xa ao fin. Agardamos o momento oportuno para facelo.

Despois de tanto tempo vencellados á cultura galega, ides seguir ligados dalgún xeito?

Por unha banda, nós tratamos de ser sempre consecuentes co que pensamos. Ese vello dito que di que se non vives como pensas acabas pensando como vives. Desde os inicios da adolescencia, cando un xa pode decidir por si mesmo, tratamos de ser consecuentes coa nosa lingua, cultura e identidade. Desde o ano 84 estiven vinculado ao eido cultural posto que traballei en editoras, nunha editorial galega importante e, a partir do 98, foi cando xa isto o tomamos como un proxecto profesional. Como o máis probable é que non se venda todo o fondo que nos resta, trataremos de vendelo por internet ou a través de feiras temáticas…

Entón, a páxina web do Andel si que seguirá activa?

Si. Nos xurdimos do mundo virtual. Eu creo que o único caso, polo menos en Galicia, que  se crea primeiro a librería virtual e logo a física. No 97, cando empezou este proxecto, na semana das letras galegas, que eu aínda traballaba nunha editora galega, vimos a necesidade de crear un catálogo virtual do libro galego. Algo que axudara a evitar a invisibilidade do noso libro, do noso punto cultural máis insigne que é o libro galego.

A sociedade vai por outra camiño e nós non podemos ir en contra, sería tirar pedras contra o noso tellado ou dar cabezazos contra unha parede. No futuro, seguramente, se xerarán outras iniciativas que poidan ser un canle de expectativas que aínda están a agromar.

Neste camiño, que dificultades encontrastes?

Dificultades, moitas. A primeira foi que cando se creou a librería virtual, daquela, apenas existían páxinas en galego. Iso supuxo que tivéramos que facer nós todo por nós mesmos como crear as propias html, apenas existían dúas páxinas ou tres en galego. Unha era Viveiros e a outra era dun profesor da Universidade de Vigo, Manuel Forcadela, que ademais foi un dos nosos primeiros clientes virtuais.

As outras dificultades que atopamos foi cando chegamos a un banco e lle dixemos que queríamos vender libros. Claro, miráronos con cara de marcianos. Ao cabo dunha semana, pedíronos un aval, unha comisión do seis por cento… Unha barbaridade! Dixéranos que isto tiña a mesma tarifa que o porno, as armas… Quedamos realmente abraiados. Non digo o nome da identidade, non era galega, pero é unha desas entidades que o estado, é dicir, nós tivemos que subvencionalas cando desfalcaron todos eses fondos dos aforradores.
Outra dificultade tamén foi a desconfianza. Non xeraba confianza que vendéramos libros por internet, a xente pensaba que este negocio non daba diñeiro e que, realmente, dedicabámonos a outra cousa. Tamén, cando pasaban as persoas que coñecían os oráculos, que nos dicían que non íamos durar nin un ano… Pero bueno, son cousas que pasan.

Ás veces, o libreiro ou libreira actúan case como psicólogos… Recomendan libros axeitados segundo o momento da vida na que se atopa as persoas lectoras. Case como unha cura… Recordas algunha anécdota neste senso?

Puf. Hai varias. A psicoloxía, ao mellor, non é o noso forte, pero si que te vas fixando nos hábitos que teñen as persoas que acostuman a ler. Hai un determinado perfil de persoa lectora. Entón,  daste conta de que hai determinados libros que lle encaixan e, aínda que hai veces que non lle encaixa nese preciso momento para ela ,colle ese libro para outra persoa.

Nese aspecto somos un pouco como as farmacias, pero sen efectos secundarios. O noso efecto secundario é o gusto pola lectura e o espírito crítico que iso fomenta. Moito mellor que as pastillas. A adición que creamos chámase cultura.

Antes lembraches que o voso primeiro cliente virtual foi o profesor Manuel Forcadela, recordas, entón, cal foi o primeiro libro que vendou a libraría Andel?

Non o lembro porque debeu ser no ano 98. Si que foi dos primeiros que enviou todos os datos sen ningún problema para pagar coa tarxeta. O cal nos sorprendeu bastante porque a maioría prefería pagar o reembolso. Foi moi grato, pero non foi o único, por exemplo o investigador e escritor Emilio Insúa  foi tamén un cliente habitual na nosa rede con certa regularidade.

Daquela, enviabamos boletíns coas novidades e había unha certa regularidade. Isto mantívose mentres non existía outras plataformas, cando éramos os únicos que se nos ocorrera vender os libros por internet, pero despois pouco a pouco foron aparecendo outros “mounstruos”, multinacionais e incluso as editoras, que empezaron a vender por internet elas directamente co cal acurtaban o canle de distribución.

No mercado do libro galego non foi tan pronunciado como foi no mercado do libro en xeral, pero tamén foise dándose esta situación.

En canto aos eventos culturais que albergou o Andel, cantos máis ou menos ao longo de tantos anos?

Moitos. É difícil de cuantificar. Houbo semanas que tivemos de catro a cinco eventos. Sobre todo desde que pasamos da Rúa Pintor Lugrís, que tiñamos tan pouco espazo, aquí, á Rúa Camelias. Cos nosos escasos medios, puidemos facer cousas que ao mellor outras fundacións que si tiñan máis medios non fixeron. Aquí houbo desde homenaxes a Xoana Torres, concertos, conferencias, postas en común sobre temas de interese social, de todo tipo…

“Cos nosos escasos medios, puidemos facer cousas que ao mellor outras fundacións que si tiñan máis medios non fixeron”

A librería Andel é a única especializada no libro galego e portugués. Co seu peche, este sector queda orfo.

