VIALIA
bannerPicnicSesions

Pedro de Dios (Guadalupe Plata): “Sigo moi namorado da música que fago”

O último concerto de Guadalupe Plata preto das nosas terras foi na pasada edición do festival Morrasound, en Domaio. Os de Úbeda, ademais de deixar hipnotizados aos alí presentes, só intercambiaron en toda a noite un conciso “boas noites” co público. De aí a nosa sorpresa ao falar con Pedro de Dios, cantante e guitarrista da agrupación, e descubrir que en realidade trátase dunha persoa do máis locuaz. Este sábado volven co seu blues pantanoso e a súa atmosfera infernal a La Iguana, na que promete ser unha das noites de rock do ano. Podes mercar aquí as entradas.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Vides de sacar fai uns meses o voso último disco, que leva por título Guadalupe Plata, como todos os anteriores. Despois de cinco discos e un EP co mesmo nome, supoño que en elixir o título é no que menos tempo invertides, non?

Pois a verdade é que si. Gústanos así, non é por nada.

Entón seguirá sendo así?

Eu creo que si. Aínda que nunca se sabe. Gústanos como queda a portada sen título.

A pesar de que o voso son afástase moito do considerado comercial, tedes bastante éxito tanto de crítica como de público, e mesmo ao longo destes anos conseguistes premios como o MIN, o IMPALA ou o Ollo Crítico. Faivos ilusión gañar estes galardóns?

Sempre é agradable que che digan o ben que o fas e o ‘bonico’ que es, pero tamén pensamos que os premios non representan a realidade. Quen che di a ti cal é o mellor disco de Europa? En base a que e cando? Agradan pero non son representativos de nada. Que non nolos cremos moito, vaia. Ademais penso que a música e a arte en xeral non é unha competición na que hai primeiros, segundos e terceiros.

Outra cousa que me chama a atención é que os vosos concertos son unha especie de ritual, no que a iluminación se mantén vermella todo o tempo e no que non intercambiades apenas palabra co público. A que se debe esta sobriedade?

En realidade é pola música e facemos e como a plantexamos. Por poñer un exemplo, aínda que poida soar soberbio, se vas a un concerto de música clásica, o director entre peza e peza saúda ao público e di o que van tocar a continuación. No noso caso iso rompería a atmosfera que se crea. Se é necesario dicir algo pois se di, pero a min gústame saír a tocar sempre o mellor e o máis concentrado posible. A música que facemos tende a ser escura, polo que non lle vexo moito sentido estar a axitar á peña. Fora do escenario somos xente moi cercana.

Tes algunha opinión respecto aos bises? Ás veces da a sensación de que os grupos séntense obrigados a baixar e subir de novo a escenario, case de maneira protocolaria.

A min encántame tocar, e se vexo que o público quedouse con ganas de máis, non teño problema en facelos. O que non ten sentido e facelos porque si.

Xa van 10 anos desde o voso primeiro álbum e seguides sendo os tres de sempre, os discos seguen a chamarse igual e o voso estilo, aínda que con algunhas variacións, mantense fiel ao que faciades ao principio. Se algo funciona non hai necesidade de cambialo, non?

En realidade non nos plantexamos se funciona ou non funciona. Non deixamos de facer o que nos gusta. Eu estou moi namorado desta música e sigo a estalo. Segue a gustarme facer este tipo de música, por enriba de fórmulas ou de gustar á xente. Guiámonos por puro instinto, senón nos converteriámonos nunha empresa ou nunha marca.

Tamén vin nunha entrevista na que vos preguntaban que esperar do voso seguinte disco, e un de vós contestou “máis do mesmo”. Moi poucas veces viuse a un artista responder con tanta honestidade a esa mesma pregunta.

E que é certo, é máis do mesmo. Será o que somos. Cando me poño a analizar aos artistas que máis me gustan, os meus patróns ou santos, observo que a súa música sempre é máis do mesmo durante toda a súa carreira. Poden variar certos sons, pero non deixan de ser eles facendo o seu. Gústame ser honesto co que fago, tampouco tes por que gustarlle a todo o mundo.

Cales son eses patróns ou santos dos que falas?

Pois cada dían van cambiando, pero teño algúns estáticos que nunca fallan. Podería falarche de John Lee Hooker, Hank Williams, Johnny Cash, Mississippi Fred McDowell, Jimmi Hendrix, Charlie Patton, Buck White… Tamén Antonio de Bribiesca, cunha guitarra máis estilo mexicana. Depende do día dáme máis polo rock n roll, polo jazz, pola psicodelia ou polo mambo. Son como os menús, cada día dáme por unha cousa.

