O festival Vigo Jazz Class volve encher de música a Alameda

O café Vitruvia organiza a terceira edición do festival Vigo Jazz Class que ofrecerá catro xornadas de concertos gratuítos na praza de Compostela entre o mércores 28 de xuño e o sábado 1 de xullo.

Vigo Jazz-Class | P. Vázquez

A música clásica e o jazz volverán soar entre as árbores centenarias da Alameda este verán. A terceira edición do Festival Vigo Jazz Class convídanos a despedir o mes de xuño con catro concertos gratuítos nun dos espazos verdes máis emblemáticos da cidade. Detrás desta coidada selección musical está a cafetería Vitruvia, un espazo que se caracteriza pola música é que moitos xoves ofrece concertos ao vivo, principalmente destes dous xéneros musicais. Os organizarores deste festival queren sacar a música clásica e o jazz a un espazo público para que todo o mundo a poida desfrutar.

REVISTA VERAN

Todos os concertos serán de acceso libre e comezarán ás 21:00 h. Inaugurará o festival a Imagine Jazz Orchestra o mércores 28. Esta big band galega dirixida polo prestixioso músico Joan Chamorro estará acompañada no escenario por músicos da San Andreu Jazz Band. Tamén actuará canda eles Andrea Motis, que con 28 anos e sete discos publicados é unha das figuras destacadas do jazz internacional. Ao día seguinte, Vigo Ensembre e Trío Inter ofrecerán un concerto no que repasarán a música clásica desde comezos do século XVIII á actualidade interpretando temas de Bach, Schubert, Chopin, Strauss e Glass entre outros. O venres 30, o pianista do Carballiño Alfonso Medela subirá ao escenario da Alameda acompañado, como é habitual, por Óscar Rodríguez tocando o cotrabaixo e L.A.R. Legido a batería. Despide o evento o sábado 1 de xullo a Orquestra Vigo 430. Baixo a batuta de Pablo Puga, esta agrupación fará un percorrido pola música barroca, coa participación da talentosa soprano viguesa Beatriz Arenas.