Si, e non é por casualidade. En parte porque nos fomos ese idealistas utópicos, que querían facer viable esa utopía o maior tempo que puidemos. Houbo librerías que empezaron tamén co libro en galego, pero a realidade non lle permitiu chegar a máis.

Cando creamos a librería, fixémolo en Vigo non por casualidade. Daquela, traballaba nunha editora que tiña sede en Vigo e, tamén, porque era a cidade máis importante. En teoría, polo índice lector, era máis proclive. Tamén partíamos dunha experiencia que houbera nos anos previos á fundación do Andel: A libraría Beltrán, que durou menos dun ano.
Os libros galegos que se venderan en menos dun ano naquela libraría non repercutiu no resto da librarías de Vigo. Polo tanto, había dúas opcións ou ben era o efecto novidade ou ben era que o resto das librarías de Vigo non tiñan ese fond. É máis fácil vender libros que xa teñen publicidade ou bestseller que vender poesía, teatro ou outro tipo de temáticas específicas nosas. Entón, intentamos xogar con esas posibilidades, axudado polo activismo cultural que tentamos facer, con poucos medios…pero o boca a boca fixo que funcionara. Máis que nada porque o que estabamos a vender era cultura.

Antes falabas de que creastes a libraría en Vigo polo índice lector… Entón, agora Vigo deixou de ler ou trátase máis da inserción das multinacionais?

Non sei a quen botarlle a culpa, pero creo que a nosa sociedade na que estamos a vivir inmersos non quere reflexionar sobre o que é  e onde está. As multinacionais non fan máis que outros partidos políticos, é dicir, ocupar o espazo que lle deixan. Eles son o resultado da sociedade que pide iso.

O comercio local está desaparecendo porque a xente, a cada paso, é máis cómoda, e prefiren ir ás superficies que contan con aparcadoiros. Non é raro que hoxe en día se mobilicen máis a xente de 50 anos que a xente nova, non se trata de darlle ao “like” e nada máis. Como simple receptores sumisos, sen crítica, un consumidor consumido, sen pensar nin analizar.

A xente prefire comprar de xeito que lle chegue a casa os produtos, pero non pensan no custe que iso supón. Existe moita hipocrisía social neste sentido, que se aplica, tamén, na propia lingua e cultura.

Xa que falou antes de partidos políticos, algún representante público púxose en contacto con vós ao coñecer a noticia de que a libraría pechaba como si o fixeron figuras da cultura galega como por exemplo Manuel Bragado, entre outros?

Houbo algunha formación política que si. No caso de Manuel Bragado, sinto especial admiración polo seu compromiso coa nosa cultura, pero no caso dos grupos políticos que manifestaron o seu pesar polo peche da libraría, penso que non hai que esperar a morrer para recoñecer o valor. Levamos case un mes vivindo nun velorio, pero… e mentres estivemos vivos, que? Iso é aplicable a outros gremios da cultura que están necesitando dese apoio. A nosa función remata o 30, teremos que buscar outros roteiros, pero… e os demais?

“Penso que non hai que esperar a morrer para recoñecer o valor. Levamos case un mes vivindo nun velorio, pero… e mentres estivemos vivos, que?”

Que parte de culpa ten o sistema educativo de que isto ocorra?

Eu creo que moita. O sistema educativo está formado por persoas e se esas persoas desertan do propio, evidentemente, isto é froito desa situación. Unha rapaza que nunca ve a súa profesora cun libro… como vai ser unha boa lectora crítica? Como vai ter apego a súa identidade e cultura? Non o vai a ter porque a xente que ve é todo o contrario. Falta concienciación no mundo do ensino. Non podemos pedir ao resto o que nós non facemos.

Banner A Movidiña

Que é o que máis ides botar de menos do Andel?

Ás persoas que sempre se comprometeron connosco, que foron cómplices e camaradas nesta longa travesía. Dalgún xeito seguiremos en contacto con elas porque esas persoas si merecen o noso respecto porque predicaron co exemplo e, moitas veces, dunha maneira silenciosa. Esas persoas brindaron o apoio que outros sectores que deberían estar implicados non o fixeron.

Agardamos que o traballo, a semente que deixamos,a poida recoller algún libreiro de Vigo. Iso sería a parte positiva e se algún día conseguimos que rapazas e rapaces lean o libro galego e pensen, tamén, en galego, pois o noso traballo estaría máis que ben pago

(GMT+01:00) Libraría Andel

The following two tabs change content below.

Eva M. Porto

Dende que a súa nai e o seu pai lle regalaron o libro dos por ques, decidiu que sería a nena que buscaría sempre os porqués. Estudou o Grao en estudos do galego e do español na Universidade de Vigo e no 2016 comezou o Grao de Periodismo na Universidade Europea Miguel de Cervantes. Aprendou o “oficio máis bonito do mundo” en Radio Vigo, Diario de Pontevedra e Onda Cero Ourense. Protestando dende 1993.