Xa á venta os abonos da Tempada de Teatro de Afundación
A Tempada de Teatro de Afundación trae un amplo repertorio de obras moi destacadas na dramaturxia actual, desde outubro ata decembro no Teatro Afundación de Vigo. Cinco obras teatrais que darán realidade a clásicos da literatura e do cine. Os abonos estarán dispoñibles ata o 8 de setembro.
Os abonos para estas cinco obras xa se poden mercar na web ataquilla ou no teléfono 902 504 500 e suporán un 20% de aforro respecto as entradas individuais. Esta tempada invernal de teatro dará comezo o venres 11 de outubro coa obra Divinas Palabras, unha clásica peza de Valle-Inclán que na súa época aportou unha visión modernista e conceptual, polo que se considera a día de hoxe unha das mellores obras da nosa dramaturxia. José Carlos Plaza quixo arriscarse e dirixila contando coa interpretación de dúas das grandes actrices do noso país como son María Adánez e Ana Marzoa.
O 20 de outubro estará no Teatro Afundación a adaptación dun clásico do cinema italiano, concretamente do director Fellini. Falamos de La Strada, que neste caso estará dirixida polo uruguaio Mario Gas. Unha triste historia que será interpretada por un recoñecido elenco de artistas como son Alfonso Lara, Mar Ulldemolins e Alberto Iglesias.
O recoñecido Daniel Guzmán será o encargado de traer o xoves 14 de novembro Perfectos Desconocidos. Unha comedia que grazas a Álex de la Iglesia e anteriormente a Paolo Genovese, xa puidemos gozar dela na gran pantalla. Chega agora ao noso teatro interpretada por un amplo e recoñecido reparto formado por Olivia Molina, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Elena Ballesteros, Jaime Zataraín, Ismael Fritschi e Inge Martín.
O domingo 8 de decembro chega das mans de Esteve Ferrer Toc – Toc, unha obra que xa leva en cartel 10 tempadas. Unha comedia que busca mediante a diversión, dar outro punto de vista a este coñecido trastorno. A peza teatral será interpretada por Carmen Arévalo, Esteve Ferrer, Laura Hernando, Sara Moros, Paco Obregón, Fran Sariego e Ana Trinidad.
Muerte en el Nilo será a clausura de esta Tempada de Teatro de Afundación. Trátase da adaptación dun gran clásico da literatura de Agatha Christie dirixido por Víctor Conde, que pechará este ciclo o xoves 19 de decembro. A obra é interpretada por Miquel García Borda, Mariona Ribas, Mar del Hojo, Cisco Lara, Paula Moncada, Dídac Flores, Miriam Marcet, Sergio Blanco, Lorena de Orte e David Z. Vaquero.
Sen dúbida trátase dun cartel moi tentador e completo ao queseguro non faltarán os apaixoados do teatro. Para mercar as túas entradas podes premer aquí ou chamar ao número 902 504 500.