COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Volve o Morrasound, o festival máis roqueiro

Xa ruxen as guitarras ao outro lado da ría. O Morrasound Rock Fest confirma a súa V edición cun cartel de moita altura, algo que xa viña sendo habitual en anos anteriores: Los Enemigos, Inmaculate Fools ou Bala son algúns dos artistas dos que poderemos gozar os días 2 e 3 de xullo en Meira e Domaio, respectivamente.

The Brew tocando no Morrasound en 2019 | P. Vázquez

O Morrasound Rock Fest reinvéntase ante a COVID-19 cun novo formato adaptado. Esta reinvención, consistente na limitación de horarios, redución de aforo e na aplicación dun novo protocolo que respecte ao máximo as medidas de control e precaución. O principal cambio é a incorporación dun novo espazo para a primeira xornada de festival, o venres 2 de xullo. Será en Samertolameu (Meira, Moaña), cunha actuación infantil gratuita do mítico pallaso do Morrasound, Peter Punk, e o seu compañeiro Brais das Hortas. Pola noite o público adulto poderá desfrutar de dous concertos dos grupos galegos Enxeito e Zålomon Grass cun custo de 5€. Esta deslocalización permitirá achegar o evento ao centro da localidade.

O día seguinte, o sábado 3, realizarase no lugar habitual do evento, o espectacular Mirador da Fontenla (Domaio, Moaña). Nesta paraxe idílica poderemos gozar dunha das bandas de rock estatais máis importantes das últimas décadas: Los Enemigos. A banda capitaneada por Josele Santiago presentará o seu último disco Bestieza e repasará os grandes temas da súa longa traxectoria. Tamén estarán Immaculate Fools, BALA, The Broke e as portuguesas Anarchicks.

Non só haberá música: os espectáculos Hell Brothers de Circompakto e Circo de Lume de Asacocirco completarán o cartel deste día, xunto con obradoiros e actividades para os máis pequenos. A entrada para o sábado terá un prezo de 22€. Poderase mercar un abono para ambos días por 25€.

SONRIAS

Ante a situación sociosanitaria, o público desfrutará dos concertos en cadeiras pre-asignadas, respectando as distancias de seguridade. No caso do Mirador da Fontenla, o espazo estará dividido en parcelas, de ata seis cadeiras por cada unha, ata completar un aforo de 900 persoas. Ademais, non estará permitida a acampada, como o resto de anos. Lembremos que este pequeno festival autoxestionado pola Asociación Cultural Fontenla leva un lustro traendo bandas de gran nivel (Los Deltonos, Guadalupe Plata, The Brew, Julián Maeso, Arizona Baby, The Soul Jacket…) a un espazo tan infrautilizado como o Mirador da Fontenla. Unha cita ineludible para os amantes do rock.