REVISTA ABRIL

Xa á venda os abonos de teatro e música clásica de Afundación

Desde este luns 20 xa están á venda os abonos para a tempada de teatro e música clásica de Afundación para o primeiro semestre de 2022. No caso da primeira poderemos ver Las Criadas de Jean Genet, N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere, La casa de Bernarda Alba de Lorca e El electo de Cándido Pazó, Los pazos de Ulloa de Pardo Bazán, El abrazo de Magüi Mira e La coartada de Christy Hall. Na segunda gozaremos das actuacións da Real Filharmonía de Galicia, a Orquesta Sinfónica de Galicia e a Orquesta Barroca de Tenerife.

Fotografía de N.E.V.E.R.M.O.R.E. | Luz Soria

TEATRO

O 21 de xaneiro ás 20.30 h o Teatro Afundación acollerá Las criadas, de Jean Genet, con Alicia Borrachero e Ana Torrent. As irmás Claire e Solange Lemercier son as criadas dunha dama da alta burguesía francesa. Todas as noites inician unha cerimonia perversa, un ritual onde a realidade e a ficción se mesturan nun xogo mortal de cambio de identidades. Claire é a señora e Solange é Claire. Solange é a señora e Claire é Solange.

O 27 de xaneiro ás 20.30 h e baixo a dirección de Xron, Manuel Cortés, Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo encabezarán o elenco da proposta de Chévere. N.E.V.E.R.M.O.R.E. pódese referir a corvos que falan ou a pobos que berran, mais a intención é a mesma: lembrar. A idea é seguir usando procedementos documentais para crear ficcións a partir da nosa memoria colectiva. Neste caso, comprobamos se a historia do Prestige foi algo máis ca unha catástrofe ecolóxica, porque ao mellor é unha metáfora, e haina que entender coma un aviso do que estaba por chegar… O 17 de febreiro ás 20.30 h Federico García Lorca regresa á escena do Teatro Afundación con La casa de Bernarda Alba. Coma toda obra clásica −e a de Lorca xa o é−, vai medrando día a día, ofrecéndonos facetas diferentes ao compás das mudanzas da sociedade. Que lles di aos espectadores de hoxe este drama de «mulleres das vilas de España»?

O 30 de marzo ás 20.30 h, Cándido Pázó dirixe a Fernando Coronado e Antonio Mourelos en El electo. A piques de dar o seu discurso de investidura, un novísimo presidente de goberno enfróntase a un inesperado problema: un grotesco tic nervioso ameaza con arruinar tan solemne momento. Un psiquiatra acode para atendelo e iníciase unha divertida e incisiva batalla dialéctica entre os dous. Que esconde cadaquén? A adaptación teatral da grande obra mestra de Emilia Pardo Bazán, Los pazos de Ulloa, estará o 6 de abril ás 20.30 h, con Pere Ponce, Diana Palazón e Marcial Álvarez. Un alegato contra a violencia e a crueldade, centrándose no enfrontamento entre o desexo, a paixón e o amor, a violencia rural do mundo caciquil e a cortesía e as boas maneiras da cidade (Santiago de Compostela).

El abrazo, con versión e dirección de Magüi Mira, e as interpetacións de María Galiana e Juan Meseger, representarase no Teatro Afundación o 18 de maio ás 20.30 h. Unha muller, Rosa, e un home, Juan, de avanzada idade e antigos amantes, reencóntranse e abrázanse despois de case unha vida na que o seu desexo de ter un fillo seguiu latexando. Ese mesmo día, un home aparece feliz na porta de Rosa. É real ou un soño imposible? Finalmente, María Castro, Miguel Hermoso e Gorka Otxoa representarán La coartada o 17 de xuño ás 20.30 h. Ana é unha muller ao límite. Divorciada e atormentada polo seu pasado, pide axuda ao seu mellor amigo para prepararse a testificar na que, sen dúbida, será a declaración máis importante da súa vida. Dela dependerá non só a custodia da súa única filla, senón tamén a súa propia liberdade.

A Orquestra Sinfónica de Galicia

CLÁSICA

Abrirá a programación a Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Joana Caneiro, e con Gabriela Montero ao piano o 19 de xaneiro ás 20.00 h. O recital consistirá na interpretación de An Andean Walkabout, de Gabriela Lena Frank; Suite de Pelleas e Melsinade, de Gabriel Fauré; e Concerto para piano en la menor, op. 7, de Clara Schumann. 

Con dirección e piano de Lars Vogt, a Real Filharmonía de Galicia estará no Teatro Afundación o 4 de febreiro ás 20.00 h cun recital titulado «Arredor do piano». Robert Schumann e Ludwig van Beethoven serán os compositores que guiarán os acordes desta cita cultural. 

A batuta de Stanislav Kochanovsky dirixirá a Orquesta Sinfónica de Galicia, acompañada polo piano de Uladzislau Khandohi, o 10 de febreiro ás 20.00 h, nun recital de obras de Serguéi Rachmáninov (Concerto para piano núm. 2, en do menor, op. 18) e Pau Hindemith (Mathis der Maler).

Con dirección de Manuel Hernández-Silva e violín de Robert Lakatos, a Real Filharmonía de Galicia estará no Teatro Afundación o 16 de marzo ás 20.00 h cun recital titulado «Desde Rusia con amor». Mijaíll Glinka, Henryk Wieniawski e Vasily Kalinnikov serán os compositores que guiarán os acordes desta cita cultural.

A batuta de Thierry Fischer dirixirá a Orquesta Sinfónica de Galicia, acompañada polo violín de Philippe Quint, o 31 de marzo ás 20.00 h, nun recital de obras de Erich Wolfgang Korngold (Concerto para violín en re maior, op. 35) e Jean Sibelius (Sinfonía núm. 1 en mi menor, op. 39). 

O 19 de abril, a Orquesta Barroca de Tenerife ofrecerá un recital de «Barroquísimo» con dirección de Alfonso Sebastián; contrabaixo barroco e concertino de Lorena Padrón; violíns barrocos de Laura Díaz, Juan Carlos Gómez e Giovanni Déniz; frauta travesa, Pablo Sosa; viola barroca, Iván Sáez; violonchelos barrocos, Fernando Santiago e Elsa Pidre; e contrabaixo, Tomás López. Johann Sebastian Bach será o compositor representado nesta ocasión.

REVISTA ABRIL

A batuta de Simone Menezes dirixirá á Real Filharmonía, acompañada pola soprano Camila Titinger, o 13 de maio ás 20.00 h, nun recital de obras de Heitor Villa-Lobos (Bachianas brasileiras núm. 4, preludio), Philip Glass (Augas da Amazonia) e Heitor Villa-Lobos (Suite de Floresta do Amazonas).

A Real Filharmonía de Galicia, con dirección de Paul Daniel, actuará o 20 de maio ás 20.00 h. O recital, «Unha viaxe fantástica» consistirá na interpretación de pezas de Octavio Vázquez (Ilusións) e de Hector Berlioz (Sinfonía fantástica, op. 14. Episodio da vida dun artista).

Finalmente, a batuta de Pablo González dirixirá a Orquesta Sinfónica de Galicia, acompañada pola viola de Nils Mönkemeyer, o 26 de maio ás 20.00 h, nun recital de obras de Hector Berlioz (Harold en Italia, op. 16) e Maurice Ravel (Daphnis et Chloé: suite núm. 2).