Wöyza, Moon Cresta e Bafana Bafana galardoados nos Premios Martín Códax
Os nosos Grammy particulares, os Premios Martín Códax da Música, celebraron onte no Pazo da Cultura de Pontevedra a gala na que deron a coñecer os gañadores desta 8ª edición. Tres foron os artistas vigueses que levantaron a estatuíña: Wöyza, Moon Cresta e Bafana Bafana.
Unha noite emocionante, unha gala para o reencontro. A entrega dos 8ª Premios Martín Códax da Música, na noite do mércores 27 en Pontevedra, converteuse no desexado punto de encontro para as músicas e músicos de Galicia tras máis de dezaoito meses de pandemia. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora da gala, expresouse a enorme alegría de poder realizar o evento nun auditorio repleto de xente e tamén a esperanza de que a superación da crise sanitaria sexa unha oportunidade para dignificar a profesión. Preto de catrocentas persoas gozaron de maneira presencial no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra da gala, que tamén foi retransmitida online.
Na gala, con dirección artística e presentación de Marcos PTT Carballido que xa anunciara moito humor para o evento, houbo lugar tamén para a reflexión sobre a situación do sector cultural e musical antes e durante a pandemia. “A superación desta pandemia ten que ser a oportunidade definitiva para dignificar a nosa profesión. Hai que aproveitar que se resetearon moitos asuntos profundos na sociedade e que se puxeron sobre a mesa outros tantos que se daban por conquistados, non só a nivel social, tamén na economía ou na cultura. É o momento de reivindicar dereitos básicos para nós que parecían inamovibles: rematar coa precariedade, conseguir a consideración de traballadoras, poder rematar a nosa vida laboral coas mesmas prestacións merecidas que as doutros sectores produtivos, poñer no foco o talento galego, crear industria e unha rede de espazos nos que actuar”, apuntou Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo, en nome da xunta directiva da entidade.
No apartado local, tres dos nosos concidadáns levaron a estatuíña para Vigo: Moon Cresta na categoría de Rock, Wöyza en Músicas Urbanas e Bafana Bafana na de Orquestras, Grupos e Música de Verbena. A continuación o listado completo dos proxectos galardoados:
Pop e Indie: A banda da Loba
Rock: Moon Cresta
Blues, Funk e Soul: Brais Morán
Metal: N.E.O.
Canción de Autor/a: MJ Pérez
Músicas Urbanas: Wöyza
Reggae, Ska e Mestizaxe :The Skarnivals
Electrónica: Allova
Música Clásica e Contemporánea: Alberto Vilas (“Naialma”)
Jazz e Músicas Improvisadas: María Toro (“Fume”)
Música Tradicional: Xurxo Fernandes & Pedro Lamas
Música Folk: Caamaño & Ameixeiras
Músicas do Mundo: Lamas / De Miguel / Romero
Música Infantil: Radio Bulebule (Paco Nogueiras)
Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Bafana Bafana
Coros e Grupos Vocais: Coro da Ra
Bandas de Música Popular: Banda de Música de Chantada
Organistrum:
Salas de concertos: Mardi Gras
Festivais: Jazz de Ría
Proxectos de comunicación e difusión musical: O recanto do Corcovado
Premio Honorífico 2021: Pablo Barreiro Rivas