Volven as Picnic Sesións esta primavera a Saiáns
A cuarta edición das Picnic Sesións, celebradas en Saiáns, xa teñen data: 5 e 6 de abril. Un evento familiar e gratuíto con multitude de actividades para todas as idades, mercado, comida e moita música, que este ano corre a cargo de Pakolas, Chungo Pastel, Anxo Araújo e Phantom Club.

As Picnic Sesións son un deses festivais de pequeno formato ideais para pasar unha xornada en familia nun espazo agradable e con boa música de fondo. As anteriores edicións, que foron variando de mes de celebración, gozaron de moi boa acollida debido a variedade de actividades e a interesante programación musical: polo seu escenario pasaron grupos como Family Folks, The Manueles, Su Garrido Pombo, Black Stereo, Nadie González, The Mirror ou Peter Punk.

O festival tamén se caracteriza pola súa relación coa natureza e o especial coidado á hora de ofrecer actividades para nenos e nenas, facendo del un evento ideal para familias. Esta cuarta edición celébrase o sábado 5, cun roteiro forestal da man da Comunidade Montes de Saiáns, e o domingo 6 de abril, cun evento que terá lugar na Baixada á Praia 83, en Saiáns, ao lado da Escola infantil municipal Costeira.

Haberá un certame de pintura ao aire libre da man de Mingos Teixeira, un mercado contemporáneo, un espazo familiar de 0 a 7 anos dirixido por Kenguru, torneo de pedra, papel e tesoiras organizado por Olga Méndez, obradoiros, foodtrucks e os concertos de Pakolas, Anxo Araújo, Chungo Pastel e Phantom Club.