Como creaches ese estilo tan particular á hora de tocar a guitarra?

Eu comecei a tocar co meu pai, que me ensinou os acordes, e coas miñas primas, que me ensinaron algo de flamenco ou de clásica. Tamén mercaba cursillos destes por fascículos que me ensinaban un pouco de cada cousa, e cando me deixaban unhas cintas pois me gravaba. Fun aprendendo de todo sen prexuízos, asimilando o máximo posible. Co tempo e con todas esas ferramentas, vas xerando un regusto cara certas cousas e imaxinas como pode ser o teu propio son. E aí seguimos, porque isto non ten fondo.

Sodes un grupo moi de directo, tanto que mesmo algúns dos vosos discos gravádelos así, todos xuntos na mesma habitación.

Estes dous últimos discos non o foron tanto. Gravamos a base de guitarra, baixo e batería xuntos pero despois voltamos a regravalo por enriba. Fixemos un pouco de trampa. Pero creo que quedaba mellor, así que por que non facelo? Aínda que despois digamos moitas parvadas, non nos gusta casarnos con nada. Paréceme interesante probar diferentes cousas. O de gravar en directo debería ser case obrigatorio nalgúns xéneros. Sendo un talibán de algo pechas moitas miras. Nestes últimos discos tamén tivemos máis tempo de estudio. Pasamos de tres días a polo menos dúas semanas.

Falando deste último disco, apostastes  por un son aínda máis cru, co barreño como baixo principal, unha batería pouco microfoneada e a guitarra soamente enchufada a un amplificador, ademais de utilizar instrumentos pouco comúns como a bandurria, unhas castañuelas ou unha botella de anís. Como xorden estas ideas tan particulares?

Xorden no momento en que queres darlle identidade ao son. Coller do cabelo a un xénero xurdido na outra punta do planeta e traelo á túa terra, e poñerlle un traxe ou unha cobertura máis castiza. Elementos como a bandurria ou a botella de anís son bastante típicos, e particularmente a min gústanme. Tamén collendo a idea do disco Gris-Gris de Dr. John, no que mestura o blues con música tribal africana. Loxicamente non podo nin comparar o noso disco co del. 

Tamén sodes artesáns facendo en ocasións vosas propias portadas ou fotos promocionais.

Carlos [Jimena, batería] é fotógrafo. Tendo na banda a alguén que sabe de fotografía, que sabe o que nos gusta e que somos amigos de toda a vida, que mellor que faga el a imaxe da banda. Tanto a fotografía como a ilustración queremos que teña un sentido coa música que facemos.

Ou sexa que coidades a imaxe case tanto como a música.

Eu creo que si. É o envoltorio. Se é máis afín á música pois mellor, máis completo.

Comentabas nunha entrevista que para ti a letra das cancións é “un complemento” da música. Empezades compoñendo sempre a parte instrumental primeiro?

Ou ao revés, pero normalmente empezamos pola música e despois vén a letra. Ou non vén, porque considero que moitas veces se lle dá unha importancia as cousas que non a teñen, neste caso as letras, se a canción ten máis ou menos letra. O importante é que che guste ou non che guste, xa está.

Como consumidor música, fíxaste moito nas letras?

Claro, claro, non é que eu teña unha cruzada contra as letras. A min encántanme. Cando hai unha boa letra e unha boa música é algo alucinante. A maioría da música que escoito está en inglés, entón loxicamente só me quedo con pequenos anacos. E cando si a entendo, gústame ver como a letra está en sintonía coa música. Gústame moito o que compoñía case todas as letras de José Alfredo Jiménez. Encántanme as letras dos mariachi. Tamén de Camarón, de Bambino, de Los Chichos incluso. Son sinxelas pero moi honestas.

Actuastes en Estados Unidos, Sudamérica, Francia, Inglaterra, Alemaña… que tal recíbese a vosa proposta noutros países?

REVISTA ABRIL

Pois ben, a verdade é que a onde fomos sempre nos sentimos queridos. Penso que o que facemos ten un punto de universalidade, porque parte do rock n roll e do blues. Non hai unha barreira lingüística. Se a música está ben feita non ten por que ter barreiras. O idioma non ten maior importancia.

Hai algún grupo ou artista galego que vos interese especialmente?

Triángulo de Amor Bizarro é un grupo que está de puta nai. Ía dicir outro pero non me lembro do nome. Teño a cabeza fatal.

(GMT+01:00) La Iguana Club

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.