REVISTA ABRIL

Afundación presenta a programación da Tempada de Teatro

A finais de outubro comezará esta nova tempada teatral, na que Cayetana Guillén Cuervo, Nancho Novo, Eva Isanta ou Juanjo Artero serán algúns dos intérpretes que pasarán polo Teatro Afundación de Vigo. Unha das obras, Trigo sucio, é do famoso guionista e dramaturgo David Mamet. Debido á situación sanitaria actual, suspendeuse a venda de abonos, polo que só se poderán adquirir billetes individuais.

REVISTA ABRIL
Fotografía do elenco de Trigo Sucio

Conscientes da situación sanitaria actual, desde a entidade tomáronse todas as medidas precisas para garantir que o público pode gozar da cultura de xeito seguro. Deste modo, para reducir a capacidade dos espazos e garantir que se pode manter a distancia de seguridade establecida, suspendeuse a venda de abonos, polo que só se poderán adquirir entradas individuais na web Ataquilla.com a medida que se poñan á venda.

A produción Losers será a encargada de abrir a tempada o día 27 de outubro en Vigo. Unha obra protagonizada por Jon Plazaola e Aitziber Garmendia na que interpretan a dous personaxes que roldan os corenta anos e non teñen nada do que se supón que deberían ter coa súa idade. A seguinte obra en saír a escena será Puertas abiertas, con Cayetana Guillén Cuervo e Ayoub El Hilali. Unha intriga teatral ambientada na cidade de París en pleno atentado terrorista que se poderá ver o 5 de novembro.

Trigo sucio, con Nancho Novo, Eva Isanta, Norma Ruiz e Fernando Ramallo, poderase ver o 10 de decembro. Juan Carlos Rubio dirixe esta montaxe de David Mamet (famoso guionista estadounidense, autor de Los Intocables de Eliott Ness e nominado ao Oscar en dúas ocasións), unha obra sobre o acoso sexual inspirada no caso de Harvey Weinstein. Finalmente pechará a tempada Un marido ideal, unha peza orixinal de Oscar Wilde, versionada por Eduardo Galán e interpretada por Juanjo Artero, Antea Rodríguez, Ania Hernández, Alejandro Navamanuel e Ainara Arizu. Poderase ver o 16 de decembro no Teatro Afundación.