CAMELIAS

Volve Musicav, o festival de jazz e música clásica promovido por Vitruvia

Hai meses publicabamos un artigo no que falabamos da ausencia de festivais de jazz en Vigo tras a desaparición do ImaxinaSons. Por sorte, seguen a existir iniciativas privadas como Musicav, un ciclo de concertos de jazz e música clásica promovido por Vitruvia Café, un dos locais que máis fai por manter viva a chama do jazz. Nesta segunda edición, tras o éxito da primeira, propoñen sons cubanos ou cinema musicado, entre outras cousas. Os concertos terán lugar os martes e mércores ao longo de dúas semanas de novembro no auditorio do Teatro García Barbón, sempre ás 20:30. Existe a opción de mercar o abono por 50 € para os catro concertos ou mercar entradas individuais desde 15 € cada unha.

Actuación de Blue Summit Quintet na primeira edición do Musicav | P. Cermeño

A cultura galega, española e cubana fusiónanse nun proxecto musical liderado polo prestixioso e multipremiado pianista, compositor, arreglista e produtor galego Alberto Conde. Xunto a el, a brillante cantante cubana Diana Tarín e un elenco excepcional de nove músicos galegos e cubanos. Un proxecto que se converte nunha viaxe sonora que celebra a unión musical e cultural entre a Península Ibérica, Nova York, Galicia e Cuba.

Corrente do Golfo acumula premios e distincións pola calidade da súa fusión de estilo e polos seus arranxos musicais cheos de creatividade. O seu líder, Alberto Conde, é unha figura do jazz galego e español, con once discos gravados, múltiples colaboracións e un estilo creativo e son enmarcados no World-Jazz de orixe ibérica.

“De Bach a Glass” reúne a catro grandes e próximos intérpretes de música clásica nun repertorio escollido que inclúe a Bach, Beethoven, Paganini, Tchaikosky e Shumann. Piano só, música de cámara, violín e voz. Na primeira parte: Paula Diz, intérprete viguesa de 19 anos premiada internacionalmente e alumna do prestixioso Yuri Volguin, é unha das promesas nacionais do violín. Acompáñaa Iván Fernández, pianista vigués de brillante traxectoria académica e virtuoso repertorio solista. Na segunda parte, a soprano Beatriz Riobó, que tras o seu paso polo Royal College of Music de Londres, protagonizou os principais papeis operísticos por toda Europa. Ademais o tenor e pintor alemán Ralf Glasz, membro dunha familia de artistas, cunha importante carreira en óperas e musicais e afincado en Galicia. Con eles tocará a pianista lituana Rasa Biveiniene, galardoada “Galega Destacada” polo seu labor divulgativo e concertística en Galicia e premiada polo Ministerio de Cultura lituano pola súa achega cultural ao país.

Rosanna Ojea, unha das organizadoras do ciclo | P. Vázquez

O trío liderado por Alfonso Medela logra poñer en pé a todo ao público en espectaculares ovacións ao final dos seus concertos. O seu virtuosismo e a súa enerxía logran engadir varias decenas de afeccionados ao jazz en cada unha das súas actuacións. Acompáñano dous músicos cos que a sintonía é máxima: Óscar Rodríguez no contrabaixo, músico cubano que desde hai máis de 20 anos vive en Vigo e L.A.R Legido na batería, un músico que en cada concerto sorprende cos seus recursos musicais. Todos eles percorreron, xuntos e por separado, as principais salas nacionais de jazz, cun repertorio de standars que ofrece momentos explosivos onde o swing e a diversión cativan a todo o público.

REVISTA OUTUBRO

El maquinista de La General considérase unha das mellores películas americanas da historia. Protagonizada por Buster Keaton, é unha comedia de acción e aventura dos últimos anos do cinema mudo. A súa banda sonora corre a cargo de Caspervek, agrupación especializada na interpretación en directo da banda sonora de películas mudas. Caspervek é actualmente unha referencia dos cinema-concertos de cinema mudo a nivel europeo. O seu líder, Brais González, é un novo compositor galego que sempre destacou pola súa versatilidade, compoñendo desde música de cinema a música de cámara e mesmo ópera. Música que vai desde o jazz, o swing, a clásica e o folclore americano soará nesta creación de Caspervek para esta gran comedia e película de todos os tempos, El maquinista de La General.