CAMELIAS MASCOTAS

Volve o concurso CreaClásica na procura de novos talentos

A pasada semana presentouse a segunda edición de CreaClásica, un concurso impulsado en 2019 pola Orquesta Clásica de Vigo que se realiza en colaboración coa Fundación SGAE, que busca novos talentos no eido da composición na música sinfónica.

REVISTA NOVEMBRO
Concerto da Orquesta Clasica no Castelo de Soutomaior | Olalla Lojo

CreaClásica é un concurso de composición destinado a novos compositores galegos. Un proxecto que aposta pola difusión e recoñecemento de novos talentos e que busca, ademais, incrementar o repertorio sinfónico galego contemporáneo.

Nesta edición marcada polas limitacións derivadas da crise sanitaria da COVID-19, a Orquesta Clásica de Vigo aposta polo formato audiovisual, nunha convocatoria na que a obra que resulte gañadora será gravada pola orquestra e emitida a través das canles da Orquesta Clásica de Vigo.

Este concurso de composición está destinado a ofrecer unha plataforma para todos aqueles compositores galegos que saen dos nosos conservatorios e que, a día de hoxe, non contan cun espazo destinado a divulgar e difundir as súas creacións. Por este motivo queren darlle continuidade a este proxecto, pois entenden o seu alto valor social e artístico, adaptándoo aos tempos da COVID.

Algunhas das condicións para participar son as de ser socio da SGAE, non exceder máis de 5 anos desde a obtención da titulación superior, ter obra sinfónica publicada ou presentar un proxecto inédito entre os 10 e 15 minutos de duración. Para consultas as bases completas, preme aquí